15 agosto, 2014

17 de agosto: Domingo 20 do Tempo Ordinario (A)



Evanxeo: Mt 15, 21-28

Comentario:

O evanxeo de hoxe ten moito que ver con todo o que sexa exclusión. Ten moito que ver, logo, con todos e todas nós, pois no mundo de hoxe abundan as exclusións, e a razón que damos para xustificalas é semellante á que nun primeiro momento daba tamén o mesmo Xesús para xustificar que non atendía, que non podía atender, a aquela muller pertencente á bisbarra de Tiro e Sidón, porque non era xudía, porque non era dos nosos: “Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos”. (Os non xudeus eran insultados con frecuencia polos xudeus co nome de cans.)


O goberno español foi buscar ao Padre Miguel Pajares para atendelo en Madrid, pero non trouxo a outras dúas persoas pertencentes á mesma comunidade relixiosa, porque non eran españois, condenándoos a unha morte segura, morte que, por desgraza, tamén sufríu despois o mesmo Miguel Pajares. E seguro que a case todos nos sobran as razóns para esa exclusión: non eran dos nosos, non é ben quitarlles os recursos sanitarios aos españois para llelos dar aos africanos (os cans, dirían os xudeus). Non se admite ás mulleres ao sacerdocio –din as xerarquías masculinas da Igrexa--, porque non son dos nosos, do xénero masculino, que, disque, Deus privilexiou para presidir as comunidades. Se un cidadán español, inglés, norteamericano, sufrise o xenocidio que están sufrindo os palestinos por parte dos israelitas, todos subiríamos polas paredes; pero, sendo palestinos, non, porque non son dos nosos, non son dos cidadáns de primeira para os que si contan os deberes e os dereitos humanos universais. Se fulano ou fulana non é do noso grupo eclesial ou político, non paga a pena que lle prestemos atención á súa presenza, á súa opinión, á súa maneira de ver as cousas, ao seu dereito de contar coas mesmas oportunidades ca os demais, porque non é dos nosos, e non é ben restarlles tempo e atención aos nosos, para llelo conceder aos alleos (os cans, dirían tamén os xudeus).

Unha das consecuencias máis notorias da crise que estamos vivindo é o aumento dos casos de exclusión: cidadáns, cidadás, que non poden contar co que normalmente deberían contar todos os cidadás: posto de traballo, vivenda asegurada, recursos mínimos para poder manterse e vivir, ... E todo porque non somos, non son, dos privilexiados que por esforzo, sorte ou trampa souberon, soubemos, situarnos no grupo de cabeza. Unha sociedade xusta debería mirar polo pan de todos e todas, pero, claro, non é ben quitarlles o pan aos privilexiados do momento para llelo dar aos cans. En cantas situacións de exclusión participamos? A cantas persoas deixamos de lado pola razón que sexa? Sentímonos nós excluídos? Revirámonos contra quen nos exclúe, no caso de que así sexa?

É ben interesante reparar no proceso que seguiu o mesmo Xesús para incluír nas bendicións de Deus a aquela muller, da que de primeiras pensaba que non tiña dereito a esas bendicións. Xesús, a tal punto, actuaba coma se estivese pechado nunha maneira tradicional de comprender as cousas: só os xudeus podían ser os beneficiarios da presenza, do apoio salvador de Deus; ou, cando menos, só a eles estaba el disposto a lles dedicar a súa actividade de curación, de liberación. Coma se se deixase levar por unha rutina, por unha tradición sen reparar que non respondía á esplendidez de Deus, ao seu amor universal; ou sabe Deus a luz que ardía no seu corazón! Foi a fe, o clamor dunha muller, o clamor dunha persoa marxinal, o achegamento á situación límite dunha filla atormentada polo mal e dunha mai atormentada tamén polo mal da filla, o que o levou a caer na conta de que para o amor non pode haber barreiras nin nas persoas nin nos tempos. E Xesús cambiou de opinión, volveuse cara a aquela muller cananea, palestina, e non a despediu, como lle propoñían os seus discípulos, senón que a tratou con atención e misericordia, como era costume nel tratar a calquera persoa do seu entorno.

Sen título  (Sebastião Salgado)
Canto ben nos fai achegarnos á xente que está sufrindo dentro da exclusión! Cando nos achegamos ao mundo, á vida, dos inmigrantes subsaharianos, ao mundo das persoas drogodependentes, da etnia xitana, ao mundo das persoas que sofren prisión, ao mundo das persoas homosexuais, ao mundo das familias desafiuzadas, das carentes de traballo e de recursos, cando compartimos algo a súa vida, cando falamos con eles, cando os escoitamos, cando facemos algo de todo iso, o normal é que os sentimentos se nos cambien, que o corazón se nos amoleza, e que, en consecuencia, onde antes viamos unha persoa contraria á que evitar, empecemos a ver un irmán, unha irmá á que amar, á que facer partícipe da vida, do tempo, dos medios, dos recursos, da aceptación, da integración que a todos e todas nos gusta gozar. As persoas, as comunidades cristiás estaría ben que fósemos moi expertas neste tipo de inmersións, para poder entrar algo no corazón de Deus, quen certamente non ten reparo ningún en abrirlle as portas do seu corazón, do seu Espírito a quen pete á súa porta, sexa da condición, sexo, pobo, raza, relixión que sexa. Estámolo sendo na nosa comunidade cristiá?

A celebración eucarística permítenos ter unha experiencia fonda de comunidade fraterna ao redor de Xesús, onde ninguén é nunca excluído.Quédanos que, logo, na vida, vivamos á luz desta experiencia.


Preces:

COMPARTAMOS O PAN COMA IRMÁNS/ÁS
  • Que non nos burlemos nunca de ninguén, por ser desta ou daquela maneira, Señor. Oremos.
  • Que nunca marxinemos a ninguén por cuestións de sexo, raza, credo ou relixión. Oremos.
  • Que nos saibamos achegar á vida das persoas e grupos sociais marxinados, para caer na conta de tantas inxustizas que cometemos. Oremos.
  • Que nos dubidemos nunca do agarimo que Deus sente por nós, sexa cal sexa a nosa forma e condición de vida. Oremos.
  • Que sexamos agradecidos coa muller cananea, que lle abriu os ollos a Xesús, e nela agradezamos tamén a todas as mulleres, sen excluílas nunca en nada. Oremos.



Pregaria:

Coa muller cananea, Señor,
achegámonos a ti,
traemos nas nosas mans trementes
a todos os homes e mulleres excluídas
por calquera razón de cor, raza, sexo ou relixión.

Queremos que o noso corazón se ensanche
á medida mesma de Deus,
que nel colla todo o mundo,
que nel atope un recanto especialmente grato
quen estea sufrindo calquera exclusión.

Que o teu alento nos alente, Señor,
que non cedamos á tentación
de cerrar os ollos e tapar os oídos
para non ver nin oír
e así poder desprezar e impoñer.

Que nos saibamos abrir ás persoas diferentes,
ás que non pensan coma nós,
ás que non viven coma nós,
para ver nelas o rastro da túa presenza,
a túa visita, o teu regalo.

Que xuntos saibamos construír día a día
ese marabilloso mundo plural na comuñón,
onde brilla sobre maneira o máis limpo e fermoso de ti,
que es un na diferencia,
e na unidade, diferente.

Que saibamos acoller as persoas diferentes,
sempre,
que saibamos ofrecer tamén a nosa particularidade convencida
á túa luz, co teu alento, Señor.


NO ANIVERSARIO DO TEU FUSILAMENTO
(A Alexandre Bóbeda, político e cristián manifesto, fusilado na Caeira, Pontevedra, o 17 de agosto do 1936)

Foi fusilado Alexandre
nun 17 traidor.

Alí onde balas selaron
drama amargo de exclusión.

Querían facer calar
o entusiasmo da paixón.

Terra e xente, pobo, Deus
Galicia no corazón.

E o corazón cara ao mundo,
ronsel de liberación.

Novo calvario, novo Cristo,
en bágoas de redención.

Onde a inocencia padece,
padece e salva o Señor.

Lumieira para ver
as cousas desde outra cor.
Monumento a Alexandre Bóveda na Caeira

Víctima que amosa víctimas,
que inzan ao noso redor.

A historia co rito acedo
de quen abusa e trae dor.

Que mata e converte o sangue
en grans de sementador.

Na Caeira de Alexandre
alentos dun soñador.


Signo:
  • Imaxe da muller cananea.
  • Rostros de persoas excluídas.
  • Rostro de Alexandre Bóveda (para os versos que o recordan)



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.