13 febreiro, 2012

19 de febreiro: Domingo VII do Tempo Ordinario (B)

Evanxeo: Mc 2, 1-12

Comentario:

  • Moi posiblemente, unhas persoas máis ca outras, esteamos algo enredadas co asunto do Entroido: ese estoupido de troula que pode convocar demandas fondas de liberdade e de ledicia fraternas, e que pode agochar ou canalizar torpemente moitas desilusións ante o que nos está tocando vivir nos tempos actuais. Xesús non quere estar alleo a nada diso, e ofrécenos a súa palabra, a súa presenza, a súa forza para axudarnos a xestionar diariamente a loita e a festa.
  • O cadro que nos ofrece o Evanxeo é ben significativo: un home tolleito, impedido de desenvolver a súa existencia satisfactoriamente, levado por outras persoas ante Xesús. E Xesús que inicia un proceso de levantamento dese home, ofrecéndolle reparar as súas fracturas internas, o seu pecado, e accedendo tamén a recompoñer o seu corpo impedido. Corpo e espírito, o interior e o exterior atendidos; as interferencias entre o benestar físico e o psicolóxico e espiritual que Xesús xa valoraba, témolo hoxe tamén cada vez máis claro, e o benestar espiritual faise condición imprescindible para o noso benestar físico, incluso cando o mal nos siga acompañando.
  •  Unha boa experiencia relixiosa, seguidora de Xesús, sempre ten en conta esta maneira completa de coidarse a un mesmo e de achegarse ás persoas cando están precisadas da nosa axuda. As persoas crentes máis creadoras de todos os tempos sempre tiveron moi en conta esta dobre dimensión do acompañamento fraterno, social.
  • Xesús entra no terreo esvaradío da culpa e do pecado. Un terreo delicado no que á Igrexa, ás comunidades cristiás, a cada persoa nos custou e nos custa entrar con bo pé; un terreo no que temos cometido moitas torpezas, e por iso o campo do pecado e do perdón quizabes sexa hoxe unha das áreas máis desarboradas da experiencia relixiosa actual. Pero unha boa xestión da culpa e do pecado parece que resulta imprescindible para ter paz, para estar existencialmente ben asentado, para poder encararse coas dificultades que cada día a vida nos vaia traendo.
  • Xesús andaba sempre, de entrada, co perdón na man, como tamén vemos no relato de hoxe; Xesús arrebátalle á institución relixiosa do seu tempo o poder exclusivo e excluínte de xestionar o perdón de Deus. E, a través de si mesmo, dalgunha maneira democratiza, populariza o perdón, pero para nada o desvaloriza, como tampouco desvaloriza por iso mesmo o pecado. Non o saca dunha institución para darllo a outra. Sempre as institucións relixiosas tiveron un afán especial por acaparar o perdón de Deus. Para facerse servidoras dese perdón ou para servirse a si mesmas á conta dese suposto poder sobre o perdón de Deus? Líderes relixiosos do seu tempo, como eran os escribas e fariseos, protestan. Xesús saltaba por riba da boa teoloxía oficial do seu tempo. Para Xesús as persoas concretas, necesitadas de acompañamento, de axudas materiais e de perdón, pesaban máis ca a boa doutrina.
  • O mal físico (enfermidades, pobrezas, paro, abusos...) e o mal espiritual (desaxustes internos, problemas psicolóxicos, psiquiátricos, pecado...) teñen nos nosos tempos de crise un campo de expresión ben diverso e evidente. O perdón e a recomposición de vidas, tamén. Con Entroido ou sen el, Xesús fai unha aposta por estar ao lado de quen estea enredada nestas complexidades da vida, e invítanos a todos a beneficiarnos da súa proposta e, se queremos, e no que poidamos, a acompañalo na súa tarefa.

Preces:

GRAZAS, XESÚS, NUNCA TAL COUSA VIMOS!

  • Que a túa presenza siga acompañando as nosas vidas, que te sintamos fondo e vigoroso ao noso lado en cada hora. Rezamos xuntos/as.
  • Que nestes tempos de crise, cando o capital pretende amañalo todo rebaixando as posibilidades da xente máis débil, que  te saibamos onda nós, acompañando e guiando a nosa protesta, a nosa loita. Rezamos xuntos/as.
  • Que cando o pecado nos fira a alma e o corpo, saibamos achegarnos ao teu perdón e ás persoas que humildemente, seriamente nolo ofrezan. Rezamos xuntos/as.
  • Que as comunidades cristiás teñamos a túa forza de ben e de solidariedade, para decidirnos a estar ao carón da xente que peor o está pasando nesta hora. Rezamos xuntos/as.
  • Que, contigo ao noso lado, saibamos gozar da alegría no Entroido e saibamos compangar a loita necesaria coa ledicia e o bo humor. Rezamos xuntos/as.


Pregaria:

Érguete.
colle o teu catre e bota a andar!

Dicho Xesús,
acompañando a súa palabra
co seu Espírito, coa súa forza.

Si, dicho a ti,
porque te coñece ben,
porque che quere moito,
porque espera moito de ti.

Que fas aí tumbada/o,
mentres a vida corre ao teu carón
a xente vai e vén
coa súa fardela ao lombo
arrastrando soños e esperanzas?

Non ves acaso
a tanta xente ferida nesta hora
que precisa  de ti,
da túa presenza,
das túas mans,
da túa calor,
da túa fe,
da túa esperanza.
Máis ca nunca todos/as somos necesarias!

Non te revolvas máis nas túas vaguidades.
Se te atrofia o teu mal,
o teu desalento,
o teu pecado,
daquela abre a boca,
estende a man,
berra con quen berra,
que o perdón dáo Deus gratuitamente
e xa haberá quen cho achegue e dosifique.

Érguete,
xa está ben!
Non uliscas os gozos que te perdes?
Non albiscas os novos amenceres,
e a flor da primavera
inzando vizosa no teu peito?

Ah, meu fillo,
meu amigo e compañeiro,
miña amiga e compañeira,
érguete xa,
arriba, bota a andar
a carón da xente máis humilde desta terra!

Signo:

ü  Un camiño longo, alumeado.
ü  A imaxe dun amencer.
ü  Un contraste entre luz e tebras, entre ledicia e tristura.
ü  Imaxe do Entroido, imaxe de folgas pola crise.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.