01 febreiro, 2012

Oración da mañá do 28 de xaneiro de 2012

Símbolo: unha vela acesa, un molete de pan, unha xerra de viño.


Pregaria

Estás aquí, estás
en min, dentro de min
no meu máis íntimo, 
debullando comigo as miñas penas,
as miñas risas, os meus soños,
erguéndote coma lapa de esperanza
para alumar camiños entre tebras.
Estás en min, estás
calado, firme, ao pé da vida,
ignorado, se cadra,
pero fiel,
porque non podes dicir que non,
que non me queres,
porque che doio na alma,
ben o sabes,
e es por min Pai e Nai
de entrañas brandas,
de camiños misteriosos
e metas claras.

Cantiga

ABRE AS PORTAS DA CASA AMIGO,
ABRE AS PORTAS, QUE QUERO ENTRAR,
TRAIO A ALMA E O CORPO FRÍOS,
NOITE PECHA COMIGO VAI.

1, Cansa a alma e o corpo frío,
leito e lume veño buscar.
Abre as portas da casa, amigo,
abre as portas, que quero entrar.
Neve mesta e o vento fende,
carambelos as bágoas se fan,
lobos mouros de brancos dentes
sempre máis cerca sinto ouvear.

2. Non me deixes soa na noite,
non me deixes mudo o cantar.
Berra ti, que o teu canto escoite,
dáme forzas no meu fraquear.
Logo a alba partirei cedo,
e esta noite non hei lembrar.
Dáme a man que hoxe teño medo,
dáme a man e déixame entrar.

Evanxeo: Xn 1,38-41:
         "Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles: --Que buscades? Eles respondéronlle: --"Rabi" (que quere dicir "Mestre"), onde paras? El díxolles: --Vide e veredes. E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde.
         Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era Andrés, o irmán de Simón Pedro. Vai e ao primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille: --Encontramos o Mesías, (que quere dicir Cristo)."

         Porque somos no Pai, en Xesús, no Espírito
         casa, fogar,conversa, unión, Comunidade,
         gozo de ser e de vivir fraternalmente,
         onde paras, Xesús, que quero ir, / onde vive e loita e repousa a túa xente?

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.