30 xaneiro, 2014

2 de febreiro: A presentación do Señor



Evanxeo: Lc 2, 22.40

Comentario:

Cando algunhas festas especiais coinciden en domingo, a liturxia destas festas substitúe a dese domingo. Pasa iso normalmente coa conmemoración dalgúns santos (Xosé, Santiago, ...), pero tamén coa conmemoración dalgúns acontecementos importantes da historia da salvación. Por iso hoxe a festa da Presentación do Señor substitúe o domingo 4 ordinario, e lemos na Misa as lecturas da Presentación do Señor.


Esta festa xa se coñecía no século IV. No século VIII deu en chamarse a festa da Purificación de María. Purificación da nai e presentación do fillo ou filla entraban dentro dos deberes relixiosos dos xudeus. A Misa da festa celebrábase ao amencer, e xa neste século se colleu o costume de facer unha procesión antes da Misa, na que as persoas asistentes levaban unha veliña na man; de aí que se lle dese en chamar a festa da Candeloria. Levaban a veliña en memoria das palabras do velliño Simeón falando de Xesús: “luz para alumear as nacións...”. Coa reforma litúrxica do Concilio Vaticano II esta festa volveu a chamarse festa da Presentación do Señor. No evanxeo de Lucas esta festa ocupa o lugar que no evanxeo de Mateu ocupa a adoración dos Magos: a presentación de Xesús coma manifestación de Deus para todos os pobos que o queiran acoller. Foi unha festa que nalgún tempo tiña moito ascendente entre o pobo cristián, hoxe parece que está algo decaída. Iso non quita para que aproveitemos ben todo o que ela nos ofrece.

A familia de Xesús, e Xesús mesmo, iniciouse na vida conforme aos costumes do seu pobo, conforme á fe e espiritualidade do seu pobo, que era viva e densa, aínda que se manifestase en cousas que hoxe xa nos parecen inoportunas ou mesmo escandalosas. As nais ao pariren debían purificarse (da mancha do fluxo do sangue) durante sete días, se tiveran un fillo, e durante 15 días, se tiveran unha filla; a continuación debían presentar o fillo ou filla no templo. Tratándose do primeiro fillo varón, debería ser entregado ao señor, pero podía rescatarse desa entrega mediante unha ofrenda. Se eran xente con cartos, a ofrenda era dun año; se eran pobres, un par de rulas ou dous pombiños, que foi o que entregou a familia de Xesús. Xesús, fillo pobre dunha familia pobre dun pobo pobre, aberto á presenza e ao regalo de Deus. E iso é o importante. Así se criou e medrou Xesús, así se fixo forte e intelixente, así o agarimo de Deus ía enchendo cada vez máis a súa vida toda. Quen nos dera que o mesmo pasase en todas as nosas familias! Nesas andamos.

O evanxelista Lucas pasa aos relatos da infancia o impacto que Xesús, xa adulto, e o seu estilo de vida causaban nas persoas que ían batendo con el. Tanto o vello Simeón coma a velliña Ana viven, falan, transmiten cousas ben importantes ao redor de Xesús como resposta de Deus á espera do pobo, á espera de calquera home ou muller que suspire pola súa presenza para darlle corpo e respiro á vida, ao mundo que vivimos. E así Simeón e Ana fálannos da importancia da espera, do aguante, da paciencia, da resistencia, da persistencia á hora de ir construíndo unhas persoas, unhas comunidades, unha sociedade máis sas, máis limpas, máis xustas, máis fraternas, máis felices. Pero o seu agardar non era un agardar pasivo, coma quen cruza os brazos á espera de que as cousas cambien polo seu pé, ou á espera de que Deus decida intervir cando decida intervir. Simeón e Ana urxen, apuran a presenza salvadora de Deus en Xesús. Como? Coa vida xusta, cunha vivencia relixiosa fiel e confiada, coa pregaria, co servizo, suspirando pola liberación do pobo en apertos, deixándose coller polo Espírito, fiándose das promesas dese mesmo Espírito que alentaba neles a espera. Somos nós así? Somos así, soñamos coa xente en aperturas, ou derrotámonos á primeira, abandonamos a primeira, coma quen está desexando que apareza algún atranco para deixar de lado o intento por cambiar e mellorar as cousas?

Outra cousa importante da que nos fala sobre todo o vello Simeón é que non hai victoria sen loita, non hai gloria sen cruz, non hai colleita sen sementeira, non hai ledicia sen bágoas. Non se fai unha persoa nova, unha familia nova,unha parroquia nova, unha sociedade nova sen loita, sen sufrimento. Non se cambian as cousas sen conflito, sen tensións, sen discusións; uns tiran para adiante, outros non queren; uns soñan desde a solidariedade, outros aséntanse no individualismo. Queixar queixámonos todos e todas mil veces do mal que van as cousas nisto, naquilo, naqueloutro; pero algo moi distinto e que, ademais de queixarnos, queiramos arrimar o lombo, loitar, sufrir, aguantar para que melloren as cousas das que tanto nos queixamos. A espada que atravesa a alma de María é a mesma que atravesa a alma de todas as persoas loitadoras que soñan, que se implican, que lle dan cara ás cousas. E canto disto nos fai falla nos tempos de hoxe! Como nos estamos situando ante a vida? Pensando que todo ha ser mel? Sabendo que ata o mesmo mel se fai co enorme traballo de miles e miles de avellas?

Pero, por riba de todo, o evanxeo de hoxe é un evanxeo de gozo, de festa, porque Deus está aí, porque Deus cumpre, porque no seu fillo Xesús temos unha luz potente para soster a nosa esperanza, para alentar a nosa loita; porque no corazón de todos os homes e mulleres do mundo hai un reclamo fondo cara á irmandade posto alí polo Deus bo, que nos fixo para o ben, para a solidariedade. Hoxe é un día de glorificar a Deus cos velliños Simeón e Ana, e con todos os loitadores e loitadoras que houbo e que hai no mundo. Hoxe é un día para seguir o exemplo da velliña Ana, que falaba do neno a todas as persoas que agardaban a mellora radical do pobo.

A Eucaristía é o momento de sentir con forza o gozo de Xesús salvador no medio da comunidade, para despois saír e falar del a todo o mundo; ese é o noso regalo, a nosa tarefa. Estámolo facendo así? Que nos impide facelo?


Preces:

CON ANA E SIMEÓN
COS PAIS DO NENO,
GLORIFIQUEMOS XUNTOS/AS O NOSO SEÑOR
  • Loemos a Deus con todas as persoas que se fían del, e que nel atopan luz e forza para andar nas cousas de vida nas que Xesús andou. Oremos.
  • Loemos a Deus por Xesús mesmo, que foi e segue sendo luz para moita xente, abríndonos camiños fondos de solidariedade e dándonos forza para non cansar. Oremos.
  • Loemos a Deus por toda a xente que, na Igrexa e fóra dela, está a loitar con aguante para que a sociedade mellore, e para que as persoas máis débiles sexan ben atendidas en todo. Oremos.
  • Loemos a Deus cos nosos velliños e velliñas, que tanto teñen loitado, sufrido, esperado, amado; que reciban o noso agradecemento e admiración. Oremos.
  • Loemos a Deus polos que anuncian o Evanxeo de Xesús coa súa palabra e sobre todo coa súa vida, co seu espírito soñador e servidor. Oremos.



Pregaria:

Benditos, Ana e Simeón,
xuntos con todos os nosos maiores,
homes e mulleres crentes no medio da vida,
que mantiveron acesa a lapa da fe
e nola pasaron envolta no amor e na esperanza!
(Que cada quen pense aquí en nomes ben concretos).

Benditas todas as persoas
que ao longo dos anos e xeracións
souberon agardar,
viviron con piedade e con xustiza,
soñaron coa liberación do pobo apertado, asoballado,
guiadas e alentadas polo Espírito Santo de Deus!

Benditas as persoas que souberon recoñecer o teu rostro,
o rostro de Xesús, o Cristo de Deus,
nos rostros pobres das persoas pobres
que van desenvolvendo a vida entre dores e esperanzas,
onte coma hoxe!

Benditos os homes e mulleres que te cantaron e veneraron, Deus,
que se sentiron regaladas por ti en Xesús,
que atoparon nel a luz dun novo amencer,
a porta dunha nova humanidade!

Benditas as persoas
que teñen experimentado a túa fidelidade, Deus,
o pracer de ver que ti nunca fallas,
que sempre estás aí, na hora clave,
coa túa presenza alentadora!

Bendito quen tivo o pracer santo
de coller o neno no colo,
de agarimar toda debilidade, todo xermolo limpo de esperanza,
para falar do neno e da debilidade
con nomes e rostros ben concretos,
con paixón amante e solidaria!

Benditos, Ana e Simeón,
e Pepe e Maruxa e Manuel e Lola, e ...,
polas súas vidas densas e alegres,
polo seu traballo, o seu amor, o seu servizo,
pola súa pousada espera,
pola súa ollada tenra aberta ao pobo,
polos seus soños interminables,
fecundados día a día no lento remol do teu Espírito!

Benditos, Deus, sempre benditas!


Signo:
  • Variados rostros de persoas maiores, homes e mulleres.
  • Variados rostros de nenos e nenas, débiles.
  • Luces, velas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.