26 marzo, 2014

4º Encontro do curso 2013 / 2014


Celebrando os beneficios de Deus

Signos:   os beneficios de Deus: froitos, móbil, un rostro amado, un rostro oprimido.


Canto:
XENTES TODAS, APLAUDIDE CON LEDICIA,
ACLAMADE  O SEÑOR EN MEDIO DE ATURUXOS.


Salmo 103 : (versión oracional á luz do Evanxeo)

Alma miña, bendí  o Señor
e todo o meu ser o seu santo nome!
Alma miña, bendí  o Señor,
non esquezas os seus beneficios.

El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;
farta de bens a túa existencia
e renova coma a da aguia a túa mocidade.

O Señor fai xustiza
e defende o dereito da xente oprimida.
Mostroulle ao seu pobo os seus camiños,
a todas as nacións as súas fazañas.

O Señor é misericordioso e clemente,
paciente e rico en tenrura.
Non está sempre acusando,
nin é o seu anoxarse coa xente.
Non nos trata conforme os nosos erros
nin nos paga conforme as nosas culpas.

Canto alza o ceo sobre a terra,
así é grande o seu amor con todo o mundo;
canto dista o nacente do poñente,
así  arreda de nós as nosas culpas;
canto unha nai ama os seus fillos,
así ama o Señor a todas as persoas.

El sabe de que estamos feitos,
recorda que somos barro.
Os días do ser humano son coma palla,
o seu florecer coma o da flor;
aínda non a roza o vento, xa se foi,
e o seu sitio xa non a volve ver.

Mais quen recoñece o Señor
comproba que o seu amor dura por sempre;
a súa xustiza é experimentada permanentemente
por quen garda a súa alianza,
por quen recorda a súa vontade e a cumpre.
O Señor puxo entre nós a súa morada,
co seu amor entregado goberna o universo.

Bendicide o Señor, cantos o venerades
e estades dispostas a cumprir a súa vontade.
Bendicide o Señor, xentes todas,
homes e mulleres que vos afanades por serlle fieis.
Bendicide o Señor, todas as súas obras,
en todos os lugares onde brilla a súa presenza.


Preces:

"Calquera comunidade da Igrexa, na medida en que pretenda subsistir tranquila sen ocuparse creativamente e cooperar con eficiencia para que a xente pobre viva con dignidade e para incluír a todos e todas, tamén correrá o risco da disolución, aínda que fale de temas sociais ou critique os gobernos. Facilmente terminará sumida na mundanidade espiritual, disimulada con prácticas relixiosas, con reunións infecundas ou con discursos baleiros" (E.G., n.207)




Noso Pai e Bendición


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.