31 decembro, 2012

1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María nai de Deus


Evanxeo: Lc 2,16-21

Comentario

Podemos empezar contemplando pausadamente a escena que o evanxeo nos ofrece, deixándonos levar pola súa simplicidade, polo seu encanto, pola súa fondura. Imaxinamos un cortello, un cabano calquera; alí, nun recanto, ou no medio segundo a costume de cada lugar, un presebe ou manxadoira. Nel o neno deitado, durmindo ou esperto. Ao seu carón, caéndolles a baba, Xosé e María, os pais do pequeno; ambos cheos de contento e ambos vivindo a fondo aquel momento excepcional: Deus presente naquela criatura (Sempre que nace un neno ou nena o misterio da encarnación do Verbo de Deus ponse en funcionamento, a niveis misteriosos, pero verdadeiros, que o nacemento de Xesús nos axudou a descubrir e valorar na súa xusta medida).

     Pastores que chegan: xente de mala fama, os pobres, por mor do seu traballo considerado algo indecente. Xa temos a Xesús rodeado dos seus! Vaia por Deus! Chegan falando de cousas sobre do neno que nin eles entenden, nin María entende, nin Xosé entende. María asumiu o papel de mestra do afondamento, incitando a conservar todo aquilo non na cabeza, senón no corazón, que é onde mellor asentan as cousas, onde fan máis efecto. As cousas eran fermosas, alegres, invitaban ao canto e ao baile: Deus metido a tope no medo da xente coa vontade de sempre: facerse para todos e todas un humilde e valente servidor de vida. Deus neno! Deus fráxil! Deus que pide coidados!
     Podemos enredarnos nesta contemplación canto queiramos. Asumindo o papel de Xosé, de María, dos pastores, dos anxos, da manxadoira; incluso o papel do mesmo neno, pois nos tamén somos con verdade persoas onde Deus toma carne. Pero igual é ben que os ollos e o corazón se nos centren en Xesús, ao fin e ao cabo el é o que acaba de nacer, de quen sabemos moitas cousas que o fan admirable, adorable.
Foto: Pradero
Centenares de persoas esperando ás portas do
Banco de Alimentos de Lugo.
      E agora, nun segundo momento, coa mesma pausa e intensidade, podemos pararnos a contemplar outra escena o máis próxima posible, que nos recorde a de Xesús. Seguramente cada un de nós acudirá de seguida a tal acontecemento, a tales persoas, a algo vivido por un/unha mesma, a algo visto no barrio, na parroquia, na TV. Eu quero recordar e fixarme nun pequeno empresario que vin na TV facendo cola ás portas dun centro de distribución de alimentos, á espera de coller a súa bolsa de produtos. Impresionoume. Un rostro cruzado pola amargura, pero, no fondo, moi sereno. Contou con naturalidade a súa situación. Tiña unha pequena empresa con 6-8 obreiros. Viu o que viña enriba, pero quixo aguantar, pola empresa, por el e a súa familia, e, sobre todo, polos seus obreiros, aos que non quería poñer na rúa. Aguantou e aguantou. Ao final a empresa en creba e todos na rúa, el o primeiro. E alí estaba, esperando coma outro calquera pola bolsiña de alimentos que lle matase a fame uns días.
     Acordeime de María, a crente, a sabia en afondar e buscarlle a substancia ás cousas; acordeime de Xosé, o desbordado, o paciente, o colaborador; acordeime dos anxos, para preguntar onde estaban, que urxía anunciar que aquí nacía, estaba nacendo o novo de Deus entre estreituras; acordeime dos pastores, os pobres do caso, os non considerados/as, que ofrecen o seu para facer máis soportable o momento, e converten en ledicia o que anunciaba amargura. Quen era quen para o pobre pequeno empresario que a TV me amosou, e que posiblemente nunca máis volva ver?
     De que nos valería contemplar e contemplar o misterio do Nadal, tenro, pulcro, emotivo, alegre, se non nos paramos a contemplar os misterios do Nadal, que nos nosos tempos se multiplican aquí e acolá con formas e persoas características, que esperan a realización da salvación de Deus a través dos pequenos xestos de salvación que os/as crentes podemos ir facendo dunha forma ou doutra? Pero, de que nos valería contemplar e contemplar o misterio de sufrimento, de angustia, de desesperación de lágrimas, de moitos veciños e veciñas nosas, se non somos quen de axudar a poñernos en contacto coa luz que aclara as escuridades do pecado do presente, e coa forza esperanzada que abre camiños desde o fondo do abatemento? De que nos valería contemplar a Deus, se non contemplamos a xente? De que nos valería contemplar a xente, se non contemplamos a Deus? Ao fin e ao cabo o misterio de Nadal é un misterio de encontro de Deus coas persoas, e a oportunidade para aprender a realizalo dunha forma sinxela e limpa, curadora. E, se algún/nha de nós somos a persoa que neste momento sofre marxinación, que densidade nova collen cas cousas!, que desafíos máis fondos se abren para nós! Que preto se pon Deus de nosoutros/as!
 
Preces

CON MARÍA CONSERVEMOS NO CORAZÓN AS COUSAS DA VIDA
  • Que lle abramos o corazón ao misterio de Deus, que envolve as nosas vidas co seu amor servidor. Oremos.
  • Que non pasemos nunca de largo ao pé das persoas sufrintes que atopemos no camiño da vida, e que nos poñamos ao servizo das súas esperanzas. Oremos.
  • Que non nos deixemos enganar polos credos das finanzas, e apostemos por unha sociedade na que as persoas máis pobres sexan sempre o primeiro. Oremos.
  • Polos pais que traen nenos/nenas a este mundo; que gocen co misterio de vida que están axudando a facerse, que sexan esmerados na crianza dos nenos/as. Oremos.
  • Polos nenos e nenas orfas, polos nenos e nenas que se crían en familias rotas, polos nenos e nenas que se educan en centros dos servizos sociais, que nunca lles falte o necesario para medrar sans e alegres. Oremos.
 
Pregaria

Para empezar o ano ...
que nos non falte a fe
na túa presenza sólida ao noso lado, Señor,
que por algo es o Enmanuel,
o Deus connosco en todo momento.

Para empezar o ano ...
que non nos falte a esperanza
de que as cousas poden cambiar,
podémolas cambiar,
porque nos fixeches vigorosos/as
e a forza do teu Espírito vai sempre connosco.

Para empezar o ano ...
que non nos falte o amor,
lúcido, intelixente,
humilde, servidor,
para rodear con amor responsable
a quen de amor e servizos ande necesitado.

Para empezar o ano ...
que non nos falte a luz,
para entender as raíces e o enramado da crise,
para poñer a cada un no seu sitio,
para que non nos tapen os ollos,
e podernos así dispoñer
para os tempos novos que poden ir nacendo.

Para empezar o ano ...
que non nos falte a rabia, a indignación,
convertida en forza creativa,
para ir realizando con pequenas accións
o soño de irmandade que todos/as levamos
no fondo do noso corazón e na flor dos nosos labios.

Para empezar o ano ...
que non nos faltes ti, Xesús,
nin o teu evanxeo,
nin as túas maneiras,
nin a túa liberdade,
nin a túa creatividade,
nin a túa paixón por Deus
nin a túa paixón polos débiles.
 
Signo
  • Algunha escena que recolla algo do duro que está pasando entre nós.
  • O rostro de María, a mestra en acoller as cousas no corazón.
  • Un camiño aberto e luminoso, que insinúe o ano que temos diante e a ilusión do novo que esperamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.