16 xullo, 2014

20 de xullo: Domingo 16 do Tempo Ordinario


Evanxeo: Mt 13, 24-43 (ou breve: Mt 13, 24-30)

Comentario:

O evanxeo de hoxe forma parte do capítulo 13 de Mateu, dedicado case todo el a contarnos parábolas de Xesús, para axudarnos a comprender cales son as condicións de fondo coas que normalmente se atopan as persoas que se apuntan con Xesús ao seu proxecto de vida, tanto a nivel persoal como social; iso que el chamaba o reinado de Deus.

Así hoxe lemos a parábola do trigo e o xoio (cizaña), a parábola da semente de mostaza e a parábola do fermento. Podemos ler as tres desde unha perspectiva común: con que posibilidades, con que dificultades tamén, nos podemos encontrar as persoas cristiás, cando queremos vivir coma cristiás, cando queremos facer comunidades cristiás, cando queremos colaborar na construción social das nosas parroquias, vilas e cidades. Como somos comunidades cristiá no medio do mundo? Cada unha destas tres parábolas ten os seus matices particulares, que nos poden aproveitar moito. Poñámonos diante destas narracións con oídos de discípulos/as, dispostas a escoitar, a aprender, a levar á vida, aínda que sexa pouco a pouco, lentamente, ao ritmo que nos suxiren estas mesmas parábolas.

Ataques en Gaza
O mal é o compango normal, amargo, das nosas vidas de cada día. Levámolo connosco, asentado a carón das mellores intencións e, sen dúbida, de moitas bondades que nos caracterizan. Cada un, cada unha, se é honesta/o, saberá darlle nome concreto a esas maldades. E tamén está presente nos nosos veciños, na nosa sociedade; estas maldades cústanos menos detectalas. A masacre que o actual goberno xudeu está cometendo co pobo palestino é un bo exemplo. E a corrupción de moitos políticos, e a indiferencia que practicamos ante quen sofre por calquera razón, e o afán de cartos, mando e poder que levamos dentro? Que facer ante esas maldades e outras moitas? Pechar os ollos, despreocuparnos? Non será mellor identificalas, ser conscientes da súa presenza, implicarnos na súa erradicación, ser pacientes e resistentes na colaboración, na loita, para que o seu influxo perverso diminúa? Non será mellor confiar na bondade radical que levamos inserida cada persoa, cada pobo, como herdanza da condición divina que nos caracteriza, e confiar no estalido de luz que chegará, algún día chegará?

Frecuentemente temos que convivir con grandes problemas, con grandes poderes, con grandes retos. Agora mesmo preguntámonos como librar as vidas do pobo humilde das garras das grandes finanzas que nos estrullan e que nos queren fieis servidores/as do seu enriquecemento. Preguntámonos tamén como virar a cara da Igrexa, e a de cada un, cada unha, de nós dentro dela, para facela Igrexa pobre ao servizo da xente pobre, como a quería Xesús. E cada un coñece ben as grandes batallas que debe librar diariamente para ser humildemente feliz integrado/a na comunidade, na sociedade con aire de irmán, de irmá: dificultades cos propios vicios ou preguizas, dificultades coa convivencia familiar, dificultades na militancia política ou sindical, etc. Sentímonos tan pequena cousa, tan desconfiados de que de nós poida saír algo capaz de facer que as cousas cambien! Daquela Xesús recórdanos que o noso, o do Reinado de Deus no que queremos estar metidos/as, parécese a unha semente pequerrechiña de mostaza, que logo non se ve, pero que pouco a pouco faise un arbusto grande, case unha árbore, no que atopan acubillo paxaros. Contentámonos coa proposta de Xesús de sermos pequerrecho gran de semente, fiado da enerxía de Deus, ou pretendemos ser forte castelo amurallado, que ninguén conquista, pero no que ninguén tampouco non atopa refuxio e fogar? A Igrexa en moitos momentos da súa historia desconfiou do gran de mostaza e do seu lento desenvolvemento, e xogou o xogo do poder, da potencia, do asombro, do imperio, do asoballo. Quizabes por iso mesmo agora está recollendo o desprezo de moita xente. Que facemos nós, que fai a comunidade cristiá da que formo parte. Somos traballadores/as humildes que día a día construímos con fe, con esperanza, con amor, o arbusto da casa común, da integración, do coidado exquisito da xente máis débil?

EUKLERIA (Cristianas/os por la igualdad de la mujer en la Iglesia)
Resistir como semente pequecha fronte ao que temos por diante non é doado. De onde nos van vir as forzas? Xesús remítenos ao fermento da muller que fai que toda a masa levede e se poida converter en pan. A comparanza invítanos a pensar en fortes enerxías que non dependen de nós, que actúan mesmo cando nós estamos parados, que fan que as cousas fecunden, e cheguen a madurar. As persoas, o mundo todo está servido por esta enerxía de Deus, este Espírito vigoroso de Deus, do que nós, as persoas cristiás, somos, podemos ser, testemuña humilde, pero convincente. Canto nos axuda ver unha persoa que persiste no seu empeño de ser humana e de poñer humanidade en todo! Como nos preguntamos de onde lle virá tanta forza a esa persoa para ser como é! Empezando polo mesmo Xesús que tanto vigor tiña para defender a dignidade o presente e o futuro da xente pequena, pecadora, marxinal. Cremos, vivimos nós que ao noso servizo está ese humilde poderío de Deus grazas ao cal todos os problemas atopan un camiño de solución?

A Eucaristía ofrécenos entrar en contacto coa mantenza, coa fraxilidade e coa enerxía de Deus, simbolizada no pan e no sangue de Cristo, viático de camiñantes e loitadores/as.


Preces:

CONFIAMOS EN TI, XESÚS,
CONFIAMOS NOS TEUS PROXECTOS
  • Pero necesitamos a túa resistencia paciente para convivir respectuosamente, combativamente, co mal que levamos dentro de nós mesmos e que vemos na nosa sociedade. Por iso rezamos.
  • Pero necesitamos a túa fe no pequeno, no humilde, no que non conta, nas pequenas experiencias de fraternidade alternativa. Por iso rezamos.
  • Pero necesitamos da túa seguridade de que Deus actúa na sombra, de que a xustiza, a solidariedade, a verdade, van levedando o mundo silenciosamente, e así manternos na esperanza. Por iso rezamos.
  • Pero necesitamos de ti para preguntarnos en cada momento que é o que podemos facer e ofrecer, para que a túa novidade abra camiño nas nosas comunidades, na nosa sociedade. Por iso rezamos.
  • Pero necesitamos o teu desexo de luz e de verdade para deixarnos acompañar pola xente que, sen grandes teorías, sabe estar cada día ao lado de quen sofre. Por iso rezamos.


Pregaria:

Xesús,
trigo e xoio (cizaña),
no propio corazón,
na propia vida,
no entorno social,
na mesma Igrexa.
Asombro, estupor, tentación, dor,
loita paciente,
soño que non morre,
aventura garantida pola túa presenza,
polo teu Espírito,
polo teu Deus.
E eu aí, por graza túa,
vivo/a,
a gusto,
incitado/a por ti,
perdoado/a por ti.
sostido/a por ti.
Grazas

Proxecto Home (Lugo)
Xesús,
gran de mostaza,
orgullo do pequeno,
de todo o que prende, xermola, medra
na túa terra,
na terra da fraternidade
e que se fai árbore vizosa,
onde pousan paxaros voadores,
niño de soños,
refuxio de cansas e oprimidas,
achega divina, humana,
a un mundo necesitado de luces e de sombras.
E eu aí, por graza túa
semente, árbore e paxaro,
incorporado/a á túa humanísima aventura.
Grazas.

Xesús,
fermento de muller,
feitura calada,
presenza silenciosa,
forza invisible
na masa que fai pan,
o pan, sempre o pan,
o pan insubstituíble, substancial,
nas mesas máis pobres do mundo.
E eu aí, por graza túa,
muller, fermento e pan,
para a mesa da abundancia comedida
da que nunca ninguén será excluído.
Grazas.


Signo:
  • Imaxes de trigo e xoio (cizaña), de sementes de mostaza, de muller amasando o pan, acompañando a cada comentario da parábola correspondente.
  • Imaxes de maldades, como as da guerra en xudeu-palestina.
  • Imaxes de persoas que apostan con constancia pola humanización: Vicente Ferrer, voluntarios anónimos de calquera ONG,



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.