16 decembro, 2014

21 de decembro: Domingo 4 de Advento, ciclo B



Evanxeo: Lc 1,26-38

Comentario:

Estamos ante un relato directamente cristolóxico, que nos quere dicir cousas de Xesús Cristo, por moito que a primeira vista pareza estar centrado na figura da súa nai, Santa María de Nazaré.

Os relatos da infancia foron do último que se incorporou aos relatos evanxélicos; o evanxeo de Marcos, o máis antigo, non ten relatos da infancia, e o evanxeo de Xoán substitúeo por un prólogo especial, co que tamén se quere responder á orixe divina de Xesús.

Porque esta é a cuestión: Xesús chamou tanto a atención pola súa vida totalmente entregada á causa de Deus e á causa da humanización a fondo da xente (o que é o mesmo do que a súa divinización), que todo o mundo se preguntou pero de onde vén este; pregunta que por aquí e por alá anda polo texto dos catro evanxeos.

Lucas, para dar resposta a isto, para afirmar con rotundidade que o de Xesús é cousa totalmente de Deus, constrúe un relato que xa tiña antecedentes bíblicos no relato do nacemento de Samuel (1Sam 1,1-2,11), e que Lucas retomará tamén para a narración do nacemento de Xoán Bautista (Lc 1,5-25).

De todas formas, non é inútil a figura de María. Non importa a intimidade biolóxica de María, o texto non nos invita a furgar nela; pero si que nos importa, e moito, o paradigma de aceptación da proposta de Deus, que María encarna. Deus ofrécese máis alá de todo límite, de toda incapacidade, e María entrégase de forma absoluta máis alá de toda inseguridade, de toda incerteza. O resultado é Deus feito carne da nosa carne, vida da nosa vida, historia da nosa historia.

O Nadal invítanos a admirar e agradecer esta figura paradigmática de María, e, desde logo, o que foi froito dela: Xesús de Nazaré, Deus misteriosamente envolto nas feituras humanas, cunha preferencia especial polo mundo do pobre: as persoas, os ambientes, as aspiracións, etc.

Pero o Nadal invítanos tamén a reactivar en cada un, en cada unha de nós a figura e o papel de María. Estamos chamados a realizar a encarnación de Deus no noso tempo. Por Deus non queda. María sinálanos os tempos e as maneiras: estar vinculado á vida, aos intereses dun pobo pobre; vivir a experiencia de sentirse totalmente amada por Deus; tomar conciencia da propia pequenez, ata o punto de sentirse asustada e medrosa; acoller confiadamente a proposta de Deus, fiarse da forza creadora do Espírito, e dicir un si sinxelo e fondo, ante o que nada quede á intemperie, aínda que todo quede no aire. Seremos capaces de tanta acollida, de tanta entrega, de tanta fe, de tanto amor, como para amosar un anaquiño de Deus no tecido humilde das nosas vidas?


Preces:

VELAQUÍ A ESCRAVA DO SEÑOR,
CÚMPRASE EN MIN O QUE DIXECHES
  • Que saibamos admirar a Xesús e a María, e a todas as persoas que con confianza en Deus se entregan á tarefa de facelo humildemente visible nas nosas vidas. Oremos.
  • Que ante cousas concretas de cada día que demandan o noso compromiso activo non botemos para atrás, e sexamos persoas sempre dispostas e colaboradoras. Oremos.
  • Sumándonos ás persoas que se atopan en situacións cegas, desesperadas, desbordadas, e que precisan o alento de Deus e o noso apoio real. Oremos.
  • Ante as persoas e países que máis están afectados pola crise que vivimos, e que demandan de nós oídos para escoitar as súas situacións e mans para sumar ás súas loitas e reivindicacións. Oremos.
  • Para que poidamos ter neste Nadal unha experiencia limpa e fonda do amor de Deus, e que o poidamos realizar no trato coa xente máis débil e marxinal que atopemos na vida. Oremos.


Pregaria

ANUNCIADA

--E como diría eu
o que un anxo desbarata?

Virxe da O (Patroa de Pontevedra)
talla da Escola Compostelá do século XVII
Foi como ter ben seguras
as paredes da túa casa
e nun vendaval sen ruído
ver que o teito se levanta
e entra Deus ata a alcoba
dicindo:

--Chea de graza,
non me levantes paredes
nin lle poñas muro á casa,
que por entrar na túa historia
eu ben salto estas murallas.

Se virxe, ti has de ser nai,
se esposa, a miña amada,
se libre, por libre quero
que digas: “velaquí a escrava”.

--Velaquí a escrava, lle dixen.

E quedóuseme a palabra
sinxela, sinxelamente
no aire axeonllada.

(Versión ao galego do poema de José Luis Blanco Vega, collido do libro “...y tengo amor a lo visible”, Sal Terrae, Santander, p. 55).


Signo:
  • Un rostro feminino popular, que represente o rostro, a persoa de María, e o que a súa figura representa como modelo de persoa pobre, aberta a Deus e á tarefa que Deus lle propón.
  • A foto, o nome dalgunha persoa coñecida que neste momento nos estea recordando a continuidade e dispoñibilidade de María nos tempos de hoxe.
  • Unha Santa María embarazada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.