26 marzo, 2014

3º Encontro do curso 2013 / 2014



Signos:   Sal e Luz


Salmo 83 : (versión oracional á luz do Evanxeo)

Señor, ti nunca estás calado,
nunca estás mudo e parado, meu Deus,
por moito que nolo poida parecer!
Ben ves que os inimigos se reviran,
os que aborrecen a xustiza erguen a cabeza.
Traman proxectos contra o teu pobo,
conspiran contra a xente que ti tanto queres.
"Vide --din--, borrémolos do medio dos pobos,
que o seu nome non se recorde máis".

Están de acordo na conxura,
entran no pacto contra ti
os inimigos da paz e da irmandade,
os amigos de abusos e violencias,
os que argallan trampas e falsidades,
os cómplices da espoliación e da inxustiza,
os que pasan do sufrimento do pobo
e só buscan a súa comenencia.

Que fracasen rotundamente nos seus plans,
que se derruben os seus castelos de inxustiza,
que os seus soños de dominio e de poder
queden estrados coma esterco nos campos.
Que os seus líderes perdan todo creto,
que se destapen as trampas e mentiras
de quen dicía: "Acabemos cos pobres de Deus".

Que o seu poder, meu Deus, se volva folla seca,
cisco diante do vento.
Coma lume que queima os bosques,
coma fogueira que abura os montes,
que así a forza do teu amor os envolva,
que o furacán da xustiza os gañe para a irmandade.

Que se avergoncen do mal
e invoquen, Señor, o teu nome.
Queden avergoñados e arrepentidos,
que se vexan perdidos e confusos.
Que aprendan que só ti, meu Deus,
es o poderosos servidor de toda a terra.


Evanxeo: Mt 5, 13-16

Vós sodes o sal da terra
(sal: sabor, conservación, alegría, graza, gozo, humor da vida)
Vós sodes a luz do mundo
(luz: transparencia, inocencia, honradez, discernimento, ver a realidade, verdade,... sobre nós, sobre a vida)


Signo do sal e da luz

Sabíalo?
A túa vida non é para ti,
soamente para ti.
O teu corpo non é para ti,
soamente para ti.
O teu amor non é para ti,
soamente para ti.

Nin o teu humor,
nin a túa intelixencia,
nin o teu tempo,
nin os teus cartos,
nin a túa casa ...

Sabíalo?
Estás feito de sal e luz,
sal para salgar
e luz para alumear.

O teu é desfacerse coma o sal,
salgando os demais, salgando o pobo.
Non teñas medo a quedar desaborido
a conta de tanto salgar.

O teu é ir revendo coma a veliña
alumeando os demais, alumeando o pobo.
Non teñas medo a ser veliña que reve
a conta de tanto alumear.

Xa atoparás
quen repoña o sal gastado
e quen acenda no teu corazón
unha luz que nunca morre.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.