18 xuño, 2014

Convivencia en Sobrado dos Monxes



Manuel Regal Ledo

Como é habitual na Escola de Espiritualidade, tamén este ano pechamos o curso cunha convivencia en Sobrado dos Monxes, lugar significativo para nós, porque alí empezou a Escola de Espiritualidade, alí se estivo levando a cabo durante anos, e alí seguimos tendo unha referencia comunitaria, espiritual, vital moi importante.

Ben, pois unha vez máis durante os días 13-15 de xuño deste ano, Sobrado dos Monxes converteuse para nós nun lugar de descanso, de convivencia, de pregaria, de ilusión, de soños, de integración, ... Ao redor de 55, segundo os días e os momentos, fomos as persoas que quixemos e/ou puidemos asistir á convivencia.


(Foto: Chema)
Desde a media tarde do venres xa Mari Carme estaba alí organizando, acollendo, distribuíndo, de xeito que todos, todas, tivésemos conforto e pracer nada máis chegar ao mosteiro. Canto llo agradecemos! Pouco a pouco fómonos achegando ao lugar do encontro. Os saúdos, bicos e apertas sucedíanse creando un pacificador clima fraterno E na oración de Vésperas dese primeiro día os monxes tamén nos recordaron que eles estaban alí, dispostos a acollernos e de remitirnos ao núcleo do noso ser, ao que eles se entregan desde o seu camiño monástico, e ao que nós tamén nos queremos entregar desde os nosos variados camiños laicais. Cea frugal, avisos da organización e rezo de Completas. Despois, por un anaco, fixemos nosa a capela dos monxes para escoitar as propostas de María Cancelo, que, superando cansazos, nos introduciu no xogo dos corazóns, e a través deles no tempo e nos obxectivos que iamos vivir xuntos durante estes días. Boa noite! e a durmir. (Para algúns co mal sabor da derrota futbolística de España!).

(Foto: Chema)
O sábado 15 amenceu repleto de luz e de esperanza. Quen saíu camiñar, quen practicou taichi, quen durmiu longo, quen rezou cos monxes, para que, xa ben almorzados, ás 10 estar sentados/as, contemplando a buguina (caracola) colocada ao pé da Biblia, buguina que acompañaría o noso encontro coma símbolo da escoita á realidade, desde o noso ser fondo, desde o Espírito que nos habita; estaba alí invitándonos a estar atentos/as e escoitar as voces que nos poderían vir, sabe Deus de onde, durante estes días. Pilar Wirtz, neste momento, coma noutros, foi abrindo camiños presentándonos a tarefa do día e ao monxe Carlos que nos ía falar. E así nos dispuxemos a acoller a palabra e a experiencia cálida do monxe Carlos, Prior da comunidade, que nos falou da interioridade e dos seus procesos de realización en cada un de nós, atendendo a esas tres realidades que, segundo el, configuran a posible viaxe interior: 1) capa de protección, 2) capa de vulnerabilidade, e 3) núcleo do noso ser, lugar do Espírito. (Quen queira reler esta comunicación, e outras, poderao facer, simplemente buscando en Google “charlas de Sobrado”). Gustounos moito. Dedicamos un tempo de silencio persoal, para asimilar algo todo o escoitado, antes de xuntarnos de novo para compartir comunitariamente o que a charla facía resoar nos nosos corazóns, nas nosas vidas, que foi moito.

Xosé Antón Martínez e Daniel López Muñoz (Foto: Chema)
O xantar, o descanso, e pola tarde dúas horas para facer outra escoita, neste caso a da realidade política na que todos os días, queirámolo ou non, estamos metidas. O obradoiro de “Experiencia relixiosa e política” fixérase unha enquisa aos membros da Escola de Espiritualidade e, con presentación de Manolo Regal, puidemos ver con calma os resultados desta enquisa, que nos falaba do noso interese pola política, pero tamén das nosas reticencias a entrar na súa militancia. Xosé Antón Martínez, desde a súa condición de militante cristián e militante político de base, e Daniel López Muñóz, desde a súa condición de militante cristián tamén e de sociólogo, compartiron connosco as súas experiencias e saberes. Dialogamos, debatemos; é un tema no que nos custa encontrar o noso espazo.

Descanso e tempo libre merecidos, rezos de Vésperas para quen así o quixo, cea, Completas --rematadas sempre por aquela auga bendita que é como o bico da mamá e do papá ao remate do día, o bico de Deus!-- e tempo de encontro e xogos, para lembrar o neno ou nena, o pícaro ou pícara, que cada un levamos dentro. A algúns cústanos soltarnos, pero sempre hai quen tira do carro. Asun Louzán e Elvira Santos foron as que animaron este momento. Grazas!

(Foto: Chema)
E xa chegou o domingo. De novo actividades diversas ao comezo do día, antes de almorzar. Despois, ás 10, antes da misa comunitaria, Manolo Regal preparounos un pouco para a Eucaristía na que ese día celebrabamos a Santísima Trindade, e de alí a pouco tivemos a celebración que presidiu Andrés Torres Queiruga, que foi tamén quen aviveceu a nosa fe coa súa homilía.

Houbo quen xa non puido estar o domingo. Houbo quen tivo que marchar a media mañá. Pero a maioría puido participar no encontro final, no que se fixo recollida e algo de avaliación do vivido nestes tres días. Valeunos a buguina para rememorar silencios e escoitas, para poñer en común as chamadas persoais percibidas, para compartir gozos e praceres, para sinalar cousas preferidas e cousas que un melloraría. En conxunto, a convivencia, o xeito de levala, o clima ofrecido de compromiso e liberdade, os temas abordados, foi todo do agrado dos asistentes, aínda que, claro, con diferenzas e preferencias.

(Foto: Chema)
E así chegamos ao remate da nosa convivencia. O día era cálido e os ánimos tamén. O vento sopraba forte, ás veces mesmo incómodo, o esoutro Vento sopraba forte, aínda que incómodo tamén, que iso é o seu. E así volvemos para as nosas casas, para as nosas familias, para as nosas tarefas: gozosos e inquedas, alentadas e sacudidas polo Espírito de Deus que, coma sempre, rolda de día e de noite onde queira que dous ou tres nos xuntemos no nome e na memoria viva de Xesús.

Podemos pensar que a convivencia é posible grazas ao traballo das persoas que se responsabilizan da súa organización, e é certo. Pero tamén o é que a convivencia é posible grazas á presenza e participación de todas as persoas que a ela asistimos. Podiamos recordar aquí aquel poemiña de Díaz Castro (Letras Galegas 2014), titulado “Esmeralda”, que di así:

(Foto: Chema)




Herba pequerrechiña
que con medo sorrís
ao sol que vai nacendo
e morrendo sen ti,
¿por que de ser pequena
te me avergonzas ti?
¡O Universo sería
máis pequeno sen ti!








A convivencia de Sobrado, a Escola de Espiritualidade, serían máis pequenas sen ti.

Bo, feliz e proveitoso verán, amigas e amigos.

3 comentarios:

  1. Grazas Manolo por esta bonita crónica do encontro en Sobrado e a Chema polas fotos. Foi un gusto compartir eses días con todas e todos vos. Que pasemos un bo verán e ata outono. Bicos
    María Cancelo

    ResponderEliminar
  2. É unha boa experiencia persoal e de grupo que cada ano vivimos e compartimos. Sinto a necesidade de facela extensíbel a outras persoas para que se acheguen á nosa Escola. Penso que pode ser unha boa tarea para este verán: animar aos amigos/as a que a coñezan. Boas vacacións e... a cargar pilas para o próximo curso!
    Chema

    ResponderEliminar
  3. Que bom este "re+encontro" inesperado com o já nosso Mosteiro de Sobrado dos Monxes. Guiado assim com a competência de um profissional como é Manolo, de coração agradecido, pude reviver aqueles momentos mágicos como mais UMA BENÇÃO que me cai do Céu - esse que sempre construimos aqui na terra quando reunidos em Seu nome. Que precioso resumo daquele gradual "acontecer", naquela curta porção de tempo e naquela privilegiada poprção de espaço - tal é o Mostreiro de Sbrado. Obrigado Manolo, que escreveu, Zé Maria, que no-lo fez chegar, toda a equipa que fez acontecer e a todos os participantes que lçhe deram um sabor especial de MAIS VIDA. Xi Abel

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.