29 novembro, 2013

1 de decembro: Domingo 1 de Advento, ciclo A



Evanxeo: Mt 24, 37-44

Comentario:

Empezamos un novo ano litúrxico. Empezámolo co Advento, estas catro semanas que preceden e preparan a festa do Nadal. Na ordenación da liturxia pasamos do ciclo C ao ciclo A. Sabemos que na liturxia católica actual hai 3 ciclos anuais, que se distinguen basicamente polas lecturas bíblicas que se fan nas celebracións do domingo. A cada ciclo, A, B, C, correspóndelle un evanxeo: Mateu, Marcos e Lucas respectivamente. O evanxeo de Xoán vaise metendo nalgúns tempos litúrxicos especiais ou completando a algún evanxeo máis curto, como é o de Marcos. Así que o evanxelista que basicamente nos vai acompañar durante este ciclo A vai ser Mateu, un evanxelista que pretendía axudar a construír a orixinalidade da comunidade cristiá, da Igrexa, no medio dun mundo moi complexo, sabéndose herdeiro dunha rica tradición relixiosa xudía, pero sabéndose tamén portador da novidade de Xesús na comprensión e na práctica da vida crente. Seguro que nos virá moi ben tamén a nós deixarnos acompañar e vigorizar por este evanxelista e polo Xesús que nos transmite.

Advento quere dicir chegada. Así que estamos no tempo da chegada, no que se nos invita a preparar e vivir esa chegada. Facémolo con frecuencia orando, suplicando, que Deus veña. Cantamos cousas como: “Ven, ven, Señor, non tardes; ven, ven, que te esperamos”, coma se Deus estivese receoso en vir, e como se a súa chegada dependese de que por fin se decidise a dar o paso de visitarnos. As lecturas de hoxe invítannos a outra cousa. A de Isaías, preciosa, está chea de verbos de movemento: acudir, poñerse en camiño, vir, subir, marchar polos vieiros, vir, ir, camiñar... Non é Deus o invitado a moverse; somos as persoas, as comunidades as que somos invitadas a dar pasos, a poñernos en movemento. A chegada, o encontro, non falla por Deus; falla pola limitación ou pola nosa pereza.

O evanxeo, na mesma liña, invítanos a non vivir na inconsciencia, o que nos levaría a non nos decatar do paso, da chegada, da presenza, da urxencia de Deus nas nosas vidas. Invítanos tamén á vixilancia, a estar preparados/as, porque na hora, na circunstancia menos pensada Deus faise presente nas nosas vidas. Indícasenos así cal estaría ben que fose unha das actitudes fundamentais coa que situarnos neste tempo de preparación ao Nadal: convencemento de que Deus vén, está xa aquí, e necesidade de abrir os ollos e o corazón, de dispoñer os pés e a vida para bater con el, para deixarnos envolver pola súa paz, polo seu vigor. Como poderíamos facer isto en cada unha de nós, en cada comunidade cristiá? Igual non estaría nada mal que, como persoas e como comunidade, nos parásemos a ver en que circunstancias, en que persoas, en que realidades sociais que nos rodean, Deus está xa aí, convocándonos a un encontro de vida.

Podemos ler e acoller o evanxeo de hoxe desde unha actitude de temor, véndoo coma unha ameaza: pode ser que non te decates, que non esteas vixiante e preparado, que chegue Deus, e zas!, a que te espera! Pensamos que non é o máis apropiado: Deus nunca é unha ameaza para ninguén. Por qué non nos dispoñemos a lelo e acollelo desde unha actitude de esperanza, véndoo coma unha promesa?: pode ser que non te decates, que non esteas vixiante e preparado, que chegue Deus, e que non goces do seu alento, da súa forza de vida; pode ser que non te sintas gratuitamente arrastrado pola súa proposta de paz, de loita, de alegría, de dignidade para todo, para todos e todas. Que pena! Canto deixarías de vivir e de gozar!

Isaías, en tempos belicosos, facíase testemuña do soño de Deus: as espadas convertidas en arados e as lanzas en podadeiras; nada de loitas de nación contra nación, e nada de adestrarse para a guerra. Non é un mal soño tamén para nós: converter as millonarias armas sofisticadas en anacos de pan, en menciñas solidarias, en cultura, en festas, en terras produtivas, ecolóxicas. E, no canto de adestrarnos para a violencia, adestrarnos para a paz e a concordia. Din os entendidos que hoxe, no mundo civilizado, os conflitos de poder, os conflitos por ter, non se resolven maiormente con guerras, resólvense con movidas e crises sociais coma a que estamos vivindo, nas que se trata, no fondo, de que o poder siga e aumente nas mans de quen o posúe. Por iso crer no soño de Isaías, acompañalo para ilo facendo realidade, pídenos moito iso que dicía o Evanxeo: estar en vela, estar preparados/as, decatarnos...

O Advento invítanos a soñar espertos/as. O Advento invítanos a descubrir os soños de Deus para os nosos tempos, e a apegarnos a eles con todo o corazón.Cales serían hoxe os teus soños, os soños da túa comunidade cristiá? Cada celebración da Eucaristía é unha escola de soños, na que nos xuntamos ao redor dun grande soñador como foi Xesús de Nazaré, quentamos co seu os nosos corazóns e saímos dispostos/as á tarefa diaria de converter toda agresión en acollida, toda marxinación en integración, todo desprezo en dignidade, toda falla de traballo e posibilidade laboral. Xesús estivo aí, Xesús non fallou nin onte nin hoxe. Onde estamos nós?

Preces:

VAIAMOS, CAMIÑEMOS Á LUZ DO SEÑOR!
  • Sen deixarnos levar pola pereza, polo desalento, polo derrotismo, dispoñámonos a acompañar o Deus da vida nesta nova etapa do Advento. Oremos.
  • Deixándonos axudar por persoas ou grupos inquedos, que nos empuxan a
    participar en cousas de mellora para a nosa Igrexa, para a nosa sociedade. Oremos.
  • Dedicándolle tempo á oración, á reflexión, a analizar as cousas, para que ninguén nos engane con fantasías de poder sen humanidade. Oremos.
  • Dispoñéndonos a soñar, a pensar con fe e con esperanza en cousas de melloría para cada un/unha de nós, para as nosas familias, para os nosos pobos e parroquias. Oremos.
  • Abríndolle o corazón a Deus, sen reservas, para que el o poida facer amante, xusto, solidario, universal, como foi o de Xesús. Oremos.


Pregaria:

Que abramos os ollos, Señor,
os ollos do corpo e do corazón,
para contemplar a túa presenza interminable
no medio de todo o que cada día vemos e vivimos.

Que nos decatemos, Señor,
da túa chamada urxente
nos corpos rotos,
nas vidas rotas
de quen máis padece a crise que vivimos.

Que saibamos vixiar, Señor,
levadas polo teu Espírito,
para que ninguén nos engaiole
con anuncios de traballo, casa e dignidade
onde só hai baleiro e discriminación.

Que saibamos entender, Señor,
guiados pola túa sabedoría de vida,
para adiviñar o teu paso humilde
entre a xente máis humilde e calada.

Que nos dispoñamos a prepararnos ben Señor,
acompañadas pola túa luz,
para as horas menos pensadas
nas que ti queiras vir e estar,
gratuitamente,
coa túa crítica e sacudida,
co teu abrazo e consolo.

A nosa casa quere estarche aberta,
a nosa vida quere ser túa.
Entra,
acomódate,
fagamos fogar,
fagamos unidade,
fagamos fraternidade responsable.

Signo:
  • Un camiño aberto ao horizonte, e/ou xente camiñando por el.
  • Un faro na noite, unha luz que guía.
  • Unha casa coas portas abertas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.