xoves, 11 de setembro de 2014

14 de setembro: Festa da Exaltación da Santa Cruz


Evanxeo: Xn 3, 13-17


Comentario:

“O sinal da xente cristiá é a Santa Cruz”, dicía o catecismo vello. E por iso o pobo cristián encheu de cruces moitos dos espazos da súa existencia: o propio corpo, coa cruz que moitísima xente levamos ao colo; os camiños e campos, sobre todo no rural, cos nosos fermosos e numerosos cruceiros, cos que salpicamos de memoria relixiosa os lugares de encontro, de festa, de traballo, de camiñadas; diferentes espazos das nosas propias casas, que así os queriamos poñer á sobra do amor absoluto de Deus; e incluso igrexas e outros edificios públicos, nos que tamén os nosos maiores quixeron deixar as trazas do que é o corazón da nosa fe cristiá: Cristo morto en cruz por amor solidario con todas as persoas do mundo victimas do seu propio mal e/ou víctimas do mal que outras persoas, normalmente poderosas, lles causaban.

Non sempre levamos con bo sentido o sinal da cruz. Desde os tempos do emperador Constantino, s. IV, a cruz foi moitas veces encabezando as tropas e exércitos cristiáns dedicados a matar, a impoñer crenzas, a dominar pobos, algo moi parecido ao que hoxe fan algúns árabes. Fronte aos árabes durante séculos foi signo de inimizade, de enfrontamento, de imposición, de morte. Na conquista de América a cruz ía sempre diante, e en cantísimas ocasións chegou a ser cruz odiada, porque canda ela ía tamén non a paz, a concordia, o respecto, o amor, senón o odio, o sometemento, o empobrecemento, a espoliación, a morte. Temos moito de que nos arrepentir, desde logo, moito do que aprender, para non repetir errores.


Que sentido lle damos hoxe a levar esa cruceciña de ouro, prata, metal ou madeira sobre do noso corpo? Por que ás poñemos nalgúns espazos das nosas casas? Pode ser que o fagamos por rutina, sen máis. Pero podería valernos para recordarnos en moitos momentos o que a cruz de verdade significa para as persoas cristiás. E que significa a cruz para nós? Que nos pode traer ao recordo, ao corazón, á vida? O primeiro que nos reaviva no noso corazón é o convencemento de que Deus está totalmente por nós; Deus é un Deus de paz, de perdón, de vida, e o seu afán é enchernos a todos e todas nós coa súa vida. “Tanto amou Deus ao mundo...”, dicía o Evanxeo. E o mundo sono as cousas e criaturas todas que hai no mundo; e o mundo sómolo nós, todos os homes e mulleres que o habitamos, sexamos da raza, credo ou condición que sexamos. O amor de Deus éncheo todo, e a cruz cos seus brazos cara aos lados e cara arriba e abaixo, recórdanolo constantemente.

A cruz é tamén memoria viva de Xesús, o noso querido Xesús. O amor de Deus non se quedou en palabras. Converteuse en historia, fíxose carne, fíxose home, desenvolveuse a través da vida dun ser humano coma nós, que apareceu entre a xente pobre dun pobo pobre, que dunha forma nova e sorprendente viviu a súa paixón por Deus apaixonándose por todas as persoas débiles, sufridoras, pecadoras, marxinadas, explotadas; e iso levouno a enfrontarse co mal que aniñaba no corazón das persoas, e a enfrontarse tamén, e con que humildade e valentía, cos poderosos e autoridades, relixiosas e civís, que causaban eses males. Ameazárono, pero non recuou. Presentiu a morte cos seus sufrimentos, pero o amor, a solidariedade empuxábao cara a diante, e aceptou a cruz, non porque iso llo mandase Deus, senón porque o amor de Deus tan vivo no seu corazón o sostivo fiel na súa loita contra o mal. A cruz recórdanos con viveza toda a vida humilde e valente, solidaria e apaixonada de Xesús. Con que cousa tan preciosa podemos adornar o noso corpo, sobre todo cando a cruz é uns simples pauciños cruzados!

A cruz, logo, tamén nos recorda o mal que a xente somos capaces de facer, aínda a quen, se cadra, anda entre nós desfacéndose por nós. A cruz é así algo amargo, tenebroso, concentra toda as ruindades que os seres humanos somos capaces de facer. A cruz de Xesús atopa ecos e prolongacións nas cruces máis ou menos inocentes que cada día levamos ás costas todos/as nós. A cruz atopou ecos e prolongacións nas cruces inocentes que encheron os camiños da historia; nas cruces inocentes de quen hoxe en día está padecendo os abusos dunha sociedade dominada polos poderes financeiros, que marxinan a pobos enteiros, a grupos de persoas, sempre ao máis débiles. A cruz de Xesús atopa ecos hoxe no sufrimento do pobo palestino, ou nos subsaharianos empoleirados nos arames cortantes dos valos de Ceuta ou de Melilla. A cruz é un triste sinal da condición pecadora, malvada, que ás veces nos envolve e da que ás veces tamén participamos. Xesús apaixonado por Deus e pola xente, con amor, con solidariedade total, iluminou a negrura da cruz, rompeu a cadea do mal, acabou co seu poder, coa súa maldición. Haberá mal, pero pode haber, hai, quen se enfronta a el e o derrota no seu íntimo; o corpo morto espetado na cruz así o demostra. A cruz cristiá é a cruz dun humilde e valente vencedor, desde a solidariedade, desde a aposta pola vida.

Na celebración da Eucaristía achegámonos con santa veneración a Xesús, morto en cruz e resucitado; achegámonos tamén con santa e indignada veneración á cruces inocentes coas que hoxe seguimos sementando o mundo. Facémolo coa vontade de contribuír ao compromiso de Deus por encher o mundo de vida e liberación.


Preces:

QUE NA CRUZ DE XESÚS
ATOPEMOS FORZA, PAZ E LUZ.
  • Que a atopen a xente enferma con enfermidades graves, difíciles de soportar, que nos demanda afecto e acompañamento. Oremos.
  • Que a atopen as persoas máis afectadas pola crise actual, e que teñen que soportar cruces dolorosas para as que demandan a nosa solidariedade. Oremos.
  • Que a atopen os cristiáns e cristiás que en diferentes países de África e de Oriente Medio están sendo matadas por seren cristiás. Oremos.
  • Que a atopen todas as persoas que sofren loitando por unha vida mellor, por unha convivencia mellor, por unha sociedade mellor, sobre todo para a xente máis pobres e marxinada. Oremos.
  • Que a atopen os nenos e nenas que empezan coa cruz dos seus libros, os mestres e mestras que retoman o traballo arduo da ensinanza, os pais e nais que asumen a fondo a responsabilidade da educación. Oremos.
  • Que a atope a xente do campo, moitas veces envellecida e soa, desalentada, desesperanzada, vendo como o campo e as casas se baleiran. Oremos.


Pregaria:
(Xosé Antón Miguélez Díaz, Semana Santa, 2014)

AO CRISTO SUBSAHARIANO

Irmán subsahariano de Melilla
que este ano, a fin de marzo, na procura
de acadar, tras os valos, acollida,
de Cristo deches vivísima figura.

Vinte na tele e logo no xornal
empoleirado a dez metros de altura
rei da verdade no alto do fanal
denunciador de inxusta pechadura.

Vinte e pechei os ollos porque mancas,
non ousei ollar fite anque me curas,
só de esguello mirei, coa vista baixa.
Hai tanta luz na túa cruz escura!

Hai tanta claridade no teu xesto
que sen verbas cuestionas a fartura
que de ti me separa e volve ateo,
que me enreixa e afoga na estreitura.

Algo en min se avergonza só con verte,
algo me impide ollarte con dor pura:
o egoísmo que en min vive e me tece,
é quen atoa as bágoas de tenrura.

O egoísmo é que de ti me arreda,
quen me retén a indignación madura,
quen me mantén ao lonxe e quen me frea
de amarte con paixón xusta e segura.

Grazas, irmán, por seres tan valente,
por non renderte en busca de ventura,
grazas porque me chamas novamente
a rexurdir contigo da tristura.

Crea, oh Deus, en min corazón novo,
ollos novos de nova criatura,
que te vexa nos pobres do teu pobo,
que acolla neles a túa fermosura.

Que non me engane o interese fato,
nin me cegue da túa luz segura,
que o teu amor en min, sé ti o meu amo,
logre a entrega veraz, sen imposturas.


Signo:
  • As imaxes do Cristo dos arames e do Cristo subsahariano.
  • Imaxe da cruz limpa, e da cruz co crucificado.
  • Algunha imaxe de dor humana inocente.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.