mércores, 5 de novembro de 2014

Primer encontro do curso 2014/2015




Signo: o noso propio corpo.


“Ai, os xeonllos doridos a carón deste mundo,
as mans xuntas que axuntan nun intre a alma toda,
os beizos que gurgullan oracións coma fontes
na noite pecha. Copas que sangue que fumega!


Cando chegou Xesús á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
--Quen di a xente que é o Fillo do Home?
Eles responderon:
--Uns , que xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
--E vós, quen dicides que son eu?

Cantiga

O que vas e volves á miña vida,
considerado sempre coa miña debilidade.
O que me amosas o rostro de Deus
dunha maneira sempre nova e sorprendente.
O que me transmites unha grande paixón por Deus,
unha desmedida paixón pola xente.
O que me narras a Deus dunha maneira desconcertante:
pode servilo quen non o nomea,
pode blasfemalo quen se chufa de servilo.

O que me miras con ollos novos,
limpos, comprensivos, fondos.
O que me ensinas a ollar como ti ollas,
e a ver un irmán/á en cada veciño ou veciña.
O que penas cos meus fracasos como persoa,
e gozas coas miñas máis ínfimas medras.
O que me lanzas á participación comunitaria,
e nela me sostés co teu Espírito.

O que me perdoas sempre, con esixencia curadora,
e me invitas a perdoar coa mesma esixencia.
O que me falas de Deus coa inocencia e paixón dun namorado,
e desde dentro me invitas a achegarme á soleira de Deus.

O que me transmites a experiencia dun Deus próximo,
metido na vida, na xente, na historia, na natureza, en min mesmo.
O que me pos en garda ante ilusións relixiosas,
e me confrontas a diario coa vida da xente pobre.

O que me alertas do ídolos do diñeiro, do poder,
do ídolo do propio eu que todo o contamina.
O que me empuxas a amarme e perdoarme,
a verme coma tesouro precioso en cunca de barro.
O que me ofreces no mesmo paquete paz e rebeldía,
vixilancia extrema e tranquilidade absoluta.

O que me sacodes cando adormezo e me fago indiferente
a calquera desprezo, abuso, trampa ou inxustiza.
O que cada día me invitas a verte e tratarte
na Luz, no Prudencio, no Amandino, na Marisa, ...
O que me invitas a soñar a Deus coma un mar de vida
no que deixarme ir na vida e na morte con confianza.
O que me invitas a respectar e agradecer,
a calar e adorar, antes de falar.

Preces: 
Aos pés de Xesús, coma o orante de Castelao, poñemos a nosa oración solidaria.

Noso Pai. 

Saúdo de paz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.