mércores, 23 de novembro de 2011

23 de novembro: Domingo I de Advento (B)

FOLLA SEMANAL

 
Por Manolo Regal Ledo

 
O EVANXEO DE CADA DOMINGO

 


Evanxeo: Mc 13, 33-37
                                                               Comentario                                                             

  • Tempo de Advento, tempo do baleiro e parcialidade do ser humano, da historia, abertos á totalidade e plenitude de Deus. Tempo da verdade radical do ser humano, en camiño, en busca. Outra é persoa, outra historia concreta, diaria, é posible no nome de Deus.
  • Aínda que a liturxia é abundante pedindo que Deus veña, o Evanxeo asegúranos esa chegada e pon o seu acento na urxencia de sermos xente esperta, xente atenta ao Deus que chega. Onde, cando, como menos se espera, chega.
  • Estar en vela, espertos/as, estar alerta, non estar durmidas, son verbos repetidos neste Evanxeo, que inciden todos na mesma actitude: disposición a atender á primeira o paso de Deus pola nosa vida.
  • Estar en vela, activos/os, xestionando convenientemente a responsabilidade daquela parte da casa que o Señor nos puxo nas mans. A casa é a comunidade cristiá, a Igrexa. A casa é o pobo, o país onde vivimos. A casa é o mundo.
  • Estar en vela ante o que está acontecendo en Galicia, en España, no mundo, nestes tempos convulsos, sobre todo no que lle afecta ás persoas máis débiles e marxinais.
  • Non unha chamada á espera de quen teme que lle sobreveña algo malo. Si unha chamada á espera de quen ama, á espera do amado que chega coas súas gratificacións.
  • Cristián, cristiá: a persoa que está en vela descubrindo, gozando, anunciando a chegada e presenza de Deus no medio de nós.

  
                                                                      Preces                                                                

 
QUE A NOSA VIDA,  DEUS SE ENCHA DA TÚA PRESENZA.
  • Que saibamos descubrirte presente e acollerte na nosa vida diaria, familiar, veciñal. Oremos.
  • Que che abramos as portas cando petas vestido de inmigrante ou de xente que está no paro e clama por unha sociedade xusta, democrática, fraterna de verdade. Oremos.
  • Que acollamos a túa presenza leda cando o encontro, a festa, a ilusión, a risa conmove as nosas vidas. Oremos.
  • Que non te evitemos cando te achegas a nós con críticas nas mans, advertíndonos da nosa pereza e falta de implicación na construción xusta da nosa sociedade. Oremos.
  • Que te busquemos con sinxeleza e honestidade, ata atopar en ti a razón fonda da nosa paz, da nosa vida, da nosa morte. Oremos.
 
                                                                       Pregaria                                                                 

 
Canto nos fas falla, Señor,
para encher de soños as nosas vidas chatas!
Canto nos fas falla para espertarmos,
para abrir os ollos e o corazón!
Canto nos fas falla, Señor!

Canto nos fas falla, Señor,
para ensinarnos a amar o mundo
e a construílo ao teu xeito e semellanza:
amplo e cordial,
xusto para todos e todas,
privilexiado para as persoas débiles!

Canto nos fai falla, Señor,
o teu sol, a túa luz, a túa ledicia,
alumeando tebras e tristuras,
espertando ánimos, abrindo liberdades,
dando lucidez na hora densa dos compromisos!

Canto nos fai falla, Señor,
o teu alento para a tarefa de cada día,
e atopar nel un oco para o noso cansazo!

Canto nos fai falla, Señor,
a túa calor neste inverno,
a túa aperta de nai,
o teu fogar, a túa mesa, o teu pan.

Canto nos fas falta ti, Señor,
e contigo os irmáns,
todos os irmáns,
todas as irmás!
 
 
                                                                     Signo                                                                         

  • A imaxe de alguén petando a unha porta.
  • Ou alguén en actitude de vixiar, de estar atento, á escoita.
  • Ou unha imaxe dunha cidade, dunha rúa con xente, da natureza, co texto:
ESTÁS AQUÍ, PETANDO Á MIÑA PORTA