02 febreiro, 2012

In memoriam: Miguel Carneiro Mosquera

O 24 do pasado mes de decembro, día de Noiteboa, deixounos de modo inesperado Miguel Carneiro. O noso querido compañeiro e amigo Miguel, Jamé para os seus máis achegados. Marchou sen tempo a despedirse, por iso resultan hoxe especialmente significativas as palabras coas que , hai cinco anos, lles dicía adeus aos seus fregueses das unidades parroquiais de San Fiz de Monfero e Santa María de Verís. Acollémolas hoxe desde un sentimento emocionado e coa certeza fonda que a súa mensaxe permanece viva e actual no medio de nós. Non hai mellor “in memoriam” que a memoria viva e vivificante que nos traen as súas mesmas palabras.

CANDO FALTAN AS PALABRAS ... GRAZAS

            A vida é unha estraña mestura de erros e de acertos, de principios e finais, de renuncias e de encontros, de risas e de bágoas, de proxectos e de etapas que se acaban e doutras que aínda temos que percorrer...
A vida flúe como os ríos e non se pode reter aínda que ás veces quixeramos facelo. Todo nela é necesario, a configura e a enriquece. Se intentamos saltar etapas do camiño, aquelas que nos poden parecer máis duras, algo realmente se perde para todos e cada un de nosoutros. Non podemos mirar atrás senón sempre adiante, sen medo a arriscar, pois a ruta é para aqueles que están sempre abertos.

            Igual que as augas do Mandeo, do Mendo ou do Lambre, que van deixando a súa estela de vitalidade entre nós, evitando todo risco de quedar paradas para que a súa savia siga percorrendo o seu curso e labrando coa súa forza a fermosura desta terra... Tamén vosoutros e vosoutras, como auténticos “ríos de vida”, forxástedes o meu ser nestes anos. Xa non marcho como cheguei, con vos medrei coma irmán e coma crego, convosco aprendín a que a vida flúa e non quede estancada para que a nosa forza non podreza.

            Cada home e cada muller somos coma un recipiente que deixa de “estar baleiro” cando recibe a vida e a forza dos outros. Cando xa está cheo só é posible volver a cargalo pasando pola nada doada experiencia de baleirarse, deixando que a nova vida flúa dentro del... Pero a xerra xa non é a mesma, o líquido que a ocupou en tempos pasados foi deixando o seu pouso. En min quedarán os vosos pousos para sempre co desexo de que non se perdan...
            Non perderei os soños e as fantasías que xuntos compartimos...
            Non perderei a sinxeleza, o agarimo e a calor que sentín con vós...
            Non perderei a ilusión e a confianza coa que vivistes cando a min me parecía que non era posible...
            Non perderei aos amigos, os que souberon mirarme con amor e xenerosidade...
            Non perderei a igrexa que se constrúe entre todos, que non é do crego, que o crego é dela...

            Outras augas virán pero terán que fluír sobre os regos xa labrados, terán que levar sen remedio o sabor e o frescor desta boa terra. Cando un se baleira cae na conta de que a riqueza que queda atrás non é propia, que un é o que recibiu e compartiu en cada etapa. Agradézovos que o meu estreo coma pastor non fora baldío senón ben froitífero, vaia a onde vaia terei que confesar que son o que son tamén grazas a vosoutros.

            Sei que un nunca é digno de servir a unha comunidade, que a responsabilidade sempre é máis grande que as posibilidades propias, por iso sei que moitas veces non estiven á altura das circunstancias e vos pido perdón. Pero se algo de bo queda en vós gustaríame que tamén o gardásedes, non pechado ao fluír da nova forza que estea por vir, senón como o pouso da alguén que se sentiu agradecido por compartir as vosas vidas.

            Hoxe sinto que me faltan as palabras pero quedan os recordos, as vivencias, os xestos, os momentos, os sorrisos, as mans, os rostros... Non irán comigo senón que, estade seguros, son xa parte de min. Ata sempre de quen intentou ser o voso crego.

Miguel Carneiro Mosquera.

2 comentarios:

  1. Que sempre sexamos quen de dar e recoller novas augas, de ser e sentir eses pousos que nos fan medrar e ser xente nova.
    Que os pousos que Miguel, Jamé, foi deixando tamén en nós sigan axudándonos a vivir facendo verdadeira igrexa.
    E, como tamén agora "faltan as palabras,,,", só podemos dicir: Grazas.

    ResponderEliminar
  2. Carlos Platas Seixas18:47

    Graciñas por esta homenaxe a Miguel, que hoxe lin por primeira vez en Encrucillada, especialmente despois de ver determinados comentarios anónimos na páxina de San Cristovo das Viñas que nin son respectuosos cun defunto recente nin misericordiosos nin comprensivos, soamente porque Miguel non foi un crego que seguiu unha determinada liña eclesiástica. Unha aperta moi grande.

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.