venres, 16 de maio de 2014

Díaz Castro: Nimbos, un itinerario espiritual laico



Pídeseme desde a revista AMENCER unha colaboración sobre Díaz Castro. Agradezo a solicitude, e non porque eu sexa un significado estudoso do autor ao que este ano está dedicado o Día das Letras Galegas e da súa escrita, pero si porque me permite entrar un pouquiño máis en parte da súa obra --limítome exclusivamente aos textos do seu libro estrela Nimbos, que xustamente durante esta última etapa estiven lendo de novo con especial interese e devoción. Nunca chegara a captar coma nesta lectura a forza, a riqueza, a vitalidade da poesía de Díaz Castro, o precioso debuxo antropolóxico e crente que nela se nos ofrece. Comparto cos lectores e lectoras de AMENCER estas reflexións. Fareino referíndome primeiro a algunhas circunstancias da súa traxectoria vital que me parecen moi significativas, e logo detereime en presentar o que para min é o sinxelo e fondo proxecto de antropoloxía crente ou, se así o preferimos, de vida cristiá na existencia diaria, que aparece con nitidez en Nimbos.

1.- Un crente aldeán que falaba e escribía en galego

A biografía de Díaz Castro ofrece unha serie de contrastes. O primeiro deles é o que queda establecido por unha persoa que nace en febreiro do 1914 nunha aldea, en concreto na de Os Vilares de Parga, daquela concello de Trasparga, hoxe concello de Guitiriz (Lugo), e que vivirá gran parte da súa vida nas antípodas do rural, como era e é Madrid, a capital por excelencia. Puidera ser que entre estes dous feitos fose aparecendo un distanciamento vital, unha ruptura; pero non foi así en Díaz Castro. Naceu na aldea, viviuna a fondo, coa inocencia e receptividade coa que se viven as cousas na infancia, cando a infancia é unha infancia acollida, integrada, deixouse enchoupar pola coda e a cerna da aldea, fíxoa matriz do seu pensamento, dos seus sentimentos, da súa expresión poética e, pasado o seu periplo vital lonxe da aldea nutriz, volveu a ela coma ao seu lugar natural de identidade, pechando un círculo existencial sabio, fecundo, nobre, a partir daquilo miúdo, sinxelo que aleitara os primeiros anos da súa existencia. É imposible comprender, gozar a poesía de Díaz Castro sen esta comuñón agradecida coa aldea e co que constrúe a aldea momento a momento, día a día, feito a feito. Aldea e cidade, aldeán e urbano, realidades integradas na serenidade dun home simple e sabio.

Outro contraste, en correlación co anterior, é o que se establece entre a lingua materna e paterna de Díaz Castro, o galego, o galego específico daquel anaco da comarca chairega, e o conxunto de linguas que chegou a dominar e empregar para o seu deleite persoal e para as súas actividades laborais. Xa no seminario –-resulta abraiante naqueles anos 30 do século pasado— Díaz Castro era lector e estudoso do francés, do inglés e mesmo do alemán, a maiores das linguas clásicas, grego e latín, á que se engadía o hebreo; posteriormente o listado de linguas europeas que chegou a empregar no seu labor de tradutor, con máis ou menos dominio, foi sorprendente. Máis non houbo escisión ningunha entre o galego que mamara e empregara con normalidade, e do que botou man xa para moitas das súas primeiras creacións poéticas, e as outras linguas que foi incorporando ao seu acervo persoal. Non foi o galego impedimento ningún, como alguén aínda ousa dicir, senón, ao contrario, o punto de partida, o aguillón lingüístico que o empurrou cara ao mundo da cultura allea. E, ao final, coma no caso anterior, o galego volveu ser o berce no que asentar, acougar, integrar vivencias, culturas, palabras. Naceu en galego, morreu en galego. Sen polémicas. Con absoluta normalidade.

E, por último, un terceiro contraste é o establecido entre a súa condición de persoa crente, mesmo devota con devoción de aires ben tradicionais --como correspondía a quen se integrara a gusto no mundo clerical dun seminario do primeiro terzo do século XIX, o de Mondoñedo— e a excelente novidade das súas vivencias relixiosas e mesmo das súas formulacións doutrinais, como máis adiante veremos. Cos seus estudos eclesiásticos case rematados, cando no 1939 volve ao seminario despois da paréntese da guerra (in)civil, non se atopa a si mesmo naquel mundo nin naquel ministerio, e abandona a carreira clerical. Díaz Castro será para sempre o laico Díaz Castro, pero será tamén o intuitivo perceptor duns sentimentos relixiosos que desbordaban cara a dentro e cara a fóra as maneiras de entender e de expresar a fe que era normal no seu ambiente. Máis non renegou nunca do seu pasado relixioso, integrouno nunha sensibilidade nova, que aínda hoxe se nos amosa xenial e capaz de abrir e ensinar camiños cara á fe e a práctica cristiá. Unha integración exemplar.

2.-Un itinerario espiritual cristián, laico

Traballos recentes, sobre todo o do gran estudoso de Díaz Castro, Armando Requeixo, están poñendo ao noso dispor a obra completa, en galego e castelán do poeta de Os Vilares. Como dixen, eu voume quedar con “Nimbos”, libro no que todo o mundo recoñece a mellor escolma que o mesmo Díaz Castro fixo sobre a súa propia producción. Leo e traballo sobre a segundo edición da obra, ano 1989, que el mesmo preparou. Entendo que o lector ou lectora debería ter presente o libro co conxunto dos textos que comentamos, para poder ver a razón e sentido da nosa achega.
Os títulos escollidos por Díaz Castro tanto para o conxunto do libro -Nimbos-, como para cada unha das seccións en que o quixo dividir –Pórtico, Noite, Lus, Esperanza, Milagre, Soño, Ferida--, son moi significativos. O primeiro, Nimbos, como el explica no poema do mesmo nome (Nimbos, 11), fai referencia a esa aureola luminosa que todas as cousas, realidades, persoas, circunstancias, posúen e que o autor quere sacar á superficie para lles devolver a súa dignidade substancial. Os outros títulos que abren cada sección estannos indicando que o poeta que temos diante é un poeta collido polas grandes cuestións que lle afectan ao ser humano e que son razón da súa ventura ou desventura. Un poeta da vida e da morte, da dor e da ausencia, dos soños e da esperanza, dos milagres e das feridas, unha tensión existencial, que en Díaz Castro se resolve sempre en positivo, en esperanza, e non tanto pola mesma consistencia do humano, coma pola radicación no divino que o define. Díaz Castro sitúase na vida como un crente cristián, cunha visión antropolóxica crente e cunha limpa práctica cristiá. Vive el e ofrécenos un verdadeiro itinerario espiritual cristián, laico. Intentaremos reconstruír o fío desta súa proposta reorganizando boa parte dos 32 poemas do libro en función desta perspectiva que nos parece nuclear no poeta de Os Vilares. Farémolo cunha brevidade extrema; cada poema daría pé con facilidade a unha longa prolongación, que non é do caso ofrecer aquí.

a)Que somos, que non somos, as nosas saudades

Díaz Castro dedica, dunha forma directa, varios poemas para responder a estas cuestións substanciais para toda existencia humana, a maiores de que, por aquí e por acolá, vaia deixando noutros poemas trazos soltos que teñen que ver coa mesma cuestión. O máis significativo e paradigmático e o titulado Alfa e Omega (Nimbos, 19). Catro versos que definen con xusteza e brevidade o marco global desde o que ver e comprender a existencia de calquera ser humano. Catro versos, cada un deles aludindo a cadanseu aspecto dese marco global. “Foi o comezo do tempo un berro de sede desde a lus”: radicados/as en Deus, na luz, o ser humano é un berro de sede, unha existencia definida pola saudade, que o fire e dinamiza, que o apreixa e catapulta día a día; o fermoso mundo da luz en Díaz Castro co que nos invita a darlle mil voltas, matizando, complementando, a esta vinculación substancial nosa, radicalmente positiva, esperanzadora, coa luz! [A todos se nos acordan pasaxes bíblicas como o prólogo do evanxeo de Xoán (Xn 1, 4-11), ou Xn 8,12; 9, 1-41 e tamén en 1Xn 1,5 – 2,11, textos nos que a Luz é presentada coma esa matriz primeira e última do ser humano, que se nos ofrece na persoa de Xesús, e que se realiza fundamentalmente no amor, na solidariedade humanas. Posiblemente deses textos, ben coñecidos por Díaz Castro, parta a súa particular preferencia pola metáfora da luz, ata convertela no eixo estruturador de todo Nimbos]. “A vocación do mundo é subir antre cadavres por un camiño de sede e lusquefús”: Esa presenza-ausencia, esa sede sempre insatisfeita, fai que a vocación do mundo, a súa traxectoria real, sexa, dramaticamente, a de subir entre cadavres, derrotas, bágoas, insatisfaccións, conflitos, envurullados/as entre a sede e a súa satisfacción, entre a luz intuída, desexada, e a parcialidade real do luscofusco. “A espranza do mundo é o amor consumido de sede na consumación da crus”: A dramática tensión vital definida nos dous versos primeiros non está abocada á desesperación, atopa camiños ventureiros no amor que xorde da forza desa sede dende a luz, e que para as persoas crentes cristiás quedou existencialmente definido no amante ata o extremo (Cf. Xn 13,1), ata a consumación, no Xesús de vida vinculada ata a morte coa xente máis fráxil e marxinal e pecadora, e en calquera actitude e movemento solidario que o prolongue na historia. “A fin suprema do tempo é un estalido de gloria na lus”: o tempo –outro termo paradigmático en Díaz Castro--, as nosas existencias temporais, sinaladas e enriquecidas polo cotián ir e vir da vida, das cousas, dos amores e desamores, das loitas, dos éxitos e dos fracasos, teñen un remate esperanzado no estalido de gloria na luz; somos sede dende a luz e construímonos definitivamente cando a luz nos invada e redondee, máis alá dos miúdos e imprescindibles intentos no tempo.

En Noite no mundo (Nimbos, 21) o poema que no libro segue ao que acabamos de comentar, Díaz Castro insiste fermosisimamente nesta condicións humana, acentuando ata o extremo algúns aspectos da nada que somos (“oco de estrela arrincada, ... na ourela da nada”), e da ilusión vital, mística, oracional, que nos empuxa paso a paso cara adiante: “... verte / de repente arder / sobre a miña vida”, “Ai ter teu alento / no meu rosto ó fin, / ... derrubarme en lus”, ata achegar a unha abraiante case unificación expresada en termos e vivencias desexadas que están á altura dos grandes místicos/as do pasado e do presente, onde esta expresión e comprensión do sermos en Deus está recuperando espazo e relevancia: “... esvaerme no aire /que ti vas beber, / ser o teu rastro, ser / o teu eco perdido / e, case, non ser”. Máis de un poderá ver aquí un requintado anticipo entre nós da visión e práctica crente da “non dualidade”, da que hoxe tanto se fala.

Nesta mesma liña podemos ler o precioso poema O verme e a estrela (Nimbos, 25), no que Díaz Castro desenvolve especialmente a realidade da sede, dese “berro de sede dende a lus”, que, segundo el, nos define substancialmente. A sede de luz desdóbrase aquí en “sede infinita de pureza / absoluta, esta sede de xustiza / que nos queima, esta sede de beleza...”, urxencias divinas e humanas vividas inevitablemente “baixo as alas de pedra da preguiza /e a paga do pecado en cada esquina / e a herbiña sobre a foia e a ruína...”. Sede de luz, “mentres o vento / da morte zúa darredor das cousas / que están no noso corazón, cincento / sopro que arrinca os días, queima as chousas máis íntimas, ...” . Que realismo máis duro e case afogante! Non por casualidade o po ema é titulado “O verme e a estrela”; e o verme aparece no poema baixo as roupas deste vento de morte ou cincento sopro que cobren teimosamente o noso corpo, o noso espírito, todo o noso ser. De aí o drama vital, sempre esperanzado, iso si, que, a xeito de epitafio, define o verso final: “A lus do mundo é a que arde nunha bágoa” . Nunha bágoa..., pero arde!

Por último, o poema “Coma unha insua” (Nimbos, 83), prolonga esta última sensación en catro versos; o autor, e con el o home ou muller total que se concreta na nosa existencia, cansa, esgotada de tanta tensión e tanta tarefa, ansía descanso, áncora, baía, onde atopar alguén que escoite, nai que arrole no colo, insua que preserve da tormenta, da noite que o vén derrubando todo.

b)Temos sentido, temos lugar, temos tarefa

A primeira vista a proposta antropolóxica, crente, de Díaz Castro, o seu itinerario espiritual, pode parecernos derrotista. Tan entebrecidos/as somos e estamos, que é imposible que de nós saia algo bo, que do corazón e das mans tan envoltos en oco, baleiro e nada, poida saír, con expectativas de éxito, unha construción persoal e social que valla a pena e mailo esforzo. É innegable que a “sombra” --outra palabra-símbolo recorrente en Díaz Castro— espalla a súa perturbadora presenza por toda a obra do noso autor, pero a súa aposta non é unha aposta antropolóxicamente derrotista, todo o contrario: porque estas nosas vidas “na ourela da nada” están sustentadas basicamente na luz maior, substancial, última, total, por iso mesmo a fin pode ser un éxito nas mans de quen se concede arder con luz (Nimbos, 17).

Resulta interesante, alentador, seguir os pasos deste itinerario de loita e de vitoria deseñado por Díaz Castro. Propoñemos esta secuencia, que, por suposto, non ter por que ser a única posible.
O primeiro paso, no que se marca claramente a aposta positiva, a valoración por riba de calquera ameaza de nulidade e esvaecemento, está sinxelisimamente recollido no poema titulado Esmeralda (Nimbos, 29), sen dúbida o máis simple, popular, franciscano, tenro, pero tamén ben fondo, dos que compoñen a obra. Aínda os seres humanos que, por seren pequeniña cousa, medrosa, insignificante, ignorada, se senten case tentados a avergonzarse da súa existencia, aínda eses poden e deben estar convencidos de que “¡O Universo sería / máis pequeno sen ti”.

Ninguén, logo, como afirma contundentemente Díaz Castro no recio poema titulado “Terra do tempo” (Nimbos, 45), ninguén queda “excluído da convida!”. Pensando nel mesmo, pero ofrecéndonos a todas e todos a súa propia e urxente implicación vital, dinos: “Hora e lugar me deron, nau e portos, / e a gloria de levar esta inmortal ferida, /a de alterar a historia dos vivos e dos mortos”. Temos nas mans forzas e recursos para iluminar a propia existencia e tamén temos, en lóxica e normal dinámica comunitaria, social, a “gloria de levar esta inmortal ferida”, o maior gozo e a maior dor, a responsabilidade tremenda, da que identitariamente non nos podemos desentender, de poder alterar a historia dos vivos e dos mortos”, é dicir, de facer que a vida de quen nos rodea, de todo o que nos rodea, sexa vida iluminada ou escurecida, postergada ou dignificada. Esa é a encomenda irrenunciable que nos pon nas mans ese suxeito innominado, que, coma na linguaxe bíblica, queda oculto detrás dos pasivos “non fun excluído”, “ademetido fun”. É impresionante como lle afecta ao poeta caer na conta da fonda densidade da súa existencia. Na segunda estrofa deste poema o autor comparte connosco o cúmulo de sentimentos que tal encomenda histórica lle provoca. Pero non cede ao desafío, acéptao con humildade, con esperanza, confiado de que, en último termo, non están nel, nin ninguén lle pide que estean, as razóns das forzas e da vitoria, pois “a morte que me mata non é miña”.

No poema “Terra sucada” (Nimbos, 39), Díaz Castro subliña esta expectativa luminosa que rodea o “escuro camiño de tantas vidas”. E faino botando man dunha metáfora vinculada á súa experiencia rural: o feito simple e primordial de arar a terra, sucala, pousar nela o gran, e esperar que ese “... pulo enterrado / da espranza, nena dormida” se converta en froitos de vida. A terra arada, os sucos, os cadullos, o boi arando son imaxes abundantes en Díaz Castro; forman parte do seu particular mundo simbólico; válenlle para evocar a dureza e constancia do traballo, a súa fermosura unha vez feito; válelle para, distinguindo o suco da cal, como calquera bo labrego sabe facer, depositar na cal, máis escura e rebaixada, máis orballada tamén, o gran coa súa fervenza, co seu pulo de esperanza, esa “nena dormida”, depositaria de froitos e futuros. Todo é posible, precisamente por ser a terra –o ser humano, calquera home ou muller nela simbolizada—“terra do ceo arrincada”, que chora en desterro, pero que na súa señardade atopa a razón última da súa forza. Vaia foto de cada existencia, a de cada un, cada unha de nós! Precioso!

c)As tarefas concretas

Respondendo, pois, ás demandas da “gloria desa inmortal ferida” (Nimbos, 45), Díaz Castro ponse á tarefa e ofrécenos na súa obra, en abano multicolor, unha serie de implicacións que el asume gustoso, que nos presenta como moi dignas e meritorias, e que, se cadra, tamén poden encher a nosa paixón vital humana adaptándoas aos nosos tempos.

Como poeta que é, no seu poema do Pórtico, titulado “Coma brasas”, (Nimbos, 13) acepta compracido ter por oficio primeiro cantar as cousas, alumalas con fachas de palabras, darlles alento, darlles rostros, palabras, para que se entendan, para permitirlles ser o que son: “brasas contra a noite”. Entre esas cousas –as cousas, outra palabra preñe en Díaz Castro—a recuperar a fondo, está nin máis nin menos Galiza, “Galiza en min”, da que o poeta fai unha magnífica descrición, cordial, vinculándoa á súa propia existencia, evocadora de pasados e presentes cotiáns, simples, tenros, soñadores, pero tamén feridos pola emigración e medidos de arriba a baixo co sinal doloroso e prometedor da cruz. Velaquí os catro versos ofrecidos ao vento como tarefa posible de quen así o queira: “¡Galiza en min, meu Deus, pan que me deron, / leite e centeo e soño e lus de aurora! Longa rúa da mar, fogar da terra, / e esta crus que nos mide de alto a baixo.”

En “Polpa dorida”, (Nimbos, 49), Díaz Castro retoma o tema de Galicia, “Terra Verde e Mar de Orballo”, como polpa, carne, dorida, que, sen deixar de ser tal, para el se volve colo acolledor, desde onde “oio pacer a canto hai”. O oídos, o corazón, os sentimentos concéntranse en Galiza e en todo o que a ilumina ou escurece, contemplativamente, coma discípulo, para saber discernir e optar, sempre na procura da luz en todo.

Este discernimento, posible despois da escoita, é o que lle permite ao noso poeta en “Borrallo” (Nimbos, 17) chancearse das fachendas do poder, de todo poder, do césar –así, con minúscula--, como representante ridículo do poder romano, pero tamén do poder franquista que diariamente se movía diante dos seus ollos, e mesmo do poder máis ou menos camuflado nos recantos de todo corazón humano. O césar, “¡por quen choran tóda- / las estrelas xa / sobre a cinza horrible / do que ardeu sen lus!”. “Arder sen luz”, sen iluminar a propia existencia e a dos demais, só pensando en satisfacer o propio proveito, ... “cinza horrible”. Tarefa en negativo, algo que evitar, algo do que escapar.

Cremos que está permitido facer esa lectura política, como se pode facer tamén –parécenos— en “Coma un anxo airado” (Nimbos, 23), onde o autor cunha finura exquisita descobre que “A sombra de tódalas cousas / vai resultando que é verdá”, e ademais “apalpo, cadora máis donda, / a oculta mentira da paz”, e observa que “Derrétense os bronces da gloria / nas sombras da noite que cai”. E por iso, despois de alertar de “as serpes douradas da paz / sombras na sombra confundidas / donda lá no teu cabezal”, lanza o berro espertador: “¡Erte, fillo, coma anxo airado, / rompe a paz, e ponte a loitar!”. Quen isto escribe recorda como nos comezos dos anos 60 o réxime dictatorial, para xustificarse, manipulou a conciencia da poboación co grande argumento da paz, da que fixo solemne conmemoración no 1964, nos 25 anos da paz. Non será este o contexto vital deste poema?

Quen loita contra as tebras pode quedar desbordado pola persistencia da escuridade, da sombra, sobre todo cando está encarnada en determinados personaxes que ennegrecen a existencia propia e a dos demais, eses “homes cheos de sombra”, eses “homes a contralús”, dos que Díaz Castro nos fala en A noite necesaria (Nimbos, 35), que quizabes todos temos coñecido, e que quizabes tamén aniñan no noso interior. Antes de comprendelos como invitación ao abandono, o noso poeta convérteos mesmo en necesarios porque nos “fan ver a Deus / coma unha mar de lus”, e nos permiten distinguir con máis claridade “sobre o medo e o mal / as estrelas arder”. Cantas veces a contemplación da maldade non desata en nós a carraxe, a indignación e a vontade de sacar de nós o mellor que levamos dentro, para empuxar o mellor que a sociedade pode dar de si! E cantas veces, cando a escuridade é tanta, que mesmo nos afoga, non se nos iluminan os ollos para ver en Deus o reducto de luz, necesario –“unha mar de lus”— que permite manter o alento e a esperanza!

Pero se queremos ver un texto directamente programático en Díaz Castro, un texto mesmo vocacional, no que describa o que quere ou non quere ser no medio deste conflito existencial, histórico, de luces e sombras, hai que recorrer ao poema “Coma un río” (Nimbos, 67): cinco estrofas, nas que vai alternando as súas apostas vitais pola luz fronte ou ao lado da decepción causada pola luz do mundo visto en negativo, “..., o abrente frío que se abreu / cando abrimos os ollos sobre o mundo” (estrofa 2), ou visto desde unha inconsistente euforia antropolóxica: “a promesa raiante da hora enorme / en que se dixo: ¡outro home veu ao mundo!” (estrofa 4). E cales son as opcións vitais de Díaz Castro? Xeniais! Xeniais pola sinxeleza das metáforas rurais que emprega para compartilas connosco, e pola fondura existencial, cristiá, que transmiten. Están recollidas nas estrofas 1, 3 e 5 do poema.

Transcribimos a primeira: “Coma un río quixera eu ser: cantar / con estrelas no lombo cara ó mar, / deixando unha chorima en cada pedra, / e unha bágoa de Deus en cada herba.” O río tantas veces contemplado válelle de parábola ao autor para se identificar con el na súa alegría, na súa cotián tarefa de avanzar cara ao mar – Deus, “unha mar de lus”--, levando estrelas no lombo, deixando chorimas, tenruras insignificantes, pequenas achegas de humanización da vida, deixando bágoas de Deus en cada herba, deixando o pouco que de Deus podemos entender e coñecer, que necesariamente ten que ver coa misericordia, coa empatía con todo o que sofre, coa solidariedade de Deus: un Deus chorando polas súas criaturas! As estrofas 3 e 5 son igualmente densas: ser nebra que cubra a fereza e as bágoas dos montes, ser “... estrela que entra polo oco / do lousado do pobre na agonía”, ou ser “...fondo río de recendos, / de voces e de luces: coma o aire, / que beixa todo e non se apousa en nada / máis que no sangue, na raíz do sangue...”. En definitiva, a propia existencia cristiá convertida ela mesma en “bágoa de Deus”, que aleda, cura, consola, ilumina, serve, sen dominio nin comenencia algunha, contenta simplemente por pousar no substancial da vida, en Deus.

Unha incitación, logo, a unha experiencia relixiosa limpa e primordial, que mama no mellorciño do camiño evanxélico. Eco desta mesma experiencia relixiosa desexada, pero tamén xa de certo experimentada, é o poema “Velaquí os homes” (Nimbos, 31). O mesmo título, co seu claro aire indicativo, parece estar dicindo que eses homes e mulleres, con ese tipo de prácticas, ideais e compromisos, son os que enchen o ollo do autor. Un poema que empeza nas catro primeiras estrofas retratando a experiencia da confesión e comuñón sacramentais (ante a morte?, ante o cumprimento pascual normalizado naqueles tempos?), que nas tres seguintes segue abríndose á historia, densa e dramática a un tempo, da relixiosidade cristiá, católica, e que remata na última estrofa cunha preciosa descrición da morte que máis adiante comentaremos. Detémonos só un pouco na primeira parte. É imposible facer unha didáctica da pregaria como a mostrada na estrofa primeira sen tela experimentado: “¡Ai, os xonllos doridos á carón deste mundo, / as maus xuntas que axuntan nun intre a alma toda, / os beizos que agurgullan oracións coma fontes / na noite cecha, copas de sangue que fomega!”. (Vénsenos á cabeza o debuxo de Castelao do seu álbum Nós, co seu labrego orante ante o Cristo, ante quen se queixa: “Non me fan xustiza, Señor”). Poñeríao na cabeceira de calquera persoa que quixese entrar con firmeza cristiá no mundo da pregaria, abofé! Non podemos deternos, pero canta fondura e fermosura existencial de quen na Penitencia “enfiou prás estrelas este berro da carne / a sede que non morre, vella coma os camiños”, ou na Comuñón saborea “un Pan feito de lúa, perdón e beixo eterno / pra aló das anduriñas e o bafexar dos bois!”.

d)Nas horas de cansazo, dor e desalento

O itinerario proposto por Díaz Castro é un itinerario en conflito, en tensión; aínda que o “berro de sede dende a lus” mostre todas as súas potencialidades, o poder das tebras, presente de mil maneiras, garante feridas fondas, mesmo apuntes de derrota. O poeta é moi consciente diso, xa o adiantara en O verme e a estrela (Nimbos, 25), onde a sede infinita de pureza, de xustiza e de beleza ten que convivir coas alas de pedra da preguiza e coa paga do pecado en cada esquina; e, ao longo da súa obra, con variedade de tons e matices preséntase a si mesmo envolto nesa tensión vital inevitable.

Neste senso un dos poemas máis realistas, duros e incisivos é “A cerna” (Nimbos 65). Partindo unha vez máis dunha metáfora rural (a cerna é o labor consistente en podar as gallas dunha árbore para ila aproveitando para o lume, ou para permitirlle á madeira facerse e medrar como tal en mellores condicións), aborda a característica propia dun amor, do verdadeiro amor, que se move “no soño puro de deixar máis bela / unha vida que amamos”, que pode ser a propia ou a de calquera outra persoa, ao a do conxunto da comunidade social coa que convivimos. “Hase de amar a cousa hastra que sangue”, empeza o poema, advertindo do dramatismo, da dor, pola ferida construtiva causada, xa que “¡Doinos a póla / pro seguimos cernando!”, cernando e “derregando a traxedia de Deus” na nosa historia, pois así é certamente Deus: o que máis apaixonadamente ama, o que máis dolorosamente cerna, o que máis dolorosamente se cerna a si mesmo por nós, en Xesús de Nazaré. Cústanos, seguro, entender o amor con este realismo. Compartimos doadamente que “O verdadeiro amor enferra en neve, / ara nun mar do rosas suco leve”, pero resúltanos moi peado admitir “ai pro acadulla en sangue”. Toda unha pedagoxía das esixencias dunha relación amorosa, sexa cal sexa o nivel e espazo en que esta se presente.

“Penélope” (Nimbos, 41) fala doutro tipo de dificultades. O poema contempla a Galiza, coa ollada algo derrotada de quen case xa non espera nada, porque nada se pode esperar. Sendo uns versos fermosísimos, quizabes sexan tamén os máis desalentadores de Nimbos. Ou os máis realistas. O poema móvese dacabalo de dúas imaxes rurais: a da chuvia e a dos bois arando: “Aran os bois e chove”. Quen isto escribe, sendo neno, tendo xa que participar necesariamente dos labores agrícolas, escravos abondo daquela, suspiraba pola choiva, que necesariamente obrigaba a suspender o traballo; a choiva era algo inevitable, algo para o que non había máis alternativa que ollar para o ceo e agardar que quen manda isto, ou o simple destino ou casualidade, poida cambiar o signo do tempo, das cousas. É terrible proxectar esta sensación sobre a marcha dun pobo! Son “Un bruar de navíos moi lonxanos / que estrolla o sono mol coma unha uva”, contra o que nada hai que facer. Os bois arando poñen un apunte de esperanza: lentos, calmosos, “suco vai, suco vén”, facendo interminable a xeira, pero en realidade “Vaise enterrando, suco a suco, o Outono”. O lado escuro dun inmobilismo rural, afiado polos tempos dictatoriais, que ameazaba de morte os días e as horas? Pero, máis que ante a derrota desesperada, non estamos ante a dolorosa aceptación dos ritmos, moitas veces desesperantes, cos que en casos avanzan os pobos, avanzamos as persoas, avanza a luz ante a sombra?

O certo é que ás veces “as horas nos meus ombros ... pesan coma un reino”, segundo Díaz Castro recoñece en Transfiguración (Nimbos, 55); daquela para o autor é un alivio ver os seus empeños miúdos inseridos no empeño maior do “teu Reino que non é deste mundo”, que, sen deixar de interesarse polo que no mundo lle afecta a cada home ou muller, ten outras perspectivas e móvese con outras esperanzas, con outras forzas, “... e entón párcenme as miñas horas / alas, Xesús, e escuma sobre a mar.” A referencia a Deus feita pregaria ten capacidade de subverter ritmos e sensacións, vidas.

Algo semellante é que se nos ofrece en Quizais (Nimbos, 43), onde se acentúa o carácter gratuíto da “”mañá vidrada chea de alas de pomba”, de “esta tarde tan cenza (tranquila, radiante) cunha fonte no medio”, ou de “esta noite baixiña con mil ventás acesas, ¡e baixo dela un leito!”. A existencia diaria: mañá, tarde, noite, á mercé xenerosa dun anxo esquecido, dunha Virxe, ou dun Deus que, “Quezáis ... tendo dó da noite que hai en min, / variou soles e mundos...”. Quizais. E aparece de novo o Díaz Castro orante a un Deus próximo e solidario.

O itinerario espiritual do poeta ten que afrontar ás veces a perda de realidades para el fermosas, “cousas que xa foron e se foron”, como, por exemplo, boa parte da realidade rural por el coñecida e vivida, que, despois de ter configurado a súa existencia de tantas maneiras, preséntase no seu recordo coma un onte que o hoxe crebou. Esta é a reportaxe gráfica en verso que nos ofrece en Terra achaiada (Nimbos, 77). Que diría o autor dos nosos tempos! Outras veces, como se amosa en Coma unha escada (Nimbos, 79), a dor, a perda, ten que ver coa ausencia do amigo, sen o cal viuse impedido “pra acabar xuntos esta historia / que, por un erro, interrompeu a morte.” A ausencia, aínda así, pode seguir sendo presenza grazas a que “unha oración que no esperabas tira / unha canle de lus coma unha escada”, e grazas tamén a que “Desfaise o tempo, faise a lus, e case, / case baixar te vexo pola escada / de lus para acabar xuntos... Este é un dos tres poema de Nimbos preferidos polo autor, xunto con Vísperas e Monumento á ausencia.

E chega a hora última, a derradeira, hai que facer balance, volver a vista atrás e debuxar o traxecto da propia existencia, andar nun intre o itinerario recorrido. É o que fai Díaz Castro en Coma unha espada (Nimbos, 85), o derradeiro poema tamén do seu libriño. Pense o que pense do seu pasado e presente, tanto por recoñecer que “Tódolos ríos pasan pola miña / alma, cheos de Deus, música e lapas”, ou que “... as falopas dos anos van caendo / sobre a sede inmortal e os ollos tristes”, o convencemento firme, repetido, contundente do autor é que “A beleza feriume para sempre”, e que non hai nada no mundo capaz de pechar esa ferida: “¡pro non enterran a boca da ferida! O “berro de sede” que marcaba o comezo do seu recorrido existencial (Nimbos, 19) convértese agora nunha ferida sempre aberta, aberta pola beleza, e as súas irmás xemelgas, a “pureza absoluta” e a “xustiza que nos queima” (Nimbos, 25), ata o momento da fin suprema, o “estalido de gloria na lus” (Nimbos, 19).

e)A sorte da morte

A morte ten unha presenza sorprendente na obra de Díaz Castro. Sorprendente pola relativa frecuencia, pero sorprendente sobre todo pola maneira de entendela e de vivila que reflicte o autor. Nada semellante á vivencia da morte que podía ser común no seu redor popular, e, menos aínda, no entorno eclesiástico daqueles anos 40-60 nos que fraguou os seus versos.
Cando Díaz Castro afirma que “A fin suprema do tempo é un estalido de gloria na lus” (Nimbos, 19), está inserindo o remate de cada existencia nunha coroación da historia, de todos e cada un dos seres humanos que a imos vivindo e facendo, envolta en luz, en luz total, en luz gloriosa, que devolva a cada cousa, a cada ser, a súa autenticidade, a súa luz, a súa paz, en liña co labor parcial do poeta recoñecido en Coma brasas (Nimbos, 13). Deus coroa en gloria os torpes e parciais progresos humanos.

Pero, se é certo que en Cortina (Nimbos, 73), a morte colle un aire prosaico, mesmo escéptico, desdramatizado (“Morreu. Os bois volveron a pacer / e tralo arado as pegas a brincar...), en Monumento á ausencia (Nimbos, 81) a morte, baixo a perspectiva fundamental da despedida e da ausencia, anúnciase como “mañá feita para os ollos de Deus”, na que “pra sempre froleceu a pudia, / cantaron as labercas para sempre. / E eu perdinme antre os trigos ben perdido, / coas espigas por riba da cabeza, / no carreiro longuísimo dos adeuses...” . Adeuses fondamente compensados: “¡Que quente é agora o seo desta noite / chagado pola lus daquel mencer / que pra sempre se foi e non se vai!”

“Cova alumada” (Nimbos, 53) é un excepcional pregón pascual. Sen esquecer a “¡Cruel, cruel, cruel realidade!” do “escombro dun soño / que non se erguerá máis!”, nin da “ruína esquencida” –imaxes nas que podemos ver retratados moitos momentos da nosa existencia parcial, rota, mesmo fracasada e tamén o momento cumial da nosa morte--, no autor todo queda recuperado pola certeza dun “sol sen noite nin historia” que “busca a ruína esquecida / e énchea toda de gloria.” Gratuitamente. Máis aló de méritos e deméritos. Máis aló de xuízos moralistas, que o autor non contempla.

Na segunda parte de Velaquí os homes (Nimbos 31), no canto de consideracións máis ou menos requintadas, o autor personifica a Morte, pero para convertela nunha man moi donda (Fracisco de Asís diría unha irmá), “que mataba unha lus e acendía outra lus”, unha man que nos colle a nosa e “... moi ledos, / chegáronse, amodiño, á soleira do Reino”; / mesmo que o paporroibo nos días de gran neve / se acurrucha cantando nas portas dos labregos...”. Precioso, sinxelamente precioso! A suma fraxilidade humana, fermosísima tamén, que se acurruncha cantando nas portas do labrego maior, do que espera abrigo e mantenza eterna! Un texto digno de ser lido en todas as celebracións mortuorias, frecuentemente tan asépticas ou tremendas.

Por último onde con máis folganza Díaz Castro se recrea na descrición da morte por el desexada é No resplandor do día (Nimbos, 69). No libro vai precedida de Coma un río, no que, como xa dixemos, o autor facíase unha proposta vocacional sobre como quería vivir. Aquí fai tamén unha proposta vocacional, pero sobre como lle gustaría morrer. Nas cinco estrofas que compoñen o poema sucédense imaxes que van amoreando sensacións serenas, densas, luminosas, apegadas á natureza, á vida, ao entorno e aos traballos rurais, que van empuxando a experiencia da morte desexada cara a unha feliz resolución final: “e eu estrela da noite que se perde no día, / no resplandor do día que busquei.” O autor asume responsabilidades respecto á propia morte (“o día que busquei”), e se “Quero morrer de música nunha tarde de pinos”, tamén o quere facer “sen sentir o martelo dun recordo no sangue”, e desexando “Que o meu carro se entorne cheo de lume e soño”, pero cunha humildade absoluta: “sen axotar as troitas nin as alas dormidas”. Os cregos oficiantes do autor, que no seu desexo o encomendarán a Deus, serán os ventos vagabundos, as lebres, os camiños, as árbores con niños, os ollos dos nenos, as voces que terman do mundo, as bágoas puras que non ve ninguén. Abstráese do marco confesional, para asolagarse nun mundo primixenio de “recendos, de voces e de luces”, no que confesara querer tamén vivir. Morrer como se vive; vivir como se morre: ardendo en lus.

3.- Punto final

Chegamos ao remate deste noso recorrido pola obra de Díaz Castro, seguindo ese proxecto antropolóxico crente, ese itinerario espiritual cristián, laico, ou, se queremos, con máis simplicidade, como a el lle gustaría, esa maneira de vivir asentado na luz da vida, das cousas, dos tempos, do pobo, da natureza, do seu boi querido, dos amigos, do seu Deus, mar de luz, que o envolve e gratifica todo, que vence todas as sombras, mesmo as da morte, para introducirnos gratuitamente no seu mar de luz, no que nos poidamos reencontrar na nosa verdade máis limpa e fonda, menos contaminada, máis gloriosa.

Quedáronsenos algúns poemas sen comentar e sen sequera citar. Pedímoslle desculpas ao mesmo autor sobre todo: o programático “Coma ventos fuxidos” (Nimbos 9), o titulado No novo ceo (Nimbos, 33), ben desconcertante e enigmático para nós; o xogo ledo e primaveral de Remuíño (Nimbos, 51), o festeiro Vísperas (Nimbos, 57), un dos preferidos por Díaz Castro, moi digno de ter en conta, porque nos fala que para o autor existía a festa e a alegría, e con que incidencia e intensidade, e porque remata nun verso que inmortaliza por si só a un poeta, e define da maneira máis curadora, máis liberadora posible, o oficio da fe dentro da existencia humana: “A Virxe pasa a mau polo lombo do río...” Tamén nos quedou, pero non o esquecemos, O berro das pedras” (Nimbos, 59), precioso poema sobre a historia de Galiza, aínda que centrado en Santiago e en todo canto o precede e acompaña (mundo celta, peregrinación catedral, persoeiros gloriosos e non tanto, pois “no Libro da Vida non se escribirán algúns nomes, porque se escorrería a tinta”), todo precedido e acompañado por esa “Lumieira, mesturada coa lus do cotián mencer”, na que intuitivamente o autor adiantouse ás “semina Verbi”, que hoxe todos recoñecemos; delicadeza suma, en fin, cando o autor afirma: “e a Lus sentouse en vós como o Outono se senta na mazá”, un deses versos limiares merecedores dun monumento. E, por último, tampouco nos referimos ao poema Ai, capitán (Nimbos, 75), o único asentado no entorno mariñeiro, que Díaz Castro sabe aproveitar moi ben para achegarnos a ese mundo tan querido para el das ausencias-presenzas, que con frecuencia van deixando fitos de dor ferido e crecemento no decorrer da existencia humana.

E aquí poñemos o punto final, non sen antes agradecer a Díaz Castro e aos pais que o trouxeron a este mundo, e á aldea de Os Vilares que o aleitou coma home rural, e ao Seminario de Mondoñedo que lle abriu os ollos do corpo e da alma, polo don precioso da súa vida, da súa poesía, da súa luz, inxerida na Luz, coa que tamén axuda a guiar os nosos pasos , persoais e colectivos, galegos e non galegos, polos camiños da luz.


ALFA E OMEGA

Foi o comezo do tempo un berro de sede dende a lus.
A vocación do mundo é subir antre cadavres
por un camiño de sede e lusquefús.
A espranza do mundo é o amor consumido de sede
na consumación da crus.
A fin suprema do tempo é un estalido de gloria na lus.
(X.Mª Díaz Castro, Nimbos, 19)


Foi o comezo do tempo un berro de sede dende a lus.

Grazas, meu Deus,
luz, enerxía, calor,
corazón, seo e aperta,
transparencia orixinal
na que todos, todas temos asento
desde o comezo dos tempo.

Grazas por nos faceres berro de sede,
á túa semellanza, á túa medida,
cunca de barro aberta á luz,
xemido pobre, urxente,
na busca do teu rostro.

Moreas e moreas de sedes,
da cinza ata a estrela,
buscando luz, acougo, comuñón total
en ti.

A vocación do mundo é subir antre cadavres
por un camiño de sede e lusquefús.

Pero que longo e que costento
o camiño a andar, meu Deus!
Subir, baixar, subir
entre cinza, cadáveres, derrotas,
levados/as pola forza,
polo consolo amargo da sede que nos mantén
en ti.

Chamados/as por ti
a creármonos constantemente
coma persoas, coma pobo,
soñando fraternidades,
a proba de caídas e desesperos,
perdoadas, incorporadas
en ti.

No luscofusco,
a cabalo entre o temor das tebras
e a esperanza do día,
sentíndonos, laiándonos, felicitándonos
de ser ínfimos vagalumes
á espera da alborada eterna
en ti.

A espranza do mundo é o amor consumido de sede
na consumación da crus.

Bendito, meu Deus,
mil veces bendito,
por non nos abandonar na orfandade,
por espallar polo mundo a mancheas
o gozo e a forza do amor
--inocencia, xustiza, beleza, solidariedade--,
por sementalo con xeito artesán
na diminuta parcela de cada ser
de todos os seres,
de cada un, cada unha de nós.

Bendito, meu Deus,
mil veces bendito,
por Xesús de Nazaré, o teu fillo ben amado,
amor consumido de sede
na consumación da cruz
a onde o levara a paixón por ti, pola xustiza .
Solidariedade extrema,
aperta ao mundo desde un corpo marxinal.

Bendito, meu Deus,
mil veces bendito,
porque en Xesús hai esperanza,
a súa cruz abriu camiños
máis aló das derrotas de todos os egoísmos;
el é noso: camiño aberto,
carne da nosa carne, vida da nosa vida,
o seu amor consumido de sede,
ata a consumación da cruz,
por ti tamén,
por ti, pola xustiza.

A fin suprema do tempo é un estalido de gloria na lus

O tempo
que abre e abriga as nosas vidas,
que as enche de historias e de nomes,
nacera, meu Deus, na luz,
laparada eterna que sostén
a preciosa fraxilidade das nosas torcidas.

E a fin do tempo será,
por graza e esplendidez túa, meu Deus,
resurrección,
o estoupido de gloria na luz,
na nosa luz fundida na túa.
o fogar de todos os camiñantes,
a meta de todas as carreiras,
a patria de todos os exiliados,
a aperta de todas as marxinadas

Estoupido de luz
na inocencia recuperada,
na xustiza dignificada,
no amor desmesurado,
na beleza nunca imaxinada,
na comuñon total,
na unidade total,
en ti, meu Deus,
alfa e omega.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.