28 marzo, 2012

1 de abril: Domingo de Ramos (B)


Evanxeo: Procesión dos Ramos: Mc 11, 1-10; Misa: Paixón segundo San Marcos: Mc 14, 1—15, 47.

Comentario:
     Dous momentos distintos da vida de Xesús: a entrada daquela maneira triunfal na cidade de Xerusalén e a xornada posterior na que o collen preso, o xulgan cun xuízo rápido e trampulleiro e a posterior execución coma un bandido, revolucionario, herexe ou algo similar. Dous momentos moi vinculados entre si. Xesús, seguindo nisto, coma noutras cousas, a tradición dos profetas do seu pobo, era dado a facer sinais proféticos, que eran xestos, accións que descolocaban as persoas que estaban con el; xestos e accións cargados dun fondo significado, e que poñían en cuestión formas normalizadas de entender a vida, a vida relixiosa, a vida social. O xesto da Eucaristía quizabes fose o xesto profético máis significativo de Xesús, o que máis quedou na memoria e na práctica das comunidades cristiás. Pero houbo moitos máis. Este da entrada “triunfal” en Xerusalén, montado nun burro, entre os berros e ramos dos seus admiradores, foi un deles.

    
     A acción profética da entrada de Xesús en Xerusalén en burro máis que acentuar a súa pretensión mesiánica, coloca unha nota non disimulada de burla e de comedia contra os xenerais e emperadores que si facían entradas triunfais nas súas cidades, coma expresión manifesta da súa vontade de dominio e de poder. Xesús, coma xa fixera noutras ocasións, móstrase contrario a todo iso. Non é algo sen importancia a escolla do burro para entrar na cidade nunha procesión que, adrede, debeu suscitar o riso, pero tamén a preocupación sobre todo entre os xefes relixiosos e políticos que o puideron contemplar. Era unha aposta pública polo non poder, pola non violencia, por unha sociedade ou Reino de Deus construído sobre bases de circularidade fraterna. E para este modelo de vida e de convivencia, urxido por Deus e pola realidade da vida, Xesús sentíase chamado, enviado, comprometido. E como tal se ofrecía a quen o contemplaba.

     Resulta evidente que na Igrexa practicamente todos temos desvirtuado a forza profética desta acción de Xesús. A ningún poder lle molestan hoxe as nosas procesións de ramos. En poucas ocasións a procesión de ramos é entendida coma unha protesta e aposta relixiosa e social por un modelo de sociedade e de Igrexa revulsiva, que poña as formas humildes, as estruturas fraternas, o pacifismo activo coma unha maneira de vivir e de convivir, de facer Igrexa e sociedade. É posible recuperar algo polo menos a fondura e o significado da acción profética de Xesús?

     Estes días pasados quizabes asistimos a manifestacións políticas de protesta pola lei de reforma laboral aprobada polo Goberno Español; asistiramos ou non, en todo caso sabemos que se deron en todas as cidades españolas. A proximidade das datas lévanos a preguntarnos por se haberá algunha proximidade máis, algunha sintonía, algún berro común, algún soño compartido entre aquel Xesús de Nazaré que soñaba no nome de Deus con cousas novas, simples e marabillosas para toda a humanidade, e estas nosas demandas. Que cada un o pense, e que cada un vexa por onde poden andar, logo, os pasos de Deus hoxe entre nós.

     E logo o relato da paixón. Pode ser un relato que nos acompañe toda a Semana Santa. É unha práctica encomiable ir lendo aos poucos toda a Paixón de Xesús; léndoa, meditándoa, reparando na figura mesma de Xesús e na súa maneira de ir vivindo e afrontando aquelas horas extremas, de máximo vituperio, de máximo amor, de máxima solidariedade, de máximo desacougo, de máxima confianza. Reparando tamén nas figuras, nas palabras, nas actitudes das diferentes persoas que van aparecendo en escena, desde o frío Pilato ata o pobre Simón de Cirene, que, sen querelo nin buscalo, houbo de cargar en parte coa cruz de Xesús; desde o traizoeiro Xudas, ata o voluntarioso Pedro. E pensar que a paixón de Xesús realízase hoxe, coma tamén daquela, no corpo e no ánimo inocente de moitas persoas que, no nome do poder político, económico ou relixioso, sofren abuso, persecución, burla e morte.Que papel estamos xogando nós en todo esa dramatización real que a vida de cada día nos ofrece?


Preces:

BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR!
  • Bendito sexas, Xesús, pola forza que tiñas para criticar o poder desde a mansedume e desde a non violencia. Que saibamos imitarte. Oremos.o   Bendito sexas, Xesús, polo grande amor co que nos amaches e co que te puxeches sempre ao servizo da xente pequena, débil e pecadora. Oremos.o   Bendito sexas, Xesús, en todas as persoas que loitan para que o pan, o traballo, o respecto, a dignidade chegue por igual a todas as casas do mundo. Oremos.
  • Bendito sexas, Xesús, nas persoas que coidan os enfermos, que atenden os velliños, que axudan os emigrantes, que comparten diñeiro e amizade con quen non ten. Oremos.
  • Bendito sexas, Xesús, con todos os homes e mulleres cristiás que nesta Semana Santa queremos aprender de ti a mellor maneira de servir a Deus e a mellor maneira de servir tamén a sociedade na que vivimos. Oremos.


 Plegaria:



Estando ti en Betania, Xesús,
na casa de Simón o Gafo,
recostado na mesa, comendo,
chegou unha muller cun frasco de alabastro
cheo de perfume de nardo puro, moi caro,
rompeu o frasco e unxiuche a cabeza.
(Mc 14, 3 e seguintes)


Asegúrovos --dixeches ao final--
asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova,
polo mundo enteiro,
falarase, para honra dela,
do que acaba de facer esta muller.

Unxido no silencio,
venerado no silencio,
admirado no silencio,
tocado agarimosamente no silencio,
amado no silencio,
desmesuradamente amado no silencio...

Non te fixas en ti, Xesús,
obxecto de tanto amor,
senón no corazón abundante daquela estraña muller,
quizabes descoñecida de ti,
a quen quizabes nunca volviches ver,
que fora capaz de entrar na fervenza de amor solidario
que movía cada día o teu paso, as túas entrañas.

De corazón a corazón,
de amor a amor,
no xesto sentido e silencioso daquela muller
rompíanse as tebras,
descubríanse os afectos,
abríase o mundo,
e unha vaga de paixón espallábase polo arredor
coa promesa de algo fondamente novo e mellor.

E a xente pobre seguía aí,
non deixada de lado senón á espera
de que tanto amor se convertera
na firme, ampla e complexa maquinaria
de paz, de pan e de dereitos
que cómpre ter
para que Deus sexa Deus en nós
e o mundo ande.

Asegúrovos –repetiches--,
falarase do que acaba de facer esta muller,
para honra dela.


Signo:
  • Un burro
  • Un frasco de perfume
  • Unha muller
  • Unha cruz
  • Palabras que evocan as cruces do mundo presente escritas nun cartel grande: fame, sede, nenos e nenas da guerra, ausencia de menciñas, armas,  bancos,...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.