06 decembro, 2012

9 de decembro: Domingo 2 de Advento (C)


Evanxeo: Lc 3,1-6

Comentario

Sabemos o importante que era para o evanxelista Lucas contextualizar os feitos de salvación que narraba: o nacemento de Xesús, a aparición profética de Xoán o bautizador, o paso mesmo de Xesús á súa actividade pública como militante do anuncio vivo da presenza nova e salvadora de Deus. Situalos na historia é moito máis ca un exercicio de erudición, moito máis ca uns apuntes curiosos dun historiador coidadoso. Pois na historia concreta de cada día é onde poden ser entendidas e collen sentido as palabras e os feitos de Xoán o Bautizador, ou do mesmo Xesús de Nazaré, que o era de Nazaré e non de calquera outro pobo ou cidade. A historia do pobo xudeu neste intre estaba marcada polo dominio asoballante dun emperador romano (Tiberio César), dun gobernador de Xudea (Poncio Pilato), dun Tetrarca de Galilea (Herodes), doutros dous Tetrarcas veciños (Filipo e Lisanias), e de sumos sacerdotes ou pontífices coma Anás e Caifás. Nese contexto de dominio e opresión das masas populares por parte de autoridades políticas e relixiosas, a palabra de Deus chegoulle a Xoán, fillo da Zacarías, no deserto.


     O evanxelista, logo, invítanos a que tamén nós hoxe contextualicemos os feitos de salvación que se poden desenvolver en nós, no medio de nós, no medio da sociedade da que formamos parte. Dominando no mundo os mercados, estando fielmente representados no seu poder por case a maioría dos xefes de estado do mundo, que obedecen os seus dictados tantas veces opresores, pastoreando a Igrexa Católica o Papa Benedicto XVI, con título e accións concretas de servo dos servos de Deus, pero con formas e aparencias e tamén accións concretas de soberano omnipotente, estando os pobos de España –e tamén Grecia, Italia, Portugal, Irlanda...-- nunha grave crise económica, social, democrática, de valores, descargándose a crise económica sobre o lombo da xente máis débil, quedando millóns de persoas sen casa, sen traballo, sen sustento, habendo no mundo –sobre todo en África— países enteiros que de tempo inmemorable veñen sufrindo situacións similares e aínda ben peores, estando cada un de nós, cada unha das nosas familias, cada unha das nosas comunidades cristiás como ben sabemos que estamos, coas nosas incoherencias e pecados, cos nosos méritos e bendicións, cos nosos soños e decepcións, chéganos a Palabra de Deus a todos e cada un, cada unha, de nós, disposta a repetir a froza de liberdade e de vida que gratuitamente ofrecera naqueloutros tempos a Xoán o Bautizador, e por el a toda a súa sociedade. En Xoán atopou eco e obediencia, seguimento, pero atoparao tamén en nós? A de posibilidades que están en xogo, pendentes do noso si, da nosa apertura e entrega á proposta do Espírito renovador de Deus! 
    
     Xoán foi invitado a colaborar na tarefa concreta de preparar os camiños de Deus. Estaría ben que a Nova Evanxelización, da que falamos e tanto oímos falar nestes tempos en ámbitos eclesiásticos, a entendéramos como un preparar os camiños de Deus. E cómo podemos preparar os camiños de Deus, para que acceda á nosa propia vida, á vida da nosa familia, á vida da nosa comunidade, ao conxunto desta sociedade nosa que está como está? É algo que neste tempo de Advento nos podemos preguntar; seguro que nos traerá moito proveito. Xoán o Bautizador entendeu que iso levaba consigo un proceso de revisión persoal, de conversión, de deixar de poñer a ollada, o corazón, a vida nas persoas e circunstancias nas que normalmente as estamos poñendo, para darnos a oportunidade de abrirnos á novidade de Deus para as nosas vidas e comunidades. Que trae isto consigo para nós?

     Preparar camiños para que Deus pase, entre, renove, potencie, cure, alegre. Achanzar camiños, facer limpo e libre o paso, o acceso, a entrada de Deus. Nós non somos os importantes. Nos non somos salvación. Hai salvación de Deus, e haina para todos e todas. Iso si, a través das nosas mans, grazas ao noso traballo de camiñeiros. Camiñeiros, camiñeiras de Deus para este mundo necesitado de tanta cousa boa como Deus sabe e pode e quere ofrecer. Que cada un, cada unha se saiba, se sinta invitado a este oficio sinxelo e marabilloso de facilitadores/as da salvación de Deus.


Preces

QUE TODO O MUNDO VEXA A SALVACIÓN DE DEUS!
  • Que loitemos unidos, para que as persoas paradas poidan traballar dignamente. Oremos.
  • Que nos rebelemos contra os donos e donas das finanzas que queren afogar as nosas vidas para seguiren eles señoreando no mundo. Oremos.
  • Que lle deamos paso a Deus nas nosas vidas, que nos deixemos converter e guiar por el, para poder experimentar a súa forza de salvación. Oremos.
  • Que defendamos un ensino público gratuíto e de calidade, que defendamos tamén unha sanidade pública para todos e todas. Oremos.
  • Que nos doamos das miserias que pasan noutras partes do mundo, e esteamos dispostos a vivir con menos para que outros teñan o imprescindible. Oremos.
  • Que aproveitemos este tempo do Advento para asentar as nosas vidas, para pacificalas e fortalecelas ao abeiro do Espírito renovador de Deus. Oremos.

Pregaria

Que queres de min, meu Deus?
Que queres de min?
En que podo axudarche?
En que podo axudarche eu,
tan necesitado/a da túa mesma axuda?

Ámasme
e gozas véndome medrar
ao abeiro do teu Espírito de vida.

Ámasme
e gustaríache abrir todas as portas
que impiden o teu acceso liberador.

Amas a comunidade da que formo parte
e estás disposto a investir nela
as túas innumerables enerxías.

Amas a comunidade
e invítasme a gozar con ela,
a facerme servidor/ra dela
ao teu estilo, coas túas maneiras.

Amas o pobo do que formo parte,
dóenche as súas crises, as súas carencias,
como che doen xa, de moito atrás,
as de todos os pobos do mundo.

Amas o pobo
e invítasme a preparar nel
os camiños do teu acceso,
para que todo o mundo vexa e experimente
a quentura do teu corazón,
a forza do teu brazo,
a solidez do teu camiñar
cara ao novo insospeitado
que gratuitamente nos ofreces.

Que queres de min, meu Deus,
que queres de min?

Signo
  • Portas e ventás abertas.
  • Camiños accidentados, con pedras e fochancas, e camiños limpos e libres.
  • Rostros humanos expectantes, coa ollada cara ao futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.