17 decembro, 2011

Celebración do Advento

Escola de Espiritualidade
Curso 2011-2012

CELEBRACIÓN DO ADVENTO

1.- Presentación. Ensaio de cantos.

2.- A HORA DE ISAÍAS:   A HORA DOS SOÑOS
  • Presentación
  • Entrada da cesta dos soños
  • Silencio
  • Lectura de Isaías: Is 11,1-10.
  • Cantiga:   
XURDIRÁ, XURDIRÁ,
SABEMOS QUE ESTÁ ALÍ
DETRÁS DO NOSO ESFORZO
O TEU REINO DE AMOR,
DE LIBERDADE E PAZ.
CHEGARÁ, CHEGARÁ,
OLLAMOS CARA A ELA,
UNHA ALBORADA NOVA
QUE TRAIA A LUZ DO DÍA
DA VICTORIA FINAL.

Presentación de soños, nosos ou alleos (imos acendendo veliñas ao redor da cesta dos soños).
3.- A HORA DE XOÁN BAUTISTA: A HORA DA POBREZA RADICAL, APAIXONADA, COMPROMETIDA
  • Presentación
  • Entrada do saco de Xoán, o saco do pobre.
  • Silencio.
  • Lectura de Mc 1,1-8.
  • Cantiga:
ÍA DICINDO POLOS CAMIÑOS
AMIGO SON, SON AMIGO.

Imos recoñecendo o noso pecado, botamos no saco de Xoán, o saco do pobre botamos algo das nosas riquezas inxustas (Tamén acendemos veliñas de paso).

4.- A HORA DE  MARÍA DE NAZARÉ:  A HORA DE FACERSE SEO E BERCE
  • Presentación
  • Entrada do berce.
  • Silencio.
  • Lectura de Lc 1,26-38.
  • Cantiga:
MIRA, MEU DEUS,
AQUÍ ESTOU PARA QUERERTE;
ESTAS MANS,
ESTAS MANS PARA SERVIRTE
EN QUEN MÁIS PRECISE DELAS.

Imos expresando o que nos suxira a figura de María, a vontade de Deus de encarnarse en nós, a nosa disposición ou non a prestarnos ao que Deus nos pida (Acendemos tamén veliñas arredor do berce).

5.- FACEMOS O NOSO BELÉN

  • Monición.
  • Construímos un Belén vivinte ao redor da cesta dos soños, do saco do pobre e do berce..
  • Cada un comenta de que fai, por qué.
  • Cantiga:
AI, CANTO AMOR,
AI, CANTO AMOR,
NUNHAS POBRES PALLAS
NACERÁ O SEÑOR.


Presentación de Isaías:

Os tempos de Isaías eran tempos críticos. O país estaba en desfeita. As grandes poteencias militares e políticos daquel tempo impoñían o seu dominio. As esperanzas estaban case mortas. Era imposible soñar algo distinto. Todo estaba pecho e escuro ao redor.
Neste contexto tan opresor aparece Isaías, lanzando mensaxes de esperanza. Soñando cousas que poderían ser motivo de risa. Non eran cousas sen fundamento. O fundamento era Deus coa súa disposición manifesta de estar ao lado da xente humillada, para axudala a reconstruír as súas vidas, por dentro e por fóra, a nivel persoal e a nivel social.
Os soños de Isaías prolónganse ata os nosos tempos.

Presentación de Xoán Bautista:

Os tempos de Xoán Bautista tampouco eran nada bos.  Outra grande potencia militar dominaba o país. A xente máis pequena e marxinada cargaba co maior oprobio e explotación. A relixión estaba dormida, ou ensimismada no templo, ou levada por un legalismo que fundía máis aínda a vida da xente máis débil. En todo caso allea aos intereses de salvación do pobo. Pero o pobo suspiraba por algo novo.
E veu Xoán. Un personaxe entrañable, moi admirado por Xesús, onde quen Xesús, sen dúbida, aprendeu moito na súa maneira de se situar ante Deus, ante o pobo.
Xoán pertencía á cultura do decrecemento: pobre, austero, no vestir, no comer. Pobre material e pobre espiritual; descentrado de si mesmo, para dar paso ao máis grande de Deus, encarnado en Xesús. Era un pobre apaixonado pola xustiza de Deus entre a xente. Crítico de relixión existente, crítico dos poderes abusadores, que o acabaron matando.
Apostou de xeito comprometido pola acción de Deus no medio da xente; equivocadamente en cousas, parece, pero era o home do perdón e, sen sabelo, da sobreabundancia de Deus.
Un bo espello onde nos mirar en cada Advento, sempre.

Presentación de María de Nazaré:

María era unha muller de aldea, pobre, crente, casada, aberta ás dores do pobo, aberta á irrupción de Deus. Soñadora con Isaías, comprometida coma Xoán. Non sabemos o que pasou pola súa vida, polo seu corpo, polas súas entrañas. Nin nos interesa. Sabemos que ela foi fiel a Deus ata o extremo, e que no seu fillo Xesús foi descubrindo a presenza absoluta de Deus.
O relato vital de María orienta sobre Xesús. Aquel Xesús de Nazaré, fillo do carpinteiro e de María, era tan fondamente humano, tan creativo, tan apaixonado por Deus e pola xente, tan cheo do seu Espírito, que non podía se non ser cousa de Deus en todo, absolutamente. María sempre ao servizo do misterio de Xesús.
E, como dicía, a mística da Idade Media, de pouco nos valería crer na encarnación de Deus en María, se non cremos na encarnación de Deus en cada un de nós.
Estamos chamados todos a quedar embarazados de Deus polo Espírito, a sermos cada un, cada unha Deus encarnado, coma Xesús, á luz de Xesús, que nos desvelou todo isto a fondo. Como pode ser isto, se eu non coñezo varón? María é a mestra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.