23 agosto, 2012

26 de agosto: Domingo XXI do Tempo Ordinario (B)


Evanxeo: Xn 6, 60-69

Comentario:

Co evanxeo de hoxe pechamos esa catequese especial sobre Xesús como pan de vida, que o evanxelista Xoán nos ofreceu a partir do acontecemento-signo da multiplicación dos pans e dos peixes, e que durante varios domingos de verán estivemos lendo, meditando e levando á práctica. Sabemos que o evanxelista Xoán non narra no seu evanxeo a entrega do corpo e do sangue de Xesús no pan e no viño durante a súa cea de despedida, ou cea pascual, pero no seu canto ofrécenos a fonda e proveitosa catequese  de que vimos falando.

     A parte final desa catequese, a que hoxe lemos nas nosas Misas, recolle o momento de máxima tensión a que deron pé as palabras de Xesús; é algo habitual tamén no evanxeo de Xoán falarnos das fortes discrepancias que provocaban os ditos e feitos de Xesús ; posiblemente esteamos ante unha estratexia catequética de Xoán, pero en todo caso non é algo ante o que poidamos pasar de largo.
     A persoa de Xesús, o proxecto de Xesús, as ideas e sobre todo os feitos de Xesús conmocionaron a xente, suscitaron a admiración de algúns e, sobre todo nun segundo momento, tamén o desinterese e mesmo o desprezo de boa parte do pobo que o escoitaba. As multitudes que o seguían fóronse reducindo, os seguidores e seguidoras fóronse contando por pequenos números, e ao final case soamente os máis íntimos puideron, a trancas e barrancas, acompañalo ata o momento final. Por que? A orixes humildes, populares, de Xesús, a súa pertenza ao mundo e á causa dos máis débiles socialmente, a súa militancia firme ao lado da xente marxinada, a lectura nova que facía do feito relixioso, crente, coa palabra pero sobre todo co seu estilo de vida, a distorsión que producía sobre todo na xente relixiosa, os interrogantes que suscitaba nos cridos nas formas tradicionais de relixión, o seu sólido enraizamento no Deus vivo, que o levaba máis aló do que normalmente era lícito pensar, o compromiso persoal e grupal ao que con forza empuxaba, a súa invitación fonda a vivir na pobreza, na liberdade, no desarraigo económico, na apertura total ao Deus que vén coma Pai ou Nai, etc., todo isto levou a que moitos se botasen para atrás, e a que Xesús chegase a lles preguntar mesmo á súa xente máis fiel: “Vós tamén vos queredes ir?”.
     É normal que a persoa e a proposta de Xesús nos descoloque. Malo se iso non pasa! É normal que nos leve a preguntarnos: que fago eu seguindo a este paisano xudeu de Nazaré, fillo de María e de Xosé, que nos propón, como medio para atopar vida, comer o seu corpo, beber o seu sangue, é dicir, comungar a fondo, o máis fondo posible, cos seus convencementos, co seu estilo de vida, iso si, adaptados lucidamente, baixo a guía do Espírito, aos tempos de hoxe?
     Como persoas, como membros dunha comunidade cristiá, estaría ben que nos preguntásemos: Xesús descolócanos? Ou acaso estamos moi adaptados, temos feito unha interpretación cómoda e conformista das propostas de Xesús, das súas loitas, das súas paixóns, ata o punto de que podemos ler os evanxeos, rezar sos ou en grupo, comungar nas misas domingo si e domingo tamén, sen que nada ou case nada se altere en nós, sen que nada ou case nada nos distinga de moitos outras concidadáns/ás nosas, que polo que sexa lle teñen dado as costas a Xesús?
     A catequese de Xoán sobre Xesús pan de vida remata estudadamente  coa confesión convencida de Pedro: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna”. Algo poderemos facer para que esa confesión convencida madure en nós; algo que ten que ver coas prácticas relixiosas (rezar, meditar, celebrar, comungar...), e algo que ten que ver coas decisións diarias ante as que a vida nos coloca. Nos tempos de crise ampla e fonda nos que vivimos (sobre todo visto o mundo desde o lado dos máis pobres a crise sempre estivo aí), apostar por Xesús implica cousas evidentes, que nos permitirán ir comprobando se o de Xesús en nós é algo realmente consistente, ou un baño de pintura relixiosa que as augas do outono limparán sen maior problema. O que pouco custa, pouco vale; o que pouco custa, pouca vida aporta. E Xesús falábanos de vida, e de vida completa, abundante, redonda, mesmo eterna. 

Preces:

SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA ETERNA
  • Que nos deixemos engaiolar por ti, Xesús, que descubramos a fondura e forza das túas propostas de vida. Oremos.
  • Que non nos deixemos levar por unha relixiosidade superficial, baleira, que á hora da verdade case nada nos aporta. Oremos.
  • Que te experimentemos ben vivo dentro de nós, para gozar da túa compaña e poder falar de ti con viveza e convencemento. Oremos.
  • Que todas as comunidades cristiás te fagamos ben presente no mundo de hoxe, sobre todo co noso estilo de vida apegado a Deus e apegado á xente máis débil. Oremos.
  • Que haxa coma ti, Xesús, moitos defensores/as das persoas marxinadas, que están sufrindo o abuso de quen manexa o mundo desde o poder. Oremos.

Pregaria:

Señor, Señor,...
que non me poida a rutina
na miña relación contigo,
na miña busca de Deus,
no meu exercicio diario da solidariedade.

Que cada mañá, cada noite
a túa palabra poida resoar fresca no meu corazón,
coma unha invitación sempre sorprendente
cara ao máis novo,
cara ao máis libre,
cara ao máis fondo,
cara ao máis servizo,
cara ao máis amor.
Que me deixe sorprender por ti,
engaiolar por ti,
desenvolver por ti,
recrear por ti,
cada día, cada noite.

Señor, Señor,...
que non me poida a rutina
en ningunha das miñas actividades diarias,
maiormente cando teño ante min
a calquera home ou muller,
a calquera irmán ou irmá.

Que non me poida a rutina,
nunca, xamais,
cando un débil pete á porta da casa ou do corazón.

Señor, Señor,...
que non me canse de ti,
que non me canse de min,
que non me canse de nada,
cada día, unha mañá,
toda a vida, unha mañá.

Señor, Señor,...
ti tes palabras de vida eterna.

Signo:
  • A foto dun amencer.
  • Unha persoa en oración.
  • Un rostro ollando ao lonxe.
  • As ondas, a inmensidade do mar por diante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.