mércores, 25 de abril de 2012

29 de abril: Domingo IV de Pascua (B)


Evanxeo: Xn 10, 11-18

Comentario:

     O Evanxeo de hoxe recolle parte dunha reflexión do evanxelista Xoán sobre a identidade de Xesús, que ocupa a metade do capítulo 10 do seu Evanxeo. Esa identidade coméntaa Xoán a partir da imaxe do pastor, imaxe á que se recorría xa no Antigo Testamento cando se quería falar de Deus mesmo, ou dos seus representantes máis considerados. No apartado deste domingo a reflexión versa sobre a realidade e o sentido da morte de Xesús, cousa que conmocionou moito aos primeiros seguidores e seguidoras de Xesús; para entendela e asumila tiveron que pararse, pensar, orar, meditar en vivencias próximas aparecidas xa no Antigo Testamento, e, sobre todo, tiveron que deixarse envolver pola realidade mesma de Xesús, que desbordaba todos os anuncios e promesas.

xoves, 19 de abril de 2012

22 de abril: Domingo III de Pascua (B)


Evanxeo: Lc 24, 35-48 

Comentario:
    
     O Evanxeo de hoxe abunda nas experiencias das que falaba o Evanxeo da semana pasada: nun contexto de medo, de dúbidas e de sobresalto, afirmar a paz radical que nos chega de Xesús resucitado, confirmarnos na súa presenza viva no medio de nós, ofrecernos elementos para lle ver sentido ao sufrimento e mesmo á morte nun marco de fidelidade a Deus e á xente máis desvalida, e embarcarnos nunha tarefa, a súa tarefa, de reconciliación fonda de persoas, de grupos, de sociedades. De todo iso estamos chamados a ser testemuñas todos os homes e mulleres que nos dicimos crentes en Xesús resucitado. Que fermoso sería chegar a ser cada comunidade cristiá un grupo humano cheo deste dinamismo, destas conviccións, desta humilde vontade de loita e de servizo! Cada comunidade cristiá podería revisarse a si mesma, para ver que é o que a está freando e que o que a esta potenciando para a tarefa que Xesús nos encomenda.

venres, 13 de abril de 2012

15 de abril: Domingo II de Pascua (B)


Evanxeo: Xn 20, 19-31


Comentario:

     Os evanxeos dos domingos posteriores á Pascua narran algunhas das experiencias de encontro de Xesús resucitado con diferentes persoas, mulleres e homes, do primeiro grupo cristián, e valoran un pouco o significado da presenza de Xesús resucitado para as persoas individuais e para os membros da primeira comunidade cristiá. O vivido e experimentado por eles e elas ofrécesenos ás persoas que hoxe accedemos a estes textos, para que fagamos unha experiencia semellante: un encontro vivificador con Xesús resucitado, que sexa capaz de introducirnos na fe, de sacudirnos dos medos e pasividades, de dinamizar a nosa existencia, de converternos en prolongadores na nosa historia concreta dos camiños andados por Xesús e polos seus primeiros compañeiros e compañeiras.

luns, 9 de abril de 2012

Carta de Manolo Regal a Andrés Torres Queiruga

O día 30 de marzo tivemos información da Notificación da Comisión Episcopal da Doutrina da Fe da Conferencia Espiscopal Española, na que se advertía que na teoloxía de Andrés Torres Queiruga certos elementos da fe da Igrexa quedaban distorsionados, e invitábaselle a revisar a súa teoloxía para facela máis acorde coa doutrina oficial da Igrexa.
     Desde ese momento foron moitos as manifestacións de apoio a Torres Queiruga e ao seu traballo teolóxico serio e creador e, polo tanto, tamén fronteirizo. Supoñemos que os lectores e lectoras deste Blogue estarán ao tanto destas circunstancias. Ofrecemos aquí unha carta persoal de apoio que Manolo Regal Ledo escribiu a Andrés Torres Queiruga.

sábado, 7 de abril de 2012


Manuel Regal Ledo

Nesta noite santa
de tebras e de luces,
de medos e esperanzas,
traiamos á memoria
as palabras sagradas
de Deus, cando dicía
ao pobo que penaba
sometido en Exipto:
Eu vin as túas bágoas,
as queixas, sufrimentos,
as miserias amargas.
E veño pra librarte,
darche a miña compaña,
pasarte á nova terra
onde a irmandade manda;
terra de pan, de paz,
de xustiza farta.

DEUS VÉN PARA LIBRARNOS,
DARNOS VIDA NA PASCUA.

mércores, 4 de abril de 2012

8 de abril: Domingo de Pascua (B)


Evanxeo: Vigilia Pascual: Mc 16,1-7.   Día de Pascua: Xn 20,1-9.

Comentario:


     Ningún evanxelista narra a resurrección de Xesús en si, como narraron outros acontecementos vividos por Xesús. Ninguén o viu, para o poder narrar. O que si nos transmiten os catro evanxelistas son circunstancias ao redor da resurrección, experiencias sobre da mesma, conviccións, modos de acceso a esa experiencia, consecuencias dunha fe na resurrección de Xesús, que é o que realmente lles interesaba transmitir. Todo rodeado dunha linguaxe simbólica, moi suxestiva, que apunta ao fundamental: a experiencia de encontro con Xesús resucitado como factor de relanzamento dunha vida de seguimento no que el dixera e vivira.