31 xullo, 2014

3 de agosto: Domingo 18 do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 14, 13-21

Comentario:

Un día, non hai moito tempo, nunha reunión dun grupo do Movemento Rural Cristián, facendo avaliación do curso que remataba, unha persoa manifestaba a súa inquedanza porque non vía para que valía o grupo, que proveito lle traía á parroquia, ao pobo; non vía que se fixesen cousas significativas, e recordaba coma referencia a persoa e a obra de Vicente Ferrer na India, do que oíra e vira feitos por aqueles días na TV. A cousa deunos que falar. Esforzámonos por ver realidades que se estaban dando na parroquia grazas tamén á colaboración que a xente do grupo estabamos prestando. Pero a pregunta quedaba aí: para que vale ser persoa cristiá, andar nas cousas de Xesús, en grupo, en comunidade? Que proveito lle podemos ofrecer á xente que convive con nosoutros e a nosoutros mesmos?

O evanxeo de hoxe pódenos valer para dar algunha resposta a estas preguntas. De que lle valeu Xesús á xente? Que proveito lle trouxo a súa presenza, a súa actividade, a súa vida? O relato pode ser histórico ou algo fantasiado e simbólico, o cal non quere dicir que nos conte mentiras, senón que transmite convencementos crentes, que é ao que van os Evanxeos. E cales son estes convencementos crentes? Xesús, que reflectía o rostro, a vida, o corazón de Deus, preocúpase pola situación da xente, non monta unha fe, unha relixiosidade de costas á xente e ao que a xente está vivindo, gozando e padecendo. Xesús ía cos seus discípulos a descansar, a pasalo ben, a conversar tranquilamente, a comer con certa abundancia e pracer, pois cinco bolos e dous peixes non deixaba de ser unha estupenda comida para un grupo reducido en tempos en que o mesmo pan non era abundante. Pero Xesús e os seus compañeiros e compañeiras baten co pobo, que o seguía, e aquilo cambia totalmente o día de relax que ían buscando. E Xesús preguntouse, como se preguntaba aquel membro do Movemento Rural: que servizo lle podemos prestar a esta xente?

Manifestación en defensa da Sanidade pública.
© Mónica Patxot
Non podemos ignorar o que pasaba polo corazón de Xesús. Di o Evanxeo que se conmoveu ao ver aquela xente, que era un campesiñado pobre, sometido, endebedado, enfermo; pobo canso e oprimido, ovellas en pastor que mire por elas, como se di noutras páxinas do Evanxeo. A Deus, a Xesús dóelle a xente, dóenlle os problemas da xente. E responde. Empeza curando enfermos, cos recursos e ata o punto que el podía. A súa fe en Deus lévao a iso, a preocuparse polo sufrimento da xente, porque lle doía a xente. En Xesús a fonte da súa actividade solidaria era o amor; porque lle doía a xente, actuaba. Porque lle doemos, actúa en favor noso, de ti, de min. Vivimos así a nosa fe? Somos agradecidos/as por esta forma de ser que ten Deus connosco? Deixámonos envolver por este xeito de facer as cousas que tiña Xesús? Dóenos a nós a xente? Actuamos en favor de quen padece porque nos doe? No momento presente hai moita xente que se asemella a ese pobo pobre, endebedado, enfermo, famento co que se atopou Xesús? Como nos situamos ante todo iso? Hai recursos persoais, sociais, políticos, para buscar remedio aos problemas; pero estamos apoiándoos con convencemento, porque a xente nos doe?

O tío José cumpriu 100 anos e os netos lle agasallan con 100 bolos de pan
 e que se repartiron entre os que compartían mesa. O tío José foi panadeiro.
Era tarde, a xente tiña fame. Os discípulos decátanse diso e propoñen un remedio: mandalos e que, cada quen como poida, merque –se ten con que--, coma ou pase. Eles foran previsores e trouxeran cinco bolos e dous peixes para matar a fame; os demais que se busquen a vida. É a solución do sálvese quen poida e como poida. É unha solución moi dos nosos tempos, moi típica da maneira capitalista, individualista, de entender as cousas. Xesús oponse a iso. Xesús ofrece pan, pero ofrece moito máis ca pan. Ofrece pan, pero ofrece tamén unha maneira de resolver as carencias, un espírito de solidariedade, un facer noso o problema e as dificultades das demais persoas: compartir o noso tempo, a nosa comodidade, os nosos bens. Ofrece pan, e ofrece tamén comunidade para adquirilo, comelo, saborealo, gozalo, agradecelo.

Ao nivel daqueles tempos Xesús provocaba a dar, a compartir, a facer xustiza devolvendo o roubado, a facer propia a causa dos desventurados, ata o punto de facer diso unha benaventuranza. Hoxe as cousas son distintas. Sen deixar de facer iso, a persoa ou grupo que quere vivir en solidariedade ao estilo de Xesús, sabe que hai estruturas sociais máis solidarias ou menos, que hai unha maneira de organizar os impostos máis solidaria ou menos, e unha maneira de redistribuír os beneficios, e unha maneira de atender as necesidades dos máis débiles da sociedade. Hai maneiras tamén de ter os nosos aforros, na banca capitalista ou na banca ética, solidaria. Sabemos que hai políticas máis solidarias ou menos, máis comunitarias ou menos, máis do sálvese quen poida ou máis de doerse da xente máis marxinal para favorecela nos servizos. Onde cremos que se estaría situando Xesús, se estivese fisicamente presente no medio de nós? Onde nos situamos nós, que queremos ser os seus seguidores e seguidoras?

Na Misa, na Eucaristía, revivimos os xantares de Xesús, feitos de partir o pan, de compartir; feitos de provocar á solidariedade, á creación de comunidades e experiencias alternativas, nas que o amor, o doerse solidario é a forza que todo o crea, que todo o move. Felices nós convidados/as a esta comida de festa!


Preces:

DÁDELLES VÓS DE COMER
  • Recordando as túas palabras, Xesús, presentámosche o noso desexo de que nos doia a xente, para así sermos solidarios/as e inventar formas novas de solidariedade que fagan falla. Oremos.
  • Recordando as túas palabras, Xesús, queremos andar no medio da xente que anda en pobreza, para decatarnos das súas necesidades, para que se vaia amolecendo o noso corazón e a nosa carteira. Oremos.
  • Recordando as túas palabras, Xesús, presentámosche tamén as nosas propias fames e carencias, agardando o teu apoio, a túa forza. Oremos.
  • Recordando as túas palabras, Xesús, presentámosche a todas as persoas que desde as asociacións, desde a política, traballan con afán limpo por unha sociedade nova, máis considerada con quen menos ten e pode. Oremos.
  • Recordando as túas palabras, Xesús, presentámosche a xente de Palestina, envolta en guerra cruel, famenta de paz e solidariedade internacional para superar tanto abuso e padecemento. Oremos.

Pregaria:

Xesús,
gústame o que me propós
como forma de vivir e transmitir o Evanxeo
tamén nos nosos tempos:
andar en grupo,
cansar andando os camiños da vida coa xente;
arredarse, descansar, falar, compartir, alentarse...

Goldman Sachs e a “burbulla especulativa” alimentaria 
provoca millóns de famentos (ForumLibertas.com)
Pero o primeiro é o primeiro:
antes de nada está a xente, está o pobo,
están as persoas máis débiles do pobo
(entre as que, se cadra, tamén me atopo),
coas súas necesidades, coas súas demandas,
coa súa voz que precisa ser escoitada.

Xesús,
quero estar contigo,
para recibir os teus coidados,
para dálos a quen os precise.
Toma o meu tempo, a miña dedicación,
as miñas ideas, as miñas palabras, os meus cartos,
toma a miña vida toda.

Quero estar contigo
na hora humilde e solemne,
humana e divina,
de dar saúde, pan,
alento, respiro á xente máis tirada,
e hai tanta!,
con paixón e con intelixencia,
desde a necesaria caridade inmediata
ata a imprescindible alteración das estruturas
para facelas doídas de quen máis padece.

Xesús,
quero estar contigo
para aprender de ti os aires comunitarios,
para descubrir a festa do compartir
e facer dela a razón da miña vida e da miña morte.

Quen, senón ti,
me fai fortalecer para esta atrevida tarefa?
Fártame co pan compartido!


Signo:
  • Imaxes de bolos de pan.
  • Imaxes de xente demandando sanidade pública.
  • Imaxes de xente famenta.
  • Imaxes de diferentes maneiras posibles de compartir.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.