xoves, 29 de decembro de 2011

1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María


FOLLA SEMANAL

Por Manolo Regal Ledo



O EVANXEO DE CADA DOMINGO

Evanxeo: Lc 2,16-21

 
                                                                         Comentario                                                                       
  • Lucas ofrécenos un relato sobre o nacemento de Xesús cheo dunha fantasía preciosa e suxestiva, a través da cal nos transmite vivencias básicas, actitudes fundamentais para entender a presenza total de Deus en Xesús, naquel neno fráxil que se amosa en Belén.

mércores, 21 de decembro de 2011

25 de decembro: Nacemento do Señor

FOLLA SEMANAL

 
Por Manolo Regal Ledo
O EVANXEO DE CADA DOMINGO

 

Evanxeo:  Misa da noite: Lc 2,1-14. Misa do amencer: Lc 2,15-20; Misa do día: Xn 1,1-18.

 
                                                                         Comentario                                                                       
  • Podemos celebrar o Nadal ben na Misa da noite do 24, no amencer do 25, ou na Misa do día do 25. Para cada un destes momentos a liturxia ofrécenos lecturas distintas, que contribúen a achegarnos desde diferentes vivencias e perspectivas a un acontecemento tan fundamental para a vida cristiá: a presenza total de Deus na nosa historia, concentrada fundamentalmente no corpo fráxil dun neno nacido de pouco.
  • O relato de Lucas ten un aire completamente humanizado, vivo e cordial. Unha parella en viaxe obedecendo ordes políticas do poder establecido; unha muller a punto de parir obedecendo leis normais da natureza, nas que o autor intúe fonduras de amor dado e respondido, que van máis aló das simples aparencias; un parto apresurado, atendido como mellor se podía nunhas circunstancias pobres, limitadas, marxinais; uns pastores que van e veñen obedecendo sentimentos espontáneos de solidariedade, nos que se visibiliza a solidariedade fondísima de Deus con toda a humanidade sufrinte; anxos por aquí e por alí (onde aparece un anxo sempre se está a falar de algo maior que nos transcende ou pola súa grandiosidade, ou –como é neste caso— pola súa desconcertante simplicidade), que nos incitan a arrecantar os medos e a abrir os corazóns á ledicia máis fonda e plena; presenza de Deus desbordante nun marco vivo e real de pobreza e de solidariedade, que non é doado entender, acoller, agradecer, celebrar, e que por iso demanda corazóns silenciosos, acolledores coma o de María.
  • Faríamos mal en entrar a preguntarnos se tal ou cal cousa pasou ou non pasou así. Lucas non pretende narrar historia, senón transmitir certeza, convicción, fe, vivencia: Deus presente de forma absoluta e total na persoa e na vida de Xesús de Nazaré; o mundo da pobreza e da marxinación, onde xurde e medra a solidariedade coidadora, como espazo preferido por Deus para a súa manifestación en carne humana.
  • O evanxelista Xoán dinos o mesmo, pero neste caso na forma dunha viva e sentida meditación teolóxica, na que quedamos todos e todas incluídas. Deus non é absentista; o seu ser realízase na presenza, na comunicación; estamos vivos/as, vivimos en Deus; a carne, a existencia humana, a historia, a debilidade do presente todo iso é lugar propio de Deus; todo iso está embarazado de Deus. Xesús, coma fillo de Deus, vivenciou a fondo todo isto, desvelounos a nosa identidade máis fonda e real, a nosa condición de fillos/as, de criaturas onde Deus nun máximo de humildade se materializa e nos descubre o máis limpo e fermoso da nosa condición humana. Xoán invítanos a entrar neste mundo de luz e de dignificación humana.
  • Podemos caer na tentación de ler e meditar o texto de Xn 1,1-18 converténdoo nunha fantasía espiritual, tanto menos divina canto máis a apartemos da realidade humana que nos rodea. Lucas, coa súa narración humanizada e contextualizada, pódenos axudar a vivir o misterio do Nadal –Deus encarnado, mundanizado--, empuxándonos e poñerlle rostro presente ás conviccións relixiosas, e animándonos e escoller os espazos de solidariedade real coma os únicos onde se realiza a presenza de Deus, que todo el é apego, amor, solidariedade.
                                                                         Preces                                                                               

 
QUE A LUZ DE DEUS ALUME AS NOSAS VIDAS 

  • Que nos deixemos visitar e acompañar por Deus en todas as horas e circunstancias da nosa vida. Oremos xuntos/as.
  • Que sexamos sempre xente positiva, e acollamos a luz, a alegría, a forza que nos pode vir das persoas que nos rodean a diario. Oremos xuntos/as.
  • Que, sendo crentes e precisamente por selo, saibamos estar moi a carón das persoas que vexamos débiles, necesitadas, marxinadas e nos poñamos ao seu servizo en todo o que podamos. Oremos xuntos/as.
  • Que nos animemos a participar en asociacións de todo tipo, en sindicatos e partidos políticos, e que o fagamos honestamente, buscando non as nosas comenencias, senón que a vida lles vaia mellor a quen nestas horas de crise o están pasando tan mal. Oremos xuntos/as.
  • Que o novo goberno de España acerte a defender o pan dos pobres, o traballo dos parados, a dignidade das mulleres, a esperanza dos inmigrantes, as expectativas da xente nova, os dereitos de todos os cidadáns. Oremos xuntos/as.


                                                                         Pregaria                                                                            

Feliz aniversario, Xesús,
feliz aniversario!

Lembras?
Aquel nacemento teu tan chocante,
tan pobre, tan humilde,
como era normal en quen era fillo
dun pai e dunha nai pobres e humildes,
dun pobo pobre e humilde,
afeito a abusos e exclusións!

Aquel nacemento teu
por fonda e sinxelamente humano tan divino,
e por divino tan fonda e sinxelamente humano!

E logo os días, os meses, os anos,
os coidados da nai, do pai e da familia,
as influenzas do teu pobo, da túa cultura,
o Espírito humildemente actuando
lentamente, coma quen non quere a cousa,
ata ese estoupido de graza e de verdade
no que te convertiches
para gloria e bendición de todos e todas nós.

Feliz aniversario, Xesús!
Felices nós no teu aniversario,
sabendo que as cousas son así para todo o mundo,
que Deus é así de familiar e de entregado para todo o mundo,
que misteriosamente
xongue a súa sorte coa nosa,
a súa vida, coa nosa,
o seu Espírito, co noso,
a súa carne, coa nosa.

Feliz aniversario, Xesús!
Felices nós por ti,
que desde aquela bendita hora
quedamos asolagados nun mar de amor,
de solidariedade real e eficiente,
que lle dá norte e forza aos nosos amores cotiáns,
aos nosos compromisos e desvaríos!

Estaremos á altura de tanta bendición?
Saberemos acollela, agradecela, vivila felizmente?
Saberemos ir vertendo nos pequenos moldes do cotián
tal enxurrada de luz e de solidariedade?

Feliz aniversario, Xesús!
Sabemos que a túa presenza
se perpetúa entre nós
no rostro de cada criatura habitada por Deus,
nos rostro sen rostro de calquera pobre sufrinte.

Por iso, máis aínda,
un bico, unha aperta,
agarimosa e agradecida,
comprometida.

Feliz aniversario, Xesús!


                                                                         Signo                                                                                 

  • Unha representación do portal de Belén, que desde San Francisco, parece, se perpetuou entre nós coma símbolo da tenrura de Deus e da xente.
  • Ao lado unha imaxe ou representación dalgunha realidade actual onde, por inclusión ou por exclusión, poidamos ver o rostro humanizado de Deus, e o seu ofrecemento e chamada.

sábado, 17 de decembro de 2011

Celebración do Advento

Escola de Espiritualidade
Curso 2011-2012

CELEBRACIÓN DO ADVENTO

1.- Presentación. Ensaio de cantos.

2.- A HORA DE ISAÍAS:   A HORA DOS SOÑOS
  • Presentación
  • Entrada da cesta dos soños
  • Silencio
  • Lectura de Isaías: Is 11,1-10.
  • Cantiga:   
XURDIRÁ, XURDIRÁ,
SABEMOS QUE ESTÁ ALÍ
DETRÁS DO NOSO ESFORZO
O TEU REINO DE AMOR,
DE LIBERDADE E PAZ.
CHEGARÁ, CHEGARÁ,
OLLAMOS CARA A ELA,
UNHA ALBORADA NOVA
QUE TRAIA A LUZ DO DÍA
DA VICTORIA FINAL.

Presentación de soños, nosos ou alleos (imos acendendo veliñas ao redor da cesta dos soños).
3.- A HORA DE XOÁN BAUTISTA: A HORA DA POBREZA RADICAL, APAIXONADA, COMPROMETIDA
  • Presentación
  • Entrada do saco de Xoán, o saco do pobre.
  • Silencio.
  • Lectura de Mc 1,1-8.
  • Cantiga:
ÍA DICINDO POLOS CAMIÑOS
AMIGO SON, SON AMIGO.

Imos recoñecendo o noso pecado, botamos no saco de Xoán, o saco do pobre botamos algo das nosas riquezas inxustas (Tamén acendemos veliñas de paso).

4.- A HORA DE  MARÍA DE NAZARÉ:  A HORA DE FACERSE SEO E BERCE
  • Presentación
  • Entrada do berce.
  • Silencio.
  • Lectura de Lc 1,26-38.
  • Cantiga:
MIRA, MEU DEUS,
AQUÍ ESTOU PARA QUERERTE;
ESTAS MANS,
ESTAS MANS PARA SERVIRTE
EN QUEN MÁIS PRECISE DELAS.

Imos expresando o que nos suxira a figura de María, a vontade de Deus de encarnarse en nós, a nosa disposición ou non a prestarnos ao que Deus nos pida (Acendemos tamén veliñas arredor do berce).

5.- FACEMOS O NOSO BELÉN

  • Monición.
  • Construímos un Belén vivinte ao redor da cesta dos soños, do saco do pobre e do berce..
  • Cada un comenta de que fai, por qué.
  • Cantiga:
AI, CANTO AMOR,
AI, CANTO AMOR,
NUNHAS POBRES PALLAS
NACERÁ O SEÑOR.


Presentación de Isaías:

Os tempos de Isaías eran tempos críticos. O país estaba en desfeita. As grandes poteencias militares e políticos daquel tempo impoñían o seu dominio. As esperanzas estaban case mortas. Era imposible soñar algo distinto. Todo estaba pecho e escuro ao redor.
Neste contexto tan opresor aparece Isaías, lanzando mensaxes de esperanza. Soñando cousas que poderían ser motivo de risa. Non eran cousas sen fundamento. O fundamento era Deus coa súa disposición manifesta de estar ao lado da xente humillada, para axudala a reconstruír as súas vidas, por dentro e por fóra, a nivel persoal e a nivel social.
Os soños de Isaías prolónganse ata os nosos tempos.

Presentación de Xoán Bautista:

Os tempos de Xoán Bautista tampouco eran nada bos.  Outra grande potencia militar dominaba o país. A xente máis pequena e marxinada cargaba co maior oprobio e explotación. A relixión estaba dormida, ou ensimismada no templo, ou levada por un legalismo que fundía máis aínda a vida da xente máis débil. En todo caso allea aos intereses de salvación do pobo. Pero o pobo suspiraba por algo novo.
E veu Xoán. Un personaxe entrañable, moi admirado por Xesús, onde quen Xesús, sen dúbida, aprendeu moito na súa maneira de se situar ante Deus, ante o pobo.
Xoán pertencía á cultura do decrecemento: pobre, austero, no vestir, no comer. Pobre material e pobre espiritual; descentrado de si mesmo, para dar paso ao máis grande de Deus, encarnado en Xesús. Era un pobre apaixonado pola xustiza de Deus entre a xente. Crítico de relixión existente, crítico dos poderes abusadores, que o acabaron matando.
Apostou de xeito comprometido pola acción de Deus no medio da xente; equivocadamente en cousas, parece, pero era o home do perdón e, sen sabelo, da sobreabundancia de Deus.
Un bo espello onde nos mirar en cada Advento, sempre.

Presentación de María de Nazaré:

María era unha muller de aldea, pobre, crente, casada, aberta ás dores do pobo, aberta á irrupción de Deus. Soñadora con Isaías, comprometida coma Xoán. Non sabemos o que pasou pola súa vida, polo seu corpo, polas súas entrañas. Nin nos interesa. Sabemos que ela foi fiel a Deus ata o extremo, e que no seu fillo Xesús foi descubrindo a presenza absoluta de Deus.
O relato vital de María orienta sobre Xesús. Aquel Xesús de Nazaré, fillo do carpinteiro e de María, era tan fondamente humano, tan creativo, tan apaixonado por Deus e pola xente, tan cheo do seu Espírito, que non podía se non ser cousa de Deus en todo, absolutamente. María sempre ao servizo do misterio de Xesús.
E, como dicía, a mística da Idade Media, de pouco nos valería crer na encarnación de Deus en María, se non cremos na encarnación de Deus en cada un de nós.
Estamos chamados todos a quedar embarazados de Deus polo Espírito, a sermos cada un, cada unha Deus encarnado, coma Xesús, á luz de Xesús, que nos desvelou todo isto a fondo. Como pode ser isto, se eu non coñezo varón? María é a mestra.

Traballo entre sesións: 17 de decembro de 2011 - 28 de xaneiro de 2012

PISTAS PARA O TRABALLO ENTRE SESIÓNS
(Segunda sesión: do 17 de decembro de 2011 ao 28 de xaneiro de 2012)


Lecturas

Ø  TORRES QUEIRUGA, A., Os sacramentos hoxe: significado e vivencia (do material entregado pola Escola de Espiritualidade.
Ø  BOF, LEONARDO, Los sacramentos de la vida

             Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:
  • Como che ensinaron que Deus actúa nos Sacramentos, e como pensas ti acerca diso?
  • Que cres que significa a expresión “ex opere operato”?
  • Se os Sacramentos non son un milagre invisible ou unha acción máxica, que eficacia poden ter?
  • Como entendes ti a acción de Deus e a acción humana nos Sacramentos?
  • Que experiencia tes ti da vida sacramental?
Tamén podes ler:

SACROSANCTUM CONCILIUM (O Santo Concilio), Constitución do Concilio Vaticano II sobre a Sagrada Liturxia, no seu capítulo II, que trata sobre o “sacrosanto misterio da Eucaristía”, e no capítulo III, que trata sobre os demais sacramentos e sacramentais. Son cousas moi sinxelas, orientacións e reformas que nos poden parecer tímidas, pero que naquel tempo tiveron moita importancia; cousas sinxelas que interesa coñecer e manter, porque hoxe hai correntes na Igrexa que nin eses mínimos de reforma queren manter.

Palabra de Deus

EVANXEO DE XOÁN, e del especialmente o que se deu en chamar “libro dos signos”: Xn 1,19-12,50.
O evanxeo de Xoán é un evanxeo todo el sacramental, no que o autor pon na boca de Xesús catequeses bastante longas, coas que fai unha presentación de Xesús Cristo a partir da interpretación simbólica, metafórica, sacramental de cousas ordinarias que forman parte da nosa vida diaria: auga, viño, comida, pan, luz, porta, morte, vida...).
Desde esta perspectiva simbólica, sacramental, podes ler todo o Evanxeo, ou, a modo de exemplo, o diálogo de Xesús coa muller samaritano (Xn 4,4-42), a curación do cego de nacemento (Xn 9,1-41), a morte e resurrección de Lázaro (Xn 11,1-57).
Non hai que buscar aquí ningún tipo de definición ou teoría sacramental, pero si coma un magma simbólico no que a realidade sacramental ten os seus cimentos. Sen esta capacidade de entrar e vivir a fondura palpitante dos símbolos, a súa capacidade de suxerir, de orientar cara ao misterio de Deus na nosa vida, é difícil poder vivir despois con gozo, proveito e agradecemento os sacramentos concretos da Igrexa.
Podemos descubrir que a vida toda ela é un espazo sacramental, que nos abre aos Sacramentos e no que os Sacramentos atoparán ou non realización cumprida.

ORACIÓN E VIDA CRISTIÁ DESDE O EVANXEO DE CADA DOMINGO

            Por se a alguén lle pode interesar, igual que para a primeira sesión propuxemos un método concreto de facer oración e manter a nosa espiritualidade no día a día, tamén agora vos propoñemos outro, baseado fundamentalmente no evanxeo de cada domingo.
            Por que este método baseado no evanxeo de cada domingo, cando podemos ler o evanxeo que para cada día nos propón a liturxia da Igrexa, ou, sen máis, calquera de nós pode ler diariamente un evanxeo ou outro, ou calquera parte da Palabra de Deus? 
            Propoñemos o método baseado no evanxeo de cada domingo, porque os cristiáns/cristiás corremos o risco de ler, escoitar, de pasada, sen afondar na mensaxe que se nos propón e na transcendencia que a aceptación desa mensaxe pode ter para a nosa vida. Un evanxeo, outro, outro..., unhas pinceladas de fervor por fóra, e todo máis ou menos vai seguindo igual nas nosas vidas.
            Velaquí o que podería ser o método do evanxeo de cada domingo.

O EVANXEO DE CADA DOMINGO

v  Leo individual e/ou comunitariamente o evanxeo que toca para o domingo próximo, para prepararme algo para a celebración do domingo: palabras, xestos, actitude de Xesús, ante Deus, ante a xente concreta; palabras, xestos, actitude das outras persoas que aparecen no relato. Acólloo especialmente desde a perspectiva de Bona Nova: que se me regala neste evanxeo; e só nun segundo momento desde unha perspectiva de compromiso: que podo facer eu para axudarlle a Xesús na construción do Reino de Deus? Anoto no meu caderno de oración ou de vida, o que máis me tocou dese evanxeo.
v  Con esa preparación previa participo na celebración do domingo coa miña comunidade, na parroquia ou onde sexa. Quizabes o espazo celebrativo distinto, quizabes as palabras do sacerdote, ou outras circunstancias da vida, me axudan a afondar no que xa me chamara a atención dese evanxeo, ou me vai abrindo pistas novas. Anoto tamén o que me vaia sucedendo ao respecto.
v  Durante a semana dedícome na miña oración a afondar nese pedaciño de evanxeo, e non máis.  Esfórzome cada día por estar un anaco de tempo orando en silencio, permitindo que os ecos dese evanxeo se compenetren coa miña vida de cada día, para iluminala, dinamizala, perdoala, cambiala. Fago un esforzo por escoitar os ecos desa evanxeo na vida que me rodea. Anoto cada día aquel aspecto concreto que na oración dese día máis me chegou ao fondo da alma.
v  Tiro do fío desas cousas que vou experimentando, non as deixo morrer, axudo a que se prolonguen na miña vida de cada día, e a que se convertan en comportamentos novos, en novas maneiras de relacionarme, en tomar esta ou aquela actitude, comportamento novo ante determinadas persoas, ante determinados feitos de vida nos que participo polo meu traballo, na casa, no grupo, na parroquia, no sindicato, no grupo político.
v  O que vou vendo e facendo, os pasos que vou dando, os cambios que vai experimentando a miña vida, con todo isto volvo á miña oración de cada día, con todo isto dentro volvo á lectura diaria do evanxeo do domingo, para ofrecelo, agradecelo, poñelo ao amparo de Deus e do seu Espírito, que será o que lle dará eficacia e continuidade.
v  Se teño a sorte de formar parte dun grupo cristián, comparto cos demais o que vou vivindo, escóitoos a eles, a elas, tamén. Comparto a Boa Nova de Xesús actuando na miña vida. Enriquézome co dos outros/as. E todo isto si que é vida!

Oración da mañá do 17 de decembro de 2011

martes, 13 de decembro de 2011

18 de decembro: Domingo IV de Advento (B)

FOLLA SEMANAL

Por Manolo Regal Ledo
O EVANXEO DE CADA DOMINGO



Evanxeo: Lc 1,26-38

                                                                         Comentario                                                                       

  • Estamos ante un relato directamente cristolóxico, que nos quere dicir cousas de Xesús Cristo, por moito que a primeira vista pareza estar centrado na figura da súa nai, Santa María de Nazaré.
  • Os relatos da infancia foron do último que se incorporou aos relatos evanxélicos; o evanxeo de Marcos, o máis antigo, non ten relatos da infancia, e o evanxeo de Xoán substitúeo por un prólogo especial, co que tamén se quere responder á orixe divina de Xesús.
  • Porque esta é a cuestión: Xesús chamou tanto a atención pola súa vida totalmente entregada á causa de Deus e á causa da humanización a fondo da xente (o que é o mesmo do que a súa divinización), que todo o mundo se preguntou pero de onde vén este; pregunta que por aquí e por alá anda polo texto dos catro evanxeos.
  • Lucas, para dar resposta a isto, para afirmar con rotundidade que o de Xesús é cousa totalmente de Deus, constrúe un relato que xa tiña antecedentes bíblicos no relato do nacemento de Samuel (1Sam 1,1-2,11), e que Lucas retomará tamén para a narración do nacemento de Xoán Bautista (Lc 1,5-25).
  • De todas formas, non é inútil a figura de María. Non importa a intimidade biolóxica de María, o texto non nos invita a furgar nela; pero si que nos importa, e moito, o paradigma de aceptación da proposta de Deus, que María encarna. Deus ofrécese máis alá de todo límite, de toda incapacidade, e María entrégase de forma absoluta máis alá de toda inseguridade, de toda incerteza. O resultado é Deus feito carne da nosa carne, vida da nosa vida, historia da nosa historia.
  • O Nadal invítanos a admirar e agradecer esta figura paradigmática de María, e, desde logo, o que foi froito dela: Xesús de Nazaré, Deus misteriosamente envolto nas feituras humanas, cunha preferencia especial polo mundo do pobre: as persoas, os ambientes, as aspiracións, etc.
  • Pero o Nadal invítanos tamén a reactivar en cada un, en cada unha de nós a figura e o papel de María. Estamos chamados a realizar a encarnación de Deus no noso tempo. Por Deus non queda. María sinálanos os tempos e as maneiras: estar vinculado á vida, aos intereses dun pobo pobre; vivir a experiencia de sentirse totalmente amada por Deus; tomar conciencia da propia pequenez, ata o punto de sentirse asustada e medrosa; acoller confiadamente a proposta de Deus, fiarse da forza creadora do Espírito, e dicir un si sinxelo e fondo, ante o que nada quede á intemperie, aínda que todo quede no aire. Seremos capaces de tanta acollida, de tanta entrega, de tanta fe, de tanto amor, como para amosar un anaquiño de Deus no tecido humilde das nosas vidas?

                                                                         Preces                                                                               

VELAQUÍ A ESCRAVA DO SEÑOR, CÚMPRASE EN MIN O QUE DIXECHES

  • Que saibamos admirar a Xesús e a María, e a todas as persoas que con confianza en Deus se entregan á tarefa de facelo humildemente visible nas nosas vidas. Oremos.
  • Que ante cousas concretas de cada día que demandan o noso compromiso activo non botemos para atrás, e sexamos persoas sempre dispostas e colaboradoras. Oremos.
  • Sumándonos ás persoas que se atopan en situacións cegas, desesperadas, desbordadas, e que precisan o alento de Deus e o noso apoio real. Oremos.
  • Ante as persoas e países que máis están afectados pola crise que vivimos, e que demandan de nós oídos para escoitar as súas situacións e mans para sumar ás súas loitas e reivindicacións. Oremos.
  • Para que poidamos ter neste Nadal unha experiencia limpa e fonda do amor de Deus, e que o poidamos realizar no trato coa xente máis débil e marxinal que atopemos na vida. Oremos.

                                                                         Pregaria                                                                            

ANUNCIADA

--E como diría eu
o que un anxo desbarata?

Foi como ter ben seguras
as paredes da túa casa
e nun vendaval sen ruído
ver que o teito se levanta
e entra Deus ata a alcoba
dicindo:

--Chea de graza,
non me levantes paredes
nin lle poñas muro á casa,
que por entrar na túa historia
eu ben salto estas murallas.

Se virxe, ti has de ser nai,
se esposa, a miña amada,
se libre, por libre quero
que digas: “velaquí a escrava”.

--Velaquí a escrava, lle dixen.

E quedóuseme a palabra
sinxela, sinxelamente
no aire axeonllada.

(Versión ao galego do poema de José Luis Blanco Vega, collido do libro “...y tengo amor a lo visible”, Sal Terrae, Santander, p. 55).



                                                                               Signo                                                                           
ü  Un rostro feminino popular, que represente o rostro, a persoa de María, e o que a súa figura representa como modelo de persoa pobre, aberta a Deus e á tarefa que Deus lle propón.
ü  A foto, o nome dalgunha persoa coñecida que neste momento nos estea recordando a continuidade dispoñibilidade de María nos tempos de hoxe.


mércores, 7 de decembro de 2011

11 de decembro: Domingo III de Advento (B)

FOLLA SEMANAL

Por Manolo Regal Ledo

O EVANXEO DE CADA DOMINGO

 Evanxeo: Xn 1,6-8. 19-28

                                                               Comentario                                                             
  • Xoán Bautista foi un personaxe moi significativo na traxectoria persoal de Xesús, da súa vida, da súa misión, moito máis seguramente do que transmiten os textos evanxélicos que leemos. A admiración era mutua. Os evanxeos ofrecen unha imaxe de Xoán Bautista integrada xa na perspectiva cristiá, onde Xesús é o centro, o importante, e Xoán ocupa un papel de servizo para a comprensión de Xesús e da súa misión.
  • Formamos parte dunha sociedade en crise; todos coñecemos datos ben concretos que nola debuxan cun dramatismo angustioso. E o noso non é nada comparado co que pasa noutros países do mundo. Nunca nada do noso lle é indiferente a Deus. No Advento deste ano estamos acollendo a oferta dun Deus que coa súa presenza quere contribuír a levantar o noso ánimo, a poñer luz nas nosas escuridades, a devolvernos a alegría que se nos encolle no corazón. Sen escapes, cos pés ben chantados na terra.
  • Xoán foi testemuña da luz, para que a xente descubrise a novidade de Xesús. A nosa misión coma cristiás/ans nos días de hoxe, persoal e comunitariamente, é ser tamén testemuñas da luz, testemuñas da forza curadora, liberadora de Xesús. Con absoluta humildade. Con absoluto vigor. Xesús tampouco é indiferente ante calquera situación creada nos tempos que vivimos. En nós, a través de nós, máis alá de nós, a forza humanizadora de Xesús pode desenvolver todo o seu poderío.
  • Podémonos preguntar pola fondura e calidade da nosa experiencia de Xesús, pois mal podemos testemuñar o que non vivimos. Podémonos preguntar pola fondura e calidade do noso testemuño. Véndonos vivir, coas opcións concretas que a vida demanda ante todo, ante todos e todas, ante o máis cotián, adiviñarán os nosos veciños e veciñas que somos xente tocada, atraída, dinamizada, alegrada pola persoa de Xesús de Nazaré?
  • Xoán Bautista está presentado coma un humilde admirador de Xesús, en quen el intuía unhas posibilidades desbordantes, un pozo sen fondo de vida, de esperanza. Mantemos nós esta fe admirada, expectante ante Xesús, ante todo o de Xesús? Quéimanos Xesús dentro, abrímonos diariamente á súa novidade, ofrecémolo á demais xente como o que é: unha grande esperanza para un pobo derreado e esmorecido?
  
                                                                         Preces                                                             

 QUE A TÚA LUZ, SEÑOR, ILUMINE AS NOSAS VIDAS
  • Que gocemos agradecidos/as, coa túa presenza firme no centro das nosas vidas débiles. Oremos.
  • Que nos deixemos levar polo teu Espírito en cada palabra que falemos, en cada acción que levemos a cabo diariamente. Oremos.
  • Que as comunidades cristiás das que formamos parte, coa súa vida sobre todo, transmitan o teu vigor, a túa esperanza. Oremos.
  • Que colaboremos coa xente encarcerada, parada, deprimida, enferma, e saibamos crear redes de vida e liberdade no teu nome. Oremos.
  • Que os pobos pequenos do mundo deixen de ser abusados e explotados, que non nos deixemos engaiolar polos poderosos que queren impoñer as súas leis e comenencias. Oremos.
  • Que o novo goberno de España se sitúe do lado de quen menos ten, de quen menos pode, de quen menos espera. Oremos.

                                                                         Pregaria                                                             

Quen son eu, Xesús,
quen son eu
--podíanme preguntar tamén os meus veciños e veciñas,
ou os mandos da Igrexa, coma a Xoán?

Envoltos como andamos nunha situación cega,
na que á xente máis débil lle toca apandar
--coma sempre--,
quen son eu,
que digo eu,
que fago eu,
que represento eu,
cara a onde apunto eu
e comigo a comunidade cristiá da que formo parte?

Canto desexo sentirme atraído por ti,
coma Xoán!
Se a túa luz iluminase a fondo a viña vida,
para descubrirme no pouco e moito que son:
anaquiño de Deus presente nesta hora!
Se o teu vigor prendese no meu ánimo minguado,
e o levase ata as ribeiras da ousadía,
cada día, a cada hora,
en servizo do pobo ao que me debo!

Encantado por ti, coma Xoán,
desbordado por ti, coma Xoán,
desconcertado por ti, coma Xoán,
humilde seguidor teu,
que non sabe senón desatar amorosamente o amalló das túas sandalias,
para que as túas pisadas de paz e liberdade
sinalen limpamente na terra fría
o camiño a andar,
a carón dos meus veciños e veciñas,
a carón da xente máis ferida.

Ai, Xesús,
por que te quererei tanto!


                                                                         Signo                                                               
  • Unhas sandalias ou zapatos cos cordóns ou amallós soltos, situados no espazo onde fago ou facemos oración, que nos recorden cada día o noso vínculo con Xesús, a nosa tarefa cristiá.
  • Unha luz, unha vela singular, que nos acompañe nesta semana coma símbolo da identidade de Deus, de Xesús, e das nosas persoas beneficiadas por ela.