26 decembro, 2014

28 de decembro: Festa da Sagrada Familia


Evanxeo: Lc 2, 22-40


Comentario:

Belén da Igrexa Santa Madalena (Ribadavia)
A familia, a familia de Xesús de Nazaret, a nosa familia, as nosas familias, as familias todas do mundo. Son consecuencias ben sinxelas e ben preciosas do feito de que Deus se fixese ser humano entre nós. As miudezas das nosas casas, da nosa convivencia adquiren categoría divina, son espazos nos que podemos atopar a Deus entre nós; e iso tanto cando as cousas na familia van moi ben, coma cando poidan ir só regular, ou incluso mal, moi mal. Deus está aí, disposto sempre a acompañarnos, a botar unha man, a envolvernos en alentos e esperanzas.

Oímos por todas partes que a familia anda mal, aínda que nestes tempos de crise as familias foron, están sendo o gran soporte, a gran defensa de moitas vidas en cousas tan elementais coma o pan de cada día, a cobertura necesaria, a roupa, a compaña, os alentos para non desesperar. Será que a familia non anda tan, tan mal.

Desde logo non son as familias dos nosos avós e avoas; na casa había avós, pais, nais, nenos e nenas en abundancia. Coidábase dos nenos/as canto se podía, que ás veces non era moito; coidábase dos maiores, que non precisaban ir a unha residencia ou asilo, porque a familia se ocupaba deles. Educábase os fillos na rectitude, na honradez, no respecto. Moitas veces transmitíase tamén a fe con claridade. Cousas moi fermosas, pero non todo era gloria. Había tensións, amarguras, desunións, abusos, desprezos, e ás veces mesmo malos tratos e golpes.

Temos hoxe familias moi diferentes: menos xente, poucos fillos, avós sos ou que acaban na residencia, pais sen fillos, fillos/as cos pais separados, mozos que se xuntan sen casaren, parellas divorciadas, xente divorciada que volve casar, parellas homosexuais, … A educación é como é; a fe cristiá transmítese pouco. Para moita xente isto é unha desfeita. Pero é a nosa realidade, con moitas carencias, con moitos baleiros, seguro, pero tamén cos seus méritos, coas súas oportunidades, cos seus grandes respiros para moita xente. E desde logo Deus está aí, Deus non se arreda das nosas familias por complexas que estean sendo, ao contrario. Nunha etapa de busca, de readaptación familiar, Deus quere acompañarnos. As comunidades cristiás non podemos estar ausentes desta busca, non o estamos. Sen chulerías, podemos achegar o noso gran de area nesta construción común.

As familias cristiás podemos vivir todo isto desde o estilo de Xesús, iso é o que se espera de nós. O estilo de Xesús sabe moito de acompañamento, de entrar no mundo da outra persoa, da outra familia, para entendelo e amalo; sabe moito de acollida, de respecto profundo; sabe moito de erros e de perdóns, de restauracións; sabe moito tamén de solucións abertas, audaces, non raquíticas; o estilo de Xesús sabe moito de desenvolver posibilidades, de non contentarse con solucións curtas, de soñar, de lanzar as persoas cara a metas amplas, xenerosas, auténticas, ricas en amor e en servizo. E nisto os exemplos de vida valen máis ca mil palabras, e infinitamente máis que un millón de críticas e murmuracións.

O estilo de Xesús sabe moito de respecto pola xente máis débil, polas situacións de maior fraxilidade. Por iso estamos invitados/as a ollar para os cativos/as e polos maiores das nosas casas. O Papa Francisco invítanos con frecuencia a que teñamos moi en conta os nenos/as e os anciáns/ás. O evanxeo de hoxe preséntanos a Xesús de neno, participando na vida e na fe do seu pobo, coidado con agarimo, medrando no corpo e no espírito, sabéndose amado por Deus. Quen nos dese que así pasase con todos os nosos nenos e nenas! Pois é tarefa nosa, para a que Deus nos convoca neste día. O evanxeo preséntanos tamén os velliños Simeón e Ana, persoas xustas, piadosas, amigas do espírito co que tiñan tratos e promesas, soñando coa liberación do pobo, descubrindo e celebrando nas sombras os pasos miúdos desta liberación popular, aventurando os traballos e cruces imprescindibles para que as cousas de Deus e as da xente vaian arriba en común; xentiña maior que fala do vivido, do soñado, do descuberto, do paso de Deus pola súa vida; xentiña maior que segue sementando e celebrando esperanzas. Quen nos dese poder envellecer así nas nosas familias, nas nosas comunidades cristiás!

A celebración eucarística é unha celebración da familia cristiá, na que Xesús quere ser mantenza e compaña diaria, forza para vivir cada día ao seu estilo en todo, tamén por suposto na familia.


Preces:

GRACIAS, DEUS, POLA TÚA COMPAÑA FIEL

  • Que nos sintamos acompañados sempre por ti, sabéndote coma o Pai ou a Nai da casa, da familia, da comunidade, e gozando coa túa presenza alentadora. Oremos.
  • Que coma ti saibamos acoller e acompañar as diferentes formas de familia que se están dando na nosa sociedade, dando o noso apoio a todo o que sexa auténtico, sincero, amoroso. Oremos.
  • Que saibamos aceptar a presenza de parellas homosexuais e integralas coa súa realidade concreta dentro das nosas relacións, das nosas comunidades, da nosa sociedade. Oremos.
  • Que loitemos coma ti por facer de cada aldea, pobo e cidade unha gran familia, onde todo o mundo teña teito, pan, traballo, acollida, atención en todo. Oremos.
  • Que saibamos mirar pola familia concreta de cada un, de cada unha de nós coma un espazo no que Deus se nos fai presente e nos incita cada día ao amor, ao servizo e ao agradecemento. Oremos.
Non máis nenos na guerra
(Foto: Colprensa/VANGUARDIA LIBERAL)

Pregaria:

Oio no meu corazón, Deus,
a túa voz de Nai solícita
que me encomenda:
mira polos meus fillos e fillas,
os Santos Inocentes de onte e de hoxe,
non pases de largo ao seu lado,
detente, escóitaos, míraos, aténdeos, sírveos.

Os nenos e nenas da guerra,
que aprenden a matar coma un xogo
desfacéndose nas mans de quen busca o poder con toda violencia.

As nenas e nenos do sexo infantil,
corpos e almas abertas á frescura da vida,
saboreadas indecentemente por adultos pervertidos.

As nenas e nenos que escasamente comen
en fogares escasamente asistidos
por pais e nais que escasamente teñen teito, traballo e pan.

Os velliños e velliñas que, nun exceso de amor e de confianza,
expuxeron o seu para atender o de outros
e se ven forzadas a abandonar o seu fogar entre choros e rabias.

A xente traballadora normal,
enganada, esquilmada, roubada pola banca,
ante a ollada compracente de quen, podendo, non fai nada por evitalo.

Os traballadores e traballadoras despedidas
ou rebaixadas nos seus dereitos e salarios
para manter a competencia e os beneficios dos máis poderosos.

Os mártires anónimos, homes e mulleres, de todas as guerras,
que se están multiplicando polo mundo adiante,
coma consecuencia do xogo de poderes e rendibilidades
entre os que manexan ou queren manexar o mundo.

Os mártires de calquera credo ou relixión,
homes e mulleres, vítimas de intolerancias e resentimentos,
vítimas dun deus vivido coma cacique terreo.
Anciáns desafiuzados (Marisol Ayala)

En fin,
os Santos Inocentes da túa aldea, vila ou cidade,
esas persoas menores aos vosos ollos,
que por pobrezas, miserias e abandonos de todo tipo
ocupan os últimos postos sempre
e viven resignadas ou amargadas ou felices, se cadra,
a súa condición de últimas.

Mira, mira, polos meus fillos e fillas,
os Santos Inocentes de onte e de hoxe.


Signo:

  • A representación dun Belén.
  • Rostros de velliño, velliña e neno.
  • Rostros diferentes que representen os Santos Inocentes citados na pregaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.