26 decembro, 2013

29 de decembro: Domingo 1 despois de Nadal: A Sagrada Familia



Evanxeo: Mt 2,13-15. 19-23

Comentario:

Igual non debera ser así, pero o tema da familia é un tema que está moito en discusión nos tempos de hoxe. A realidade social indícanos que os modelos de familia que se foron dando dun tempo a esta parte son moi diversos, e algúns mesmo rechamantes: a familia digamos de sempre con pai, nai e algúns fillos ou fillas (poucos en todo caso), familias monoparentais (é dicir, dun só proxenitor ou proxenitora), familias que optan por non teren fillos ou fillas, familias homosexuais, nais que optan por criar algún fillo ou filla sen concurso de varón, familias que adoptan fillos/as, familias nas que, por divorcio ou separación, hai cambio entre as parellas, e os fillos ou fillas teñen que aprender a convivir con pais/nais biolóxicos ou de circunstancias,...

A Igrexa entende que o seu modelo de familia: pai e nai unidos ata a morte, abertos á procreación de máis ou menos fillos e fillas, é o modelo natural, ideal. E ese é o modelo que coida, defende e promove. Ás veces facémolo na Igrexa sen consideración nin respecto cara á sensibilidade e prácticas doutras persoas; ás veces si que temos consideración e contribuímos co noso modelo humildemente a esa tarefa nada doada de ir configurando un modelo familiar que dea asento e felicidade ás persoas, e que se converta nun punto forte de apoio para unha socialización dos seus individuos e para a construción da armazón social. Tamén aquí estaría ben que as comunidades cristiás fosen lugares onde todos, todas, aprendésemos a non excluír a ninguén, a respectar a todo o mundo, iso si, apostando son seriedade e humildade por aquelas formas que a nós nos poidan parecer máis axeitadas, sabendo que as cousas dos afectos, dos amores, da sexualidade, da convivencia, son moi complexas, e que non se pode andar pola vida de prepotentes. Propoñendo e compartindo as nosas satisfaccións ao respecto, e nunca impoñendo nunca nada a ninguén.

O evanxeo de hoxe fálanos dunha familia envolta en tensións, en conflitos, en problemas. Tensións, conflitos, problemas que tamén abundan en moitas familias das nosas parroquias, vilas e cidades. Igual máis ca debater enrabechadamente sobre se este modelo de familia é mellor e este peor, se este é o natural e estoutro non, se a isto hai que lle chamar matrimonio ou non, o que estaría ben que fixésemos, como persoas e comunidades cristiás, sería pararnos a ver por que o están, ou estamos, pasando mal moitas familias, que é o que nos está facendo a vida costa arriba, coñecer situacións, achegarnos para entender e axudar, arrimar o lombo canto máis desde dentro mellor, respectar moito, amar moito, servir moito, ... Que precioso sería vernos os miles e miles, millóns, de cristiáns/ás que hoxe celebramos a festa da Sagrada Familia, entregados a esta tarefa de levar comprensión e alento, apoio de palabra e de feitos, a aquelas familias ás que lles está custando chegar a fin de mes, atopar un lugar digno onde vivir, aprender unha convivencia cariñosa, criar os fillos e fillas con pan e con paz e con criterios pedagóxicos bos, tirar para adiante con persoas enfermas ou conflitivas no seu seo, etc. E a iso nos invita a festa de hoxe.

O evanxeo de hoxe forma parte dos relatos da infancia do evanxelista Mateu. Os relatos da infancia máis ca dar información precisa sobre a vida de Xesús, ofrécennos marcos de comprensión da figura de Xesús e formas de entrar no seu mundo e de facernos de verdade seguidores del. Resulta ben interesante ir observando as actitudes dos diferentes personaxes que van aparecendo nestes relatos: uns déixanse tocar, asombrar, levar, polo de Xesús: María, Xosé, os pastores, a parente de María, Sabela, os Magos, ...; outros, en cambio, non: Herodes, os sumos sacerdotes e letrados do pobo... A xente de mando e poder tivo moitas máis dificultades para entender e seguir a Xesús, que nacía e se desenvolvía en formas de humildade e de pobreza, de servizo, con xenio e valentía. As persoas que descobren en Xesús o rostro e a presenza de Deus son as que se deixan levar polo Espírito, que sopra onde quere e cando quere e como quere. María e Xosé foron mestres en escoitar e seguir a voz do Espírito. O anxo do Señor do que fala o evanxeo, que tiña tanto trato con Xosé, e a quen Xosé era sempre fiel, non é senón este Espírito de Deus que o acompañaba e que o guiaba. Ese mesmo Espírito de Deus tamén nos acompaña a nós para que atinemos nas mellores maneiras de conducir as nosas vidas e as vidas das nosas familias, sobre todo en horas e tempos de crise.

Unha das características máis típicas dunha familia cristiá sería, logo, esta disposición a escoitar a voz do Espírito, que nos pode falar de mil maneiras, a aprender, a informarnos, a poñernos en disposición de botar a andar, a saír de nós e do noso, a abrir camiños con humildade, a compartir. E a Eucaristía de cada domingo é un lugar onde podemos celebrar a nosa dita de ter o Espírito por compañeiro/a fiel e onde podemos motivarnos vivamente para o seu seguimento.

Preces:

AQUÍ ESTOU, SEÑOR, CONTA COMIGO
  • Para coidar a miña familia aprendendo da preocupación e coidados que ti tes con todos e todas nos. Oremos.
  • Para tolerar, respectar e atender as persoas maiores que viven connosco, e para aprender e agradecer delas tantas cousas boas que nos poden ensinar. Oremos.
  • Para coidar con esmero e tenrura os nosos nenos e nenas, implicándonos na súa formación humana e cristiá, informándonos, falando, compartindo, actuando. Oremos.
  • Para saber acompañar os nosos fillos e fillas adolescentes e mozas, dándolles compaña, apoio, forza e liberdade para que acerten co seu camiño na vida. Oremos.
  • Para facer de cada unha das nosas familias un espazo de convivencia agradable e para abrilas sen reparo a compartir e á preocupación polo que pasa ao redor noso. Oremos.

Pregaria:

Señor,
desde o seo da miña familia
agradecida, coidada, perdoada,
quero asomarme hoxe
ás familias veciñas,
para agradecelas tamén,
para integrarme nos seus desvelos,
para sentilas coma miñas e apoialas en todo
coa palabra, cos sentimentos, cos feitos.

Señor,
desde o teu corazón grande, desmedido,
de Pai e Nai de todas e de todos,
quero lembrarme hoxe
das familias máis feridas pola crise,
as máis rotas por desavinzas,
as máis criticadas polas súas formas que rompen moldes,
para amar, comprender e respectar coma ti,
para termar e alentar coma ti,
para perdoar, se é o caso, e sandar algo coma ti.

Señor,
desde a túa experiencia de familia emigrante e perseguida,
quero achegarme hoxe
ás familias inmigrantes negras, sudamericanas, rumanas,
tantas veces fendidas no corpo e na alma,
nos sentimentos máis elementais,
nas aspiracións máis nobres,
para defender a súa causa,
que é a túa,
para compartir con elas
casa e pan e corazón,
que é coma compartilo contigo.

Señor,
desde a túa especial preferencia polas familias máis débiles,
quero sumarme hoxe
ao clamor de quen pide pan, casa, traballo, menciñas, ensino...;
que non se me casque a voz,
que non se me nubre a ollada,
que non se me achique o corazón.

Señor,
polo teu amor.

Signo:
  • Imaxe da familia de Xosé, María e Xesús.
  • Imaxe de persoas negras con fillos/as.
  • Imaxe de parella gay.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.