05 xuño, 2014

Pregaria eucarística a partir de textos de Díaz Castro


Por Manuel Regal Ledo


(As palabras, frases ou parágrafos en cursiva están tomadas ao pé da letra dos poemas de Días Castro, ás veces lixeiramente modificadas para adaptalas ao noso intento. Ademais, noutros casos, sen empregar as súas mesmas palabras, seguimos as súas ideas e sentimentos)


Ai, Pai noso, Nai nosa,
Poetisa maior que cantas todas as cousas,
que as alumas con fachas das palabras,
da túa Palabra!

GLORIA E LOANZA A TI!

Co teu alento dáslle ás cousas, a todo canto vive,
a todo canto sucede en nós,
o drama cheo que lles nega a vida,
o rostro que nos fai recoñecibles e amables,
a palabra que nos devolve a dignidade.

GLORIA E LOANZA A TI!

Grazas polo nimbo de luz
co que rodeas e dignificas as nosas existencias
e as cousas todas, pequenas ou grandes,
que a compoñen cada día!

GLORIA E LOANZA A TI!

Grazas por seres un mar de luz,
que todo o envolve e esclarece.
Grazas por poñeres en nós a sede de ti,
ata nos converteres en berro de sede,
que busca en ti e en ti vai atopando
a paz rebelde e a forza sosegada!

GLORIA E LOANZA A TI!

Grazas polo teu Fillo Xesús,
mestre, irmán e compañeiro noso,
luz, alento e esperanza nosa,
pola súa vida espléndida en amor e en servizo,
polo seu amor valente, consumido de sede
ata a total consumación da cruz!

GLORIA E LOANZA A TI!

Unidos/as a todas as persoas
que viven con sede infinita de inocencia absoluta,
con sede de xustiza que nos queima, quenta e purifica,
con sede de beleza que fire sen que ninguén mate esa ferida,
loámoste cantando:

SANTO ES TI,
SANTO ES TI, SEÑOR DEUS DO UNIVERSO,
QUE NOS ENCHES A VIDA DE BENS,
SANTO ES TI, QUE NOS FAS O REGALO
DO MÁIS GRANDE E FERMOSO QUE TÉS.

TI ES FONTE QUE DÁ FORZA AO POBO,
TI ES QUENTURA QUE MANTÉN A FE.
PROCURAMOS ESE MUNDO NOVO,
QUE CONTIGO QUEREMOS FACER.

Ti, Pai, Nai nosa querida,
envolves co teu Espírito todas as nosas cousas,
todas as nosas vidas,
e canto cho agradecemos!

GRAZAS, DEUS, QUE NOS CONVIDAS,
GRAZAS POLO TEU ESPÍRITO DE VIDA!

Que gozo sentir o teu Alento nos nosos rostros,
e nos rostros de todas as cousas,
máxime cando estamos consumidos/as, marxinados/as na ourela da nada!
Que gozo sentir o teu Alento
levantando as ás de pedra da nosa preguiza,
perdoando e curando o pecado que en cada esquina se nos agocha,
enfiando para as estrelas o berro da nosa carne fráxil,
para axudarnos a fuxir da cinza horrible
de quen no egoísmo excluínte arde sen luz!

GRAZAS, DEUS, QUE NOS CONVIDAS,
GRAZAS POLO TEU ESPÍRITO DE VIDA!

Que veña, logo, ou Deus!,
que veña o teu Espírito, a túa luz, o teu alento,
sobre estas ofrendas:
Galiza en nós, Deus noso, pan que nos deron,
leite e centeo e soño e luz de aurora,
longa rúa do mar, fogar da terra,
e esta cruz que nos mide de alto abaixo!

GRAZAS, DEUS, QUE NOS CONVIDAS,
GRAZAS POLO TEU ESPÍRITO DE VIDA!

Que veña, para que este pan e este viño sexan para nós
Corpo e Sangue de Xesucristo, o noso irmán maior.
El, coma ninguén, entendeu e viviu que
hase de amar a cousa ata que sangue,
o amor verdadeiro enferra en neve,
ara nun mar de rosas suco leve,
ai, pero acadulla en sangue.

BENDITO SEXAS, XESÚS,
QUE NA CRUZ TE NOS FAS LUZ!

El certamente foi terra sucada,
poema de cen versos na outonía!
Na súa cal caeu, morreu e ferveu o grao,
para o triunfo da espiga,
de xeito que o pan fose abundante
en calquera corpo famento
de calquera fame que deshumaniza.

BENDITO SEXAS, XESÚS,
QUE NA CRUZ TE NOS FAS LUZ!

Queremos rememorar, Xesús,
aquela cea santa de despedida;
a piques de perderte entre os trigos ben perdido,
coas espigas por riba da cabeza,
no carreiro longuísimo dos adeuses,
os teus ollos pousáronse naquela mesa pascual
que recendía a pan fraterno e a viño de liberdades,
pero tamén a bicos de traizón e a trampas do poder,
e ti,
con todo o corpo dorido a carón deste mundo,
coas mans xuntas para axuntar nun intre a alma toda,
cos beizos gurgullando bendicións coma fontes,
colliches o pan nas túas mans,
partíchelo
e pasáchesllo aos compañeiros e compañeiras de mesa,
dicindo:

TOMADE E COMEDE TODOS DEL,
ISTO É O MEU CORPO,
QUE SE VAI ENTREGAR POR VÓS.

E a continuación,
envolto nun fondo río de recendos,
de voces e de luces,
véndote coma o aire,
que beixa todo e non se pousa en nada
máis que no sangue, na raíz do sangue...
naquela tarde pecha,
colliches a copa chea de viño,
copa de sangue que fumegaba,
deches grazas
e pasácheslla tamén aos compañeiros e compañeiras de mesa,
dicindo:

TOMADE E BEBEDE TODOS DELA,
PORQUE ESTA É A COPA DO MEU SANGUE,
SANGUE DA ALIANZA NOVA E ETERNA,
QUE SE VAI VERTER POR VÓS E POR TODA A XENTE DO MUNDO
PARA O PERDÓN DOS PECADOS.
FACEDE ISTO EN MEMORIA DE MIN.

Este é o sacramento e fundamento da nosa fe.

ANUNCIAMOS A TÚA MORTE,
PROCLAMAMOS A TÚA RESURRECCIÓN,
VEN, SEÑOR XESÚS.

Así, pois, Pai/Nai, mar de luz e de agarimos,
ao celebrar agora a lembranza da morte e resurrección do teu Fillo,
e de cantas persoas boas e xenerosas que, coma el ,
viviron e viven a vida coma un servizo limpo e valente,
ofrecémosche o pan de vida,
feito de lúa, perdón e beixo eterno,
ofrecémosche o cáliz de salvación,
para calmar a sede que non morre, vella coma os camiños.

AS NOSAS SEDES, DEUS,
AS SEDES DO TEU POBO!
AS NOSAS FAMES, DEUS,
QUE SÓ TI CALMAS DE TODO!

Canto necesitamos, Deus,
que o Espírito Santo nos arrexunte na unidade
a cantas persoas participamos do Corpo e do Sangue do teu Fillo!
Que cada un de nós, cada unha de nós,
pensando no ben do teu pobo, do mundo enteiro,
poidamos dicir con completa valentía e mansedume:
coma un río quixera eu ser: cantar
con estrelas no lombo cara ao mar,
deixando unha chorima en cada pedra,
e unha bágoa de Deus en cada herba.

DEIXANDO UNHA CHORIMA EN CADA PEDRA,
E UNHA BÁGOA DE DEUS EN CADA HERBA.

Contigo, algo coma ti, Deus noso,
queremos levar na memoria e no corazón
a todas as persoas crentes e non crentes que enchen o mundo enteiro,
e tamén e sobre todo
as persoas máis pobres, abusadas e marxinadas:
que lles saibamos dar unha mañá vidrada
chea de ás de pomba,
e unha tarde radiante cunha fonte no medio,
e unha noite baixiña con mil ventás acesas,
e baixo dela un leito!

AUGA, PAZ, RESPIRO,
ACOUGO E AGARIMO

Lembrámonos diante de ti
de todos os membros das nosas comunidades cristiás:
os homes e mulleres segrares,
cos nosos curas e bispos,
co noso Papa Francisco.
Que todos, todas, vivamos e construamos a Igrexa, o mundo,
como cousa nosa.
Que ninguén se vexa excluído desta invitación túa.
Que todos, todas poidamos dicir con gozo e tremor a un tempo:
hora e lugar me deron, nave e portos,
e a gloria de levar esta inmortal ferida,
e a de alterar a historia dos vivos e dos mortos.
Que por pequerrechiñas que nos sintamos,
nunca nos avergoncemos de ser pouca cousa, nada,
sabendo que o a Igrexa, o mundo,
sería máis pequeno sen nós.

IGREXA DE IRMÁNS E IRMÁS,
TODOS VALEMOS;
PARA UN MUNDO DE IRMANDADE
TODOS PODEMOS.

Que, coma anxos airados,
rompamos coa paz, a oculta mentira dunha paz falsa,
soñada sobre o esmagamento da xente débil,
e nos poñamos a loitar
contra as sombras coas que se quere envolver a verdade.
E, xa que nos puxeches nas mans Galiza, coma don e como tarefa,
que contribuamos a romper o seu ritmo fatídico:
un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
Que sexamos, cando menos,
coma os bois arando suco a suco o outono,
lentos, pero firmes, na aposta pola Terra.

SUCO VAI, SUCO VÉN, XESÚS MARÍA,
TERRA ARADA PARA O PAN DO NOVO DÍA!

Que nos acompañen no gozo e na tarefa, Deus,
todos aqueles homes e mulleres
de alma coma a serra, que se brande e non creba;
que nos acompañen os nosos antepasados todos
nos que a luz se sentaba como o outono se senta na mazá;
que nos acompañe Santa María, esposa, nai, muller labrega,
que siga incansable pasando a man polo lombo do río,
polo lombo da xente, polo lombo do pobo,
acariñándonos, consolándonos, alentándonos.

SUCO VAI, SUCO VÉN, XESÚS MARIA,
TERRA ARADA PARA O PAN DO NOVO DÍA!

Lembrámonos diante de ti, Pai noso,
en memoria confiada e agradecida,
dos nosos antepasados defuntos,
esas persoas queridas que,
cando apalparon a morte,
viron que era unha man moi donda que mataba
unha luz e acendía outra luz, e, moi ledas,
chegáronse, amodiño, á soleira do Reino,
mesmo que o paporroibo nos días de gran neve
se acurruncha cantando nas portas dos labregos.
Lembrámolos coa confianza de que, fose cal fose a súa vida,
ti, cal sol sen noite nin historia
buscarás a ruína esquecida
para enchela toda de gloria,
e así se cumpra aquilo de que
a fin suprema do tempo é un estalido de gloria na lus.

Brindamos por ti, Deus noso,
brindamos por Xesús o teu fillo benquerido,
brindamos pola luz,
brindamos pola vida,
brindamos pola xente máis en sombra e entebrecida
coa esperanza renovada no corazón e na ollada.

POR CRISTO, CON EL E NEL
A TI, DEUS PAI OMNIPOTENTE,
NA UNIDADE DO ESPÍRITO SANTO
TODO HONOR E TODA GLORIA
POR SEMPRE ETERNAMENTE.









1 comentario:

  1. Graciñas Manolo pola pregaria sobre os textos de Diaz Castro. E preciosa. Graciñas tamen polos teus comentarios á liturxia dominical, preces e pregaria. Unha aperta. Manolo.

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.