25 outubro, 2012

28 de outubro: Domingo XXX do Tempo Ordinario (B)


Evanxeo: Mc 10, 46-52

Comentario

Estamos ante un relato que, máis alá da súa historicidade ou non historicidade, se nos ofrece coma unha parábola en acción do que pode dar de si un encontro vital de cada un de nós con Xesús. É algo que podemos realizar cada un de nós con Xesús. É algo que a comunidade cristiá da que formamos parte pode realzar tamén, e estaría ben que así o fixésemos.
     Bar-Timeo, o fillo de Timeo, representa perfectamente a realidade de cada ser humano, de cada un, cada unha de nós, de cada comunidade cristiá: cego pobre de pedir a carón do camiño. Non é malo, ao revés, saberse, sentirse, vivirse coma cego pobre de pedir a carón do camiño. Coa man sempre estesa, co corazón sempre aberto, coa mente sempre dispoñible para acoller, cambiar e medrar. Cos ollos ansiosos de ver a luz, de descubrir tantas marabillas que nos rodean, sen nós caer na conta. E iso aínda que nos chufemos moito e pretendamos andar de sobrados pola vida. Pobre de quen é rico! Pobre de quen vai de sobrado/a! Pobre de quen o entende todo, o sabe todo, o coñece todo!
     Despois, claro –tamén é certo--, hai entre nós pobres elementais, aos que a vida e os sistemas sociais que construímos as persoas lles restan o máis elemental para vivir: o anaco de pan co que manterse, o posto de traballo co que levar pan e dignidade ao corpo e ao espírito de cada un e da familia da que un forma parte. Esta pobreza non é boa. É froito de sistemas inxustos ou de configuracións persoais carentes tamén de recursos primarios.
     Xesús –que curioso!— sempre en contacto con estas pobrezas, sempre pasando por onde esas pobrezas se dan. E así é que, aínda que alguén pretende acalar a voz, os berros, do pobre cego de pedir chegan aos seus oídos. E empeza unha relación viva, unha pregaria en acción, a historia dun encontro que ten un recorrido de aparencia sinxela, pero que acaba sendo fondo, estremecedor. Ben que nos poñamos na vida de cego de pedir, ben que asumamos o papel de seguidores ou seguidoras de Xesús para imitalo en algo, é de capital importancia este cruce de camiños, estes encontros. Nunca se dan, case nunca, desde os despachos, desde os salóns, nin sequera desde as mesmas igrexas. Danse normalmente na rúa, na praza pública, na manifestación, no encontro de pais, no lugar menos imaxinable. Importancia de andar cos ollos, cos oídos, co corazón ben aberto.
     O cego pobre de pedir, expresión de todas as pobrezas habidas e por haber, solidario con elas, achégase a Xesús, con ilusión, axilmente; os brincos do corpo expresan a ilusión vital que o envolve, a súa esperanza forte, a súa fe. Vai aberto absolutamente a Xesús, e a todo o que pode estar representado por Xesús: o mellor, o máis san, o máis xusto que na vida uns e outros e outras nos podemos ir ofrecendo e dando.
     Xesús é o ser totalmente dispoñible, para o cego de pedir, para todos e todas nós: que queres que che faga? Xesús é o símbolo tamén dunha actitude realmente solidaria ante os cegos de pedir de a carón do camiño da vida: que podo eu, que podemos nós, que pode a miña comunidade facer por ti? Que podemos facer nós, a nosa comunidade cristiá nesta circunstancias de crise nas que estamos e polas que tantos veciños/as nosas o están pasando tan mal? Que podemos facer nós por persoas e pobos do sur, que de sempre andaron na crise que agora un chisco nos toca a nós?
     O mellor resultado que se pode dar do noso encontro de cegos de pedir con Xesús é, desde logo, que se nos abran os ollos, que a vida colla outras cores para nós, que nos decatemos do precioso mundo da solidariedade que Xesús representa, e que con el nos embarquemos na aventura preciosa de facer que a vida sexa risoña para tantas persoas que con amargura seguen quedando a carón do camiño. E de ser xente necesitada de curación e curada, por iso mesmo, agradecidos/as, pasar a ser persoas entregadas á causa da fraternidade real. Pode haber felicidade maior, alegría máis grande? A este pracer nos invita Xesús.
 
Preces


SEÑOR, MEU SEÑOR,
QUE VOLVA VER!
 
Que poida ver as miñas pobrezas con humildade, sen afogarme nelas. Oremos.
 
Que poida ver e sentir as pobrezas da xente que me rodea con disposición comprensiva e solidaria. Oremos.

Que teña os ollos ben abertos e limpos para ver as situacións de marxinación de moita xente que o está pasando mal, para axudar. Oremos.

Que vexa e entenda a fondo o que está pasando na hora presente, para non me deixar enganar e para poder arrimar o lombo en boa dirección. Oremos.

Que saiba pedir sen vergoña; que saiba dar sen miramentos. Oremos.



Pregaria

(esta pregaria pódese cantar coa melodía da coñecida canción “Onda ti, noso Pai, á tardiña”).

Esmoleiro ao carón do camiño,
coa pobreza na palma das mans,
cara a ti, meu Xesús, o meu berro,
cara a ti, meu Señor, meu irmán.

O baleiro da miña persoa
é máis fondo ca o fondo do mar;
só ti tes, meu Xesús, para enchelo
luz e ben, ilusión, forza e paz.

Nestas mans que eu estendo confiado/a
as dos pobres do mundo están,
as que choran tristuras, miserias,
as que buscan tenrura e pan.

Cara a ti me levanto lixeiro,
que o amor novas forzas me dá,
cara a ti que nos meus compañeiros
me regalas consolo e fogar.

Cómo medra a fe no meu peito
e coa fe a ilusión de loitar
canda ti, meu Xesús, o camiño
que nos leva a total irmandá(de)!

Signo
  • Unha man, dúas mans, estendidas pedindo.
  • Unha foto escura, borrosa, e a mesma, en contraste, clara e luminosa.
  • Alguén dándolle a cara a alguén, e dándolle as costas.
  • Alguén que lle quita a outra persoa unha venda dos ollos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.