09 xullo, 2014

5º Encontro do curso 2013 / 2014




Signos:   Sede, saudade.


Canto:

TEÑO SAUDADE DE TI, MEU DEUS,
TEÑO SAUDADE, TEÑO SAUDADE DE TI.

Salmo 63

Deus, meu Deus, por ti madrugo,
de ti ten sede a miña alma;
por ti devece o meu corpo,
en terra reseca, sedento e sen auga.

Mira cara a ti no corazón da vida,
para ver o teu poder e a túa gloria.
O teu amor é mellor ca a vida,
lóante os meus labios;
toda a vida te bendigo
e levanto no teu nome as miñas mans.

Como na maior das abundancias, estou satisfeito,
con labios alegres lóate a miña boca.
No meu leito relémbrote,
nas vixilias da noite penso en ti.

Ti es o meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento;
a ti está unida a miña alma,
a túa dereita é o meu apoio.

Os que queren a miña ruína
fracasarán no seu intento;
oxalá se decaten e cambien,
para que o mal non devore as súas vidas.

En Deus alégrase o seu pobo,
atopa contento quen se apega ao seu nome,

e teñen que calar os mentireiros.

Evanxeo:  Xn 1, 1-5.9

Canto:

TEÑO SAUDADE DE TI, MEU DEUS,
TEÑO SAUDADE, TEÑO SAUDADE DE TI.


ALFA E OMEGA

Foi o comezo do tempo
un berro de sede dende a lus.

Grazas, meu Deus,
luz, enerxía, calor,
corazón, seo e aperta,
transparencia orixinal
na que todos, todas temos asento
desde o comezo dos tempos.

Grazas por nos faceres berro de sede,
á túa semellanza, á túa medida,
cunca de barro aberta á luz,
xemido pobre, urxente,
na busca do teu rostro.
                                               
Moreas e moreas de sedes,
da cinza ata a estrela,
buscando luz, acougo, comuñón total
en ti.

A vocación do mundo
é subir antre cadavres
por un camiño de sede e lusquefús.

Pero que longo e que costento
o camiño a andar, meu Deus!
Subir, baixar, subir
entre cinza, cadáveres, derrotas,
levados/as pola forza,
polo consolo amargo da sede
que nos mantén
en ti.

Chamados/as por ti
a creármonos constantemente
coma persoas, coma pobo,
soñando fraternidades,
a proba de caídas e desesperos,
perdoadas, incorporadas
en ti.

No luscofusco,
a cabalo entre o temor das tebras
e a esperanza do día,
sentíndonos, laiándonos, felicitándonos
de ser ínfimos vagalumes
á espera da alborada eterna
en ti.

A espranza do mundo
é o amor consumido de sede
na consumación da crus.

Bendito, meu Deus,
mil veces bendito,
por non nos abandonar na orfandade,
por espallar polo mundo a mancheas
o gozo e a forza do amor
--inocencia, xustiza, beleza, solidariedade--,
por sementalo con xeito artesán
na diminuta parcela de cada ser
de todos os seres,
de cada un, cada unha de nós.

Bendito, meu Deus,
mil veces bendito,
por Xesús de Nazaré, o teu fillo ben amado,
amor consumido de sede
na consumación da cruz
a onde o levara a paixón por ti, pola xustiza .
Solidariedade extrema,
aperta ao mundo desde un corpo marxinal.

Bendito, meu Deus,
mil veces bendito,
porque en Xesús hai esperanza,
a súa cruz abriu camiños
máis aló das derrotas de todos os egoísmos;
el é noso: camiño aberto,
carne da nosa carne, vida da nosa vida,
o seu amor consumido de sede,
ata a consumación da cruz,
por ti tamén,
por ti, pola xustiza.

A fin suprema do tempo
é un estalido de gloria na lus

O tempo
que abre e abriga as nosas vidas,
que as enche de historias e de nomes,
nacera, meu Deus, na luz,
laparada eterna que sostén
a preciosa fraxilidade das nosas torcidas.

E a fin do tempo será,
por graza e esplendidez túa,
meu Deus,
resurrección,
o estoupido de gloria na luz,
na nosa luz fundida na túa.
o fogar de todos os camiñantes,
a meta de todas as carreiras,
a patria de todos os exiliados,
a aperta de todas as marxinadas

Estoupido de luz
na inocencia recuperada,
na xustiza dignificada,
no amor desmesurado,
na beleza nunca imaxinada,
na comuñon total,
na unidade total,
en ti, meu Deus,

alfa e omega.

Preces: 

Abrimos o corazón ao xeito de Xesús.

Noso Pai

Bendición final

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.