23 maio, 2012

27 de maio: Domingo de Pentecostés


Evanxeo: Xn 20, 19-23

Comentario:

     Este Evanxeo reproduce a primeira parte do Evanxeo do 2º domingo de Pascua. Sitúanos, polo tanto, unha vez máis, ante os catro elementos que constituíron o núcleo da sólida experiencia pascual das primeiras comunidades: 1) certeza firme dunha presenza de Xesús resucitado no medio da comunidade, madurada esa certeza a partir de experiencias persoais e grupais, froito da propia busca e disposición coroada polo regalo precioso de Deus; 2) experiencia fonda, fondísima, de paz e de alegría, fronte a calquera tipo de presión, de ameaza, interna ou externa; 3) conciencia de ter recibido unha misión, unha tarefa: a de estender a obra de Xesús, o seu Evanxeo, a súa aposta concreta polo Reinado de Deus, asumindo o estilo de vida de Xesús; 4) saberse envoltos no Espírito de Xesús, recibido gratuitamente, unha extensión viva de Xesús sobre as súas vidas, sobre o seu actuar, sobre as súas capacidades de reconciliar a fondo as persoas, de reintegralas na comunidade humana, na comunidade de Deus.

     Coma membros dunha comunidade cristiá, como comunidade cristiá no seu conxunto, estaría ben que nos preguntásemos ata que punto estes aspectos foron desenvolvéndose nas nosas persoas, nas nosas comunidades durante este tempo da Pascua; para ver se vivimos soamente ao amparo das palabras, ou se realmente o que confesamos de palabra se vai incorporando pouco a pouca ás nosas vidas.
    
     Pentecostés quere dicir cincuenta, cincuenta días pasados desde a noite/día da celebración da Pascua. Loxicamente dos catro aspectos subliñados na festividade de hoxe, Pentecostés, fixámonos especialmente no aspecto da concesión do Espírito Santo sobre as nosas vidas de persoas crentes. Rememoramos o acontecido naquel grupo de homes e mulleres amedrentadas que se foron sentindo arrebatadas por unha especie de euforia espiritual inexplicable. Euforia que era contaxio, que pasaba de uns a outros, de unhas a outras, de maneira misteriosa e viva, real e ben notoria. Euforia espiritual que non era senón o sentimento fondo e poderoso de saberse na onda de Xesús, descubrindo e revivindo o sentido da existencia de Xesús, dado de todo a deus e á xente, sobre todo á máis débil e marxinal, e descubrindo tamén o sentido da propia existencia vinculándoa en corpo e alma á de Xesús, e, a través de Xesús, ao Deus maior e próximo do que Xesús fora testemuña viva.
     Así nacía a comunidade cristiá, así nacía a Igrexa. Hai comunidade cristiá, hai Igrexa, cando somos capaces de reeditar no presente ese mesmo poderío do Espírito. É o vigor do Espírito o que fai e sostén a comunidade cristiá e non as leis, as normas, as regras que nos damos ou impoñemos, aínda que algunhas destas sexan nalgunha medida tamén necesarias.
    
     O Espírito énos dado, segundo afirma o Evanxeo, entre outras cousas coma unha capacitación maior para poñer reconciliación fonda no propio corazón, no corazón de cada persoa e no corazón da comunidade cristiá e aínda da sociedade. Os cristiáns e cristiás somos xente reconciliada ao servizo da reconciliación. Non leamos isto coma unha simple atribución aos sacerdotes do poder de perdoar pecados. Isto foi unha derivación posterior que a Igrexa fixo. Pero o importante é ese poderío que cada un, cada unha de nós ten para crear vivencias e estruturas de paz no propio corazón, no das demais persoas e no do conxunto da sociedade.

     A nosa sociedade en crise é basicamente unha sociedade non reconciliada. Diariamente coñecemos e padecemos as tensións derivadas diso. Soñar cunha reconciliación no Espírito para a nosa sociedade convulsa pide achegarnos con realismo a aspectos moi simples e necesarios para a vida de cada día (pan, escola, menciñas, traballo, democracia real, ...) , pero, polo menos para as persoas que nos sentimos cristiás, iso non será nunca posible se non nos deixamos coller, sorprender e arrastrar por esa forza de ben e de bendición, de renovación e de protesta que sempre ofrece o Espírito de Xesús.

Preces:

RECIBIDE O ESPÍRITO SANTO
 
  • Que o teu Espírito, Xesús, nos encha de paz e de alegría. Oremos.
  • Que nos faga fortes, valentes, para desenvolvernos coma ti no medio da complexidade do momento que vivimos. Oremos.
  • Que nos sintamos acompañados polo teu Espírito na hora de solidarizarnos coa xente que o está pasando mal nesta hora. Oremos.
  • Que o teu Espírito nos faga vivir en paz con Deus en nós, e nos faga xente de paz e de xustiza onde queira que vivamos e traballemos. Oremos.
  • Que recoñezamos e agradezamos o teu Espírito de vida presente nas nosas terras, nos nosos ríos, no noso aire, e nos faga firmes defensores da vida, da natureza, dos alimentos sans para todo o mundo .Oremos.
  • Que o teu Espírito nos introduza no corazón de Deus e nos introduza tamén no corazón da parroquia, do pobo no que vivimos, para vivir sempre a tope, con Deus, coa xente veciña. Oremos.

Pregaria:

O teu Espírito, Xesús,
canto precisamos o teu Espírito!
Coma o pan de cada día,
coma o aire que respiramos,
coma a auga que bebemos,
canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de ánimo e esperanza, Xesús,
nestas horas mouras,
cando todo nos invita á desilusión,
a deixarnos caer nos brazos do desalento,
e deixar que as cousas pasen e sexan,
aínda que pasen e sexan contra nós
contra os máis débiles da sociedade.
Canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de indignación e de loita,
para protestar contra todo o que anula o ser humano
e o fai escravo das cavilacións dos poderosos,
para crear redes de información solidaria.
para construír vínculos de condolencia real
Canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de misericordia entrañable,
que nos amoleza os corazóns
e nos abra as carteiras,
para que ninguén se sinta só ou soa,
esmagada/o polas súas penas e cavilacións.
Canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de perdón,
dado e recibido,
para que o mal non estenda sobre nós as súas redes,
para sermos libres a fondo,
para nacer coma criatura nova
para un mundo novo, para unha Igrexa tamén nova.
Canto precisamos o teu Espírito!

O teu Espírito, Xesús,
o Espírito de Deus,
que nos axude a sentirnos en Deus en todo momento,
amados/as por El, perdoadas/os por El,
recuperados/as por El,
na súa intimidade, no seu abrazo, no seu colo.
Canto precisamos o teu Espírito, Xesús!

Signo: 
  • Calquera cousa, imaxe, planta, animal, persoa, natureza, que transmita vitalidade, crecemento.
  • Unha luz, un lume, un vento, unha maternidade.
  • Calquera sinal de solidariedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.