04 marzo, 2014

9 de marzo: Domingo 1 de Coresma (A)


Evanxeo: Mt 4, 1-11

Comentario:

Empezamos un ano máis o tempo de Coresma. Preparámonos para a celebración da Pascua, que é a experiencia de sentir vivo a Xesús, dentro de cada un, cada unha de nós, dentro das nosas casas, dentro da comunidade cristiá, dentro deste mundo noso do que formamos parte. Preparámonos, polo tanto, para a ledicia de Pascua, porque sentir a Xesús vivo no medio de nós é unha alegría. A Coresma é así un tempo penitencial, pero un tempo, por iso mesmo, cargado de esperanza. Coresma non quere dicir tristura, amargura, aflición. Coresma quere dicir revisión da nosa traxectoria cristiá, persoal e comunitaria, para ver onde estamos pouco abertos/as ás chamadas que Deus nos fai desde o corazón da vida, para ver onde non estamos respondendo ao que Deus espera de nós, ao que esperan de nós as persoas que nos rodean, sobre todo as persoas máis necesitadas por seren pobres, marxinadas, pecadoras. Coresma quere dicir tamén abrir a nosa propia pobreza aos coidados de Deus e aos coidados da xente que nos rodea. E así, uns e outros, unhas e outras, medrar en fidelidade a Deus e medrar, por iso mesmo, en felicidade entre nós. A Coresma é a porta da Pascua, a porta da alegría.

No comezo da Coresma a Igrexa sempre nos propón a meditación do relato das tentacións de Xesús no deserto por parte do mesmo diaño. Un relato que nos transmite cousas moi importantes sobre a vida e os traballos de Xesús para o noso proveito. E o primeiro que nos di é que o camiño de Xesús non foi un camiño de rosas, só de rosas. Xesús tiña un proxecto de vida para si e para as persoas que o quixesen acompañar; un proxecto de vida baseado na irmandade máis real posible, que el aprendera do corazón mesmo de Deus, con quen tanto intimaba. Pero ese proxecto de vida batía con oposicións de persoas e de institucións relixiosas e civís. As persoas que facían estas oposicións era coma o demo para Xesús. O camiño da nosa vida, o camiño da nosa comunidade cristiá, seguro que tampouco non é un camiño de rosas; temos ilusións por andar en verdade, en bondade, en xustiza, en fraternidade, pero ao tempo sentímonos tentados/as para non seguir por aí, sempre hai quen tente, quen tire para atrás, quen semente desconfianzas, quen faga desunións.. Cales son as nosas tentacións concretas? Que cousas nos atan, nos escravizan? Que estamos a facer ante elas?

O evanxeo recolle tres tentacións, tres loitas grandes coas que Xesús se encarou e coas que tamén nos temos que encarar todas as persoas crentes. A primeira delas consiste en querer usar a Deus para conseguir beneficios materiais de maneira doada (cartos, traballo, saúde, superación de problemas, etc.), esquecendo que Deus non está nas nosas vidas para evitarnos o esforzo, a loita sensata, senón para fortalecernos ante as dificultades que se nos vaian presentando. Ademais este evanxeo lémbranos que as persoas, as familias, os pobos non só necesitamos pan, bens materiais, para construírnos coma tales, senón que precisamos igualmente estar ben atentos ao que Deus nos fala, ao que Deus nos aconsella, ao que Deus nos ofrece. Pan si, cartos, algúns, si, pero co pan, cos cartos, Deus, a solidariedade, o servizo, a defensa do pequeno. Xesús foi tentado nisto, e foino de verdade; pero venceu; non se deixou enganar por trampas do espírito malo. Como levamos nós isto?

A segunda tentación que Xesús tamén sufriu é a tentación de querer usar a Deus para así desentenderse da responsabilidade de coidar a propia vida, a vida das persoas que rodean a un, a vida da natureza, todo, todo, esperando que sexa Deus quen veña a facer o que nós abandonamos. É iso de poñer a proba a Deus, a ver se Deus funciona na nosa vida. Non coidamos a saúde, e logo rezámoslle a Deus por ela. Non nos preocupamos da educación dos fillos/as, e logo poñemos unha vela a un santo para que non caian na droga. Descoidamos o noso matrimonio día a día, e despois sentímonos abandonados por Deus, se chegamos a unha separación. Iso é tentar a Deus. E non é que Deus estea ausente, ou estea desinteresado do que nos pasa. Deus preocúpase na nosa mesma preocupación, Deus actúa a través das nosas mans. Tamén aquí Xesús saíu vencedor. Abandonouse en Deus, pero non abandonou as súas responsabilidades, nunca. Como levamos nós isto? Confiamos en Deus, sen ceder no noso traballo?

E a terceira tentación sufrida por Xesús foi a tentación do poder, a costa de someterse ao espírito malo. A tentación do poder, do dominio, é moi grande. Ben vemos como cae nela tanta xente hoxe entre nós. O poder, e co poder o mando, os cartos, as comenencias, os enchufes, as gratificacións, os regalos, etc. As persoas que fan isto acaban deixándose levar e coller por un espírito malo, destrutor, que acaba coa valía persoaL, e acaba tamén coas bases dunha boa sociedade. Xesús sentiuse tentado tamén por isto, pero non cedeu. Tiña moi claro que el só se debía a Deus e á xente máis débil, e mantívose forte e seguro. A tentación do poder chéganos a todos, á Igrexa tamén. A tentación de exercer o poder, ou a tentación de poñernos con trampa á sombra do poder, para beneficiarnos del, fomentando inxustizas, desigualdades. Sería ben que con calma revisásemos esta tentación nas nosas persoas, na nosa comunidade cristiá.

A Eucaristía é o lugar no que podemos aprender de Xesús, comunitariamente, a adoración exquisita só a Deus, para logo ser firmes ante as tentacións da vida.


Preces:

SÓ AO SEÑOR, O TEU DEUS, ADORARÁS.
  • Contigo, Xesús, fortalecidos por ti, queremos darlles cara aos problemas da vida, fiándonos ben de Deus, pero sen abandonar as nosas responsabilidades. Contigo, Xesús, oramos.
  • Contigo, Xesús, animadas polo teu mesmo Espírito, queremos repoñernos a calquera tentación ou trampa do poder, que naza dentro de nós ou que nos veña de fóra. Contigo, Xesús, oramos.
  • Contigo, Xesús, levados pola túa man, queremos ser persoas sinxelas e verdadeiras, que adoremos e sirvamos a Deus en Espírito e verdade. Contigo, Xesús, oramos.
  • Contigo, Xesús, atraídas por Deus coma ti, queremos estar atentas aos problemas da nosa sociedade, con ánimo de colaborar para que toda a xente poida vivir con dignidade. Contigo, Xesús, oramos.
  • Contigo, Xesús, contando coa túa axuda, queremos valorar e agradecer a presenza das mulleres nas nosas vidas, e repoñernos a calquera tentación de violencia ou de discriminación contra elas. Contigo, Xesús, oramos.



Pregaria:
(sobre "A ledicia do Evanxeo, nn.76-92)

Ben ves, meu Deus, o pecador que son,
como se me turba a ollada,
como se me encolle o corazón,
como se me entesan as mans,
como me custa ter en conta e servir
as persoas que precisan de min, do mellor de min!

Ben ves, meu Deus, o pecadora que son,
como ás veces me pecho nos meus medos e angustias:
nin ouso comentalas para recibir axuda,
nin son valente para deixalas a un lado
e subirme ao carro do entusiasmo solidario,
da empresa común na comunidade cristiá,
na parroquia, no sociedade!

Ben ves, meu Deus, o pecador que son,
non me deixo arrastrar por ti cara ás fontes da alegría,
ando a rastro e como penando,
canso e triste,
con soños vaidosos ás veces,
desapegado do pobo humilde outras,
sen paciencia confiada e serena,
querendo dominar o ritmo da vida e das tarefas!

Ben ves, meu Deus, o pecadora que son,
o desencantada que ando ás veces,
con cara coma de vinagre,
con espírito de derrota,
vencida xa antes da batalla,
sen ollos humildes e espelidos
para ver e gozar as medras do trigo no medio da herba mala!

Ben ves, meu Deus, o pecador que son,
como escapo ás veces
do gozo de vivir xuntos/as,
de mesturarnos, de collernos do brazo,
de apoiarnos,
de participar desa marea algo caótica
que pode converterse nunha verdadeira experiencia de fraternidade,
nunha caravana solidaria,
nunha santa peregrinación cara á alegría do novo, da luz, da Pascua!

Ben ves, meu Deus, o pecadora que son,
escapando da dor do próximo que me interpela
ou da súa alegría que me podería contaxiar.
Suspiro por ti moitas veces, meu Deus,
pero fuxindo da carne do meu próximo
e do compromiso que me vincula fondamente con el, contigo.

Ben ves, meu Deus, ben ves ...,
e moitas cousas máis que podería contarche,
prostrando diante de ti, para que o cures,
o lado escuro e pecadento da miña vida.


Signo:
  • Unha flor murcha, un regato case seco, un rostro tristeiro,
  • Cartos,
  • Unha persoa que se arreda do grupo, da comunidade,
  • Cadeas, cordas que apresan a unha persoa, que a escravizan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.