19 decembro, 2012

Segundo Encontro


Signo:
O colo, esa palabra preciosa, esa realidade que tanto significado ten para a existencia dunha persoa.
Canto:No colo da miña nai escoitei que morreras por min,e aínda é hoxe o día que creo en ti.

Salmo:

O meu corazón, Señor, non é soberbio,
nin os meus ollos son altivos.
Non persigo grandeza
nin marabillas que me exceden.

Eu acalmo e acalo a miña ansia
coma un meniño no colo da súa nai;
coma unha meniña no colo da súa nai,
así están as miñas ansias no Señor.
Espera, meu pobo, no Señor,
desde agora e para sempre.


Lectura de Lc 12, 22-34

Resonancias do Evanxeo no noso corazón, na nosa vida.

Estás aí, Señor, sen que te chame,
coma colo, fogar, berce e palabra,
coma soño dos meus soños, ti es a chave
que abre o meu porvir, ventura clara.

Teño medo de min, das miñas forzas,
pobre son, meu Señor, ti ben o sabes,
covarde, temeroso/a, pouca cousa,
tentado/a de fuxir, se os ventos baten.

Canto me custa deixarme nos teus brazos,
confiando en ti a vida, o pan, a casa,
a noite, o día, os fillos, o traballo,
o amor dos meus amores en compaña!

Canto desexo nestas horas mouras,
nas que ao pobo indignan tantas penas,
unirme con quen sofre nas súas loitas,
e fiarme de ti, valía certa!
É hora de soñar, disme ao oído,
de pensar posible o imposible,
de facer que a virxe paira un fillo,
de contar por escravos/as seres libres.

É hora de cambiarlle o rostro á terra,
de arredarse dos servos das finanzas,
de inventar unha nova primavera
que só a irmandade nos avala.

É hora de tecer sólidas redes
cos fíos invisibles da tenrura,
co vento que non sabe de paredes,
coa fe que ve a Deus nas criaturas.

Grazas, Xesús, que estás a carón noso,
consolo, forza, abrigo en desmesura,
no cansazo, alento vigoroso,
nas horas de tensión, paz e dozura.

Canto:
Ai, canto amor,
ai, canto amor,
nunhas pobres pallas
nacerá o Señor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.