16 maio, 2013

19 de maio: Domingo de Pentecoste


Evanxeo: Xn 20,19-23

Comentario:

En Pentecoste, aos 50 días da Pascua, na Igrexa celebramos o que foi unha realidade manifesta naquelas persoas e comunidades primeiras: que se deixaron regalar e encher co Espírito Santo de Xesús, e con ese Espírito dentro foron capaces de manter vivo o aire de Xesús, o seu estilo de vida, a súa ilusión absoluta por Deus e o seu servizo sen medida por todas as persoas, maiormente polas máis débiles e marxinais, por calquera razón que fose. Foron capaces de crear unha comunidade cristiá con Xesús no centro, ao redor do recordo, da palabra, do Espírito de Xesús. Celebramos esta festa de Pentecoste coa esperanza de que tamén nos pase a nós o que lles pasou aqueles primeiros homes e mulleres que se deixaron levar polo Espírito de Xesús, nos tempos de hoxe, que boa falta nos fai.

     O Espírito é un regalo de Xesús resucitado. Os amigos e amigas de Xesús sempre o viran cheo, levado, empuxado, arrastrado polo Espírito Santo de Deus. Desaparece a presenza física de Xesús, coa súa morte, pero coa súa resurrección faise máis viva neles, nelas, a presenza do Espírito de Xesús, do mesmo alento que a el o mobilizara e empuxara a facer o que facía, a situarse ante a vida, ante ricos e pobres, ante o pobo, ante as autoridades relixiosas e civís, como sabemos que se situaba.
No relato nárrasenos dunha maneira simbólica como se deu ese regalo: Xesús sopra sobre os discípulos e discípulas, e reciben o Espírito. Igual que Deus Pai creador soprara sobre a figura de barro do primeiro ser humano para lle dar vida (Xén 2,7), así Xesús agora sopra tamén sobre aquel grupo de homes e mulleres encollidas e medrosas, para recrealas, para enchelas dunha vida, dun dinamismo novo. O relato dos Feitos dos Apóstolos da primeira lectura fálanos, tamén simbolicamente, “dun forte golpe de vento”, dunhas “coma linguas de lume”. Forza e calor parecen ser as características principais do Espírito de Xesús. Enerxía e tenrura, dinamismo e afecto, loita e delicadeza, empuxe e paixón amorosa, camiño e fogar: ese é o mundo no que Xesús nos quere introducir, ese é o mundo no que nos debería ir introducindo unha sa experiencia cristiá. Por iso é ben que, coma persoas e coma comunidade cristiá, nos miremos nese espello de Xesús, e vexamos ata que punto si e ata que punto non nos estamos deixando levar polo Espírito de Xesús. Porque a nosa tarefa principal coma persoas cristiás é vivilo todo con ese Espírito de Xesús.
     Qué pode supoñer que os cristiáns e cristiás, as comunidades cristiás, a Igrexa toda, sexamos espirituais, é dicir, traídas e levadas polo Espírito de Xesús? A reflexión e a práctica cristiá, a partir da experiencia mesma de Xesús, que é o seu arranque e fundamento, dinos cousas importantes que caracterizan ás persoas e comunidades que se deixan levar polo Espírito de Xesús. Velaquí algunhas desas cousas:
  • O Espírito é libre, non é controlable, “sopra onde quere e ti séntelo zoar, pero non sabes de onde vén e para onde vai”. Así pasa con toda persoa que naceu do Espírito (Xn 3,8). A liberdade do Espírito é un don que reciben as persoas que se abren ben a Deus; é unha liberdade que con frecuencia altera, sacude, a vida das mesmas persoas que a gozan, e enriquece, sacude e altera tamén a vida das comunidades, da Igrexa. Por iso é frecuente que todos, todas, persoas e comunidades, queiramos fuxir da liberdade do Espírito. Pero, cando desaparece a liberdade do Espírito, aparece o peso das leis, das normas, das institucións; aparece o apagamento e a friaxe nas persoas e nas comunidades. Non é isto o que desde hai tempo nos está pasando? E o apagamento e a friaxe non atraen a ninguén. Que libre foi sempre Xesús! E, por iso mesmo, canta era e é a súa forza de atracción?
  • O Espírito é diverso e plural, complementario, ao servizo da comunidade sempre. Recórdanolo a segunda lectura deste domingo de Pentecoste. Na comunidade cristiá deberíase posibilitar e valorar o don do Espírito co que cada home ou muller cristiá foi regalada por Deus. Ninguén sobra na comunidade cristiá, todo o mundo fai falla. Calquera función merece recoñecemento e agradecemento. Na Igrexa non estamos acaso pagando amargamente as consecuencias de ter matado o Espírito en cada un dos membros da comunidade, e centralo todo no clero, masculino e sacerdote? Non deberiamos soñar a Igrexa desde unha fe maior no don do Espírito en todas as persoas que a compoñen? Unha Igrexa onde non me sinto recoñecido e valorado, acaba sendo unha Igrexa indiferente para min.
  • O Espírito é creativo, non simplemente repetidor. Os mundos non son iguais, os tempos tampouco. O estilo de Xesús, o seu Espírito, en cada etapa e momento demanda comportamentos axeitados. E non é doado estar co espírito aberto en todo momento, sen por iso romper coas fidelidades fundamentais, ao contrario, dándolles saída en cada comento.
  • O Espírito de Xesús, iso si, sempre leva á misericordia, á consideración, ao apoio ás persoas e grupos sociais máis marxinais, coa man da caridade e coa man da xustiza conxuntamente. Esta é o principal sinal de que estamos collidos de verdade polo Espírito de Xesús.

Preces:

QUE ACOLLAMOS, XESÚS, O TEU ESPÍRITO
  • Para que saibamos contribuír ao momento de esperanza que xurdiu na Igrexa coa chegada do Papa Francisco. Oremos.
  • Para que poidamos acompañar con valentía e afecto ás persoas e grupos sociais que peor o están pasando á conta de tantos abusos que a crise facilita. Oremos.
  • Para que poñamos ao servizo da nosa parroquia, da nosa comunidade cristiá aquela graza especial que cada un, cada unha de nós levamos dentro. Oremos.
  • Para que saibamos respectarnos uns a outros/as, vendo nas diferentes cualidades de cada quen non un motivo de medo e de tristeza, senón de alegría e de alivio. Oremos.
  • Para que non lle poñamos atranco ningún ao que o Espírito de Xesús queira facer en nós, na nosa comunidade, na nosa Igrexa, no noso pobo, no noso mundo. Oremos.
  • Para que colaboremos con todas as persoas que poñen valentía e agarimo no mundo, implicándose no ben e na paz da xente. Oremos.

Pregaria:

“E logo, como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? (Feit 2,8)

Cando xorde o Espírito,
aparece a pluralidade, agroma a diferenza
integrada polo respecto, no amor.
Grazas, Señor.

Cando alenta o Espírito,
cada un é cada un, cada unha é cada unha,
co seu don, coa súa graza particular
consentida, valorada, recoñecida
coma don comunitario do creador.
Grazas, Señor.

Cando empuxa o Espírito,
todos temos a palabra,
todos temos oídos para escoitala,
todos, todas, nos facemos discípulas de todas,
nun canto precioso á vida, ao seu candor.
Grazas, Señor.

Cando afala o Espírito,
ninguén anula a ninguén,
ninguén se apropia de nada,
ninguén se constitúe en señor nin en señora,
todos, todas nos facemos pobres no Espírito,
a irmandade brilla con gran esplendor.
Grazas, Señor.

Cando o Espírito é acollido,
as voces miúdas son especialmente atendidas,
as voces pobres, as voces pequenas,
as voces de quen non ten voz,
as voces oprimidas, apagadas, silenciadas,
as voces femininas,
nun afán valente de dignidade e honor.
Grazas, Señor.

Cando o Espírito fala
falan as linguas cohibidas, desprezadas,
coma o galego;
e son amadas, coidadas, espalladas,
humildemente,
coma graza e don particular,
como precioso aporte enriquecedor.
Grazas, Señor.



Signo:
  • Algo que represente o vigor e a quentura do Espírito: vento, lume, corrente de auga, luz.
  • Unión das diferenzas: un corro de persoas de diferentes razas e cores.
  • Voces de muller, voces do Terceiro Mundo, voces de sectores marxinais dos nosos pobos e cidades.
  • Algo que represente a lingua galega

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.