29 febreiro, 2012

5 de marzo: Domingo II de Coresma (B)



Evanxeo: Mc 9, 2-10


Comentario:
 
     O relato deste Evanxeo pódenos parecer estraño e algo fantasioso. Está construído polo evanxelista desde unhas referencias, a veces veladas, a veces manifestas, a elementos da tradición relixiosa, espiritual, xudía: o monte, o Sinaí, como lugar de encontro con Deus; os dous personaxes que viviron ese encontro: Moisés e máis Elías; os vestidos radiantes, como lle pasara a Moisés, cando baixara do monte despois de ter experimentado algo da presenza de Deus; a nube como expresión desa mesma presenza, real pero misteriosa; o conforto, a satisfacción, pero tamén
 o medo de quen goza desa presenza. Deixándonos envolver por estas referencias culturais, teolóxicas, espirituais, podemos comprender mellor toda a fondura desta narración que recollen os evanxeos sinópticos.

     O primeiro que nos transmite é que Deus pode ser experimentado; que formamos parte dunha tradición relixiosa que, entre luces e sombras, foi descubrindo, sentindo, gozando a Deus. Para nós Xesús é o mellor representante de toda esa tradición. Levados da súa man, podemos subir ao monte ou baixar ás fonduras do encontro con Deus, por camiños quizabes insospeitados, que, en todo caso, rompían en moitos aspectos coa tradición anterior da que Xesús formaba parte. Pero o encontro con Deus é posible, entre nubes sempre, sen seguridades, na compaña do grupo, abertos/as ao novo de Deus que en todo caso nos desbordará sempre, nos obrigará a enfrontarnos cos medos de todo buscador, e nos confortará coa paz de quen se sente sostido, alentado por un Pai-Nai maior no que todos/as atopamos a nosa casa, o noso fogar, a nosa tarefa, a nosa misión.

     O novo de Xesús nisto de buscar e de experimentar a Deus ten que ver coa encarnación, coa carne, coa materia, co mundo, coa historia, coa xente, con cada persoa que me rodea coas súas risas e as súas penas; comigo mesmo/a, que son vida poboada totalmente por Deus, como o foi o mesmo Xesús. Xesús buscaba e experimentaba todo o de Deus saíndo polos camiños, atopándose coa xente, entrando en interacción vital con ela, desde a solidariedade máis fonda e radical, desde a expresión externa máis sinxela e cotiá. Este é o Xesús que se nos ofrece como compañeiro de vida e de camiño. Este é o Xesús que sería ben que alongásemos os cristiáns e cristiás coa nosa vida de seguidoras del. “Escoitádeo”, dicía a voz do ceo; seguídeo, imitádeo na novidade do Espírito, facede coma el fixo, e experimentaredes a Deus con verdade como el o experimentou.

     O evanxelista e a Igrexa ofrécenos este relato no marco dunha vida de Xesús que está como orientada a unha etapa de maior sufrimento, de loita aguda, de paixón e morte. Só desde ter saboreado o bo de Deus e da súa causa –parece que nos di-, só desde aí se pode unha persoa empeñar en Deus e na súa causa tamén. E iso de saborear o de Deus e da súa causa podémolo facer a través de cousas moi sinxelas que compoñen a nosa vida de cada día: ver como un matrimonio adulto coida exquisitamente ao seu pai moi enfermo; ver como na situación de crise na que vivimos se acelera a solidariedade concreta que favorece que as persoas teñan o pan de cada día, a esperanza de cada día; ver que nestas mesmas circunstancias imos caendo na conta das inxentes carencias dun sistema político, económico que necesita devorar e devorar cada vez máis, para poder manter os privilexios de pequenos grupos de poder; ver como hai xente que segue que se propón dar coidados a quen sexa para que todo experimentemos algo tan simple e fundamental como é sentirnos queridos, acompañados, atendidos por alguén.
   
     Estamos en tempos de crise, de loita especial polo tanto. Quen aprenda a gozar sinxelamente coa vida, poderá superar con esperanza os atrancos que a dificultan. E Deus está aí, precisamente aí.


Preces:

ESTE É O MEU FILLO BENQUERIDO. ESCOITÁDEO

  • Que te acompañemos, Xesús, polos camiños da vida, para experimentar contigo a Deus andando en solidariedade. Oremos.
  • Que andemos pola vida cos ollos ben abertos, para que non nos emboben as trampas dos grandes. Oremos.
  • Que teñamos un corazón humilde e sinxelo, para poder acompañarte nas cousas sinxelas da vida, nos encontros sinxelos coa xente, nas solidariedades cotiás. Oremos.
  • Que non nos encollamos ante as dificultades, que saibamos unirnos e reforzarnos, que colaboremos cos grupos que loitan e defenden o pan e a dignidade da xente máis humilde. Oremos.
  • Que non perdamos a fe, que non perdamos a esperanza, que saibamos espallar coa nosa presenza, coa nosa palabra, cos nosos comportamentos diarios. Oremos.

Pregaria:

No teu nome, Xesús,
levados/as da túa man,
alentados/as pola túa compaña,
subiremos ao monte da vida, ao monte de Deus.

No teu nome, Xesús,
guiados/as pola túa propia experiencia,
intentaremos bater co Deus sempre marabilloso
nas miudezas da vida.

No teu nome, Xesús,
estaremos atentos/as a cada encontro,
recordaremos cada nome,
acompañaremos cada existencia,
nas súas horas baixas ou altas,
como tenda sagrada do encontro con Deus.

No teu nome, Xesús,
descubriremos que hai saída para calquera crise,
que hai amencer para calquera noite,
que hai mañá, que hai luz,
que hai mesmo esplendor
para os corpos da xente derrotada.

No teu nome, Xesús,
facilitaremos a hora da xustiza,
a hora do universal pan de cada día,
a hora da dignidade da xente tida por menor.

No teu nome, Xesús,
na túa loita, na túa cruz,
no teu amor ata o extremo,
na túa solidariedade total,
cremos na resurrección.

Signo:

~        Unha cruz sobre un fondo de luz intensa.
~        Un rostro gozoso a carón dun rostro sufrinte.
~        Un grupo gozando da súa propia realidade.
~        Un rostro de Xesús, a quen hai que escoitar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.