domingo, 14 de decembro de 2014

Celebración do Advento


CELEBRACIÓN DO ADVENTO

Por Manuel Regal Ledo

Sentido e forma da celebración:

Imos facer unha celebración do Advento. Unha celebración que nos dispoña cara ao Nadal, unha celebración que nos faga servidores e receptores dos dons do Nadal, das grazas do Nadal.

Ímolo facer dunha forma sinxela, en catro tempos e unha conclusión. En cada tempo iremos presentando e colocando unha das catro figuras que tradicionalmente compoñen o Belén: burro, vaca, Xosé, María. Cada un destes momentos vai acompañado dunha canción, da lectura dalgún texto, dun tempo de silencio, dalgunha comunicación por parte da xente. Todo moi sinxelo, invitando á interiorización, á vida.

Faise o ensaio das cancións, ao tempo que se vai presentado o sentido e forma da celebración. Na mesa ou altar está situado o berce baleiro. Nalgún lugar apropiado estarán as persoas que se achegarán en diferentes momentos para colocar ao redor do berce as figuras que han levar.
Invítase a un momentiño de silencio, para que tomemos conciencia do que imos celebrar, e nos dispoñamos a facelo con espírito sinxelo, buscador, implicándonos por dentro e por fóra, coa palabra e co corazón, coa vida toda.

Canto de entrada

PREPAREMOS OS CAMIÑOS
ESTÁ PRETO O SALVADOR
E VAIAMOS CAMIÑANDO
AO ENCONTRO DO SEÑOR (bis)

Monitor

Imos ao encontro do Señor. Pero o noso Señor adiántase; é el o que vén primeiro ao noso encontro. De moitas maneiras. A cada persoa, a cada un de nós, a cada unha de nós sairanos ao encontro sabe Deus con que formas concretas nestes días, neste Nadal. Imos contemplar algunhas, por se acaso nelas se asoma á nosa vida regalándonos, invitándonos, provocándonos.


1.- Tempo primeiro: o burro/a do Belén

Entrada co burriño
Entra unha persoa portando o burriño, antes de poñelo nun lado do berce, está de pé con el nas mans de cara ao público. Mentres un lector le o seguinte.

Eu son o burriño dos Beléns. Unha figura apartada, secundaria. Case non sei por que estou aí. Disque dando calor, e contribuíndo a que a escena ula a corte, a traballo, a pobreza. Teño o corpo desfeito polos traballos. A miña fala son orneos desagradables, xa o sei; por iso prefiro estar calado. Disque estou case en extinción.

Represento no Belén a todos os seres humanos e non humanos que non teñen voz, que viven case sen vivir, que están condenados a seren seres de segunda, de terceira ou de cuarta división. Represento a natureza abusada, espoliada. Represento as especies en extinción. Represento os animais maltratados, postos ao servizo dos caprichos e praceres dos seres humanos. Represento tamén a moitos seres humanos, que son tratados, maltratados, como burros: por exemplo os velliños e velliñas que polos desafiuzamentos se quedan sen casa, sen voz, sen vida. Represento a xente oprimida, reprimida, deprimida, da que coñeceredes moitos exemplares. Pero estou aquí, se me deixades. Deus quéreme aquí. Incluso me ten dito que son imprescindible aquí. Vós veredes.
Silencio. Invitación a que quen queira vaia dicindo nomes e situacións reais que poden estar representadas pola figura do burro de Belén. Neste momento colócase o burriño onda o berce.

Lectura de Mt 18, 10

“Coidadiño con desprezar a un destes cativos! Asegúrovos que os seus anxos no ceo están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.”
De novo silencio breve, antes de cantar

Cantiga

CAMIÑANDO POLA VIDA
CO CALOR DUNHA CANTIGA
CAMIÑANDO ATOPAREMOS O AMOR.
CAMIÑANDO TODOS XUNTOS
NAS LEDICIAS E NAS DORES
CAMIÑANDO ATOPAREMOS O SEÑOR.


2.- Tempo segundo: a vaca do Belén

Entrada da vaca
Coma no caso anterior, alguén se achega traendo nas mans a vaca do Belén. Ponse diante da xente sostendo a vaquiña, mentres unha lectora le o seguinte:
Eu son a vaca dos Beléns. Son compañeira do burriño, pero non son tan desprezada coma el. Gústolle á xente. Os produtos lácteos e as carnes de tenreira galega son moi valoradas. Pero téñovos que dicir que non me sinto feliz. Gustaríame andar libre polos prados, pacer herbas, aparellarme cun boi e ver medrar as crías ao meu carón. Son sumamente coidada, pero sumamente explotada tamén.

Represento o mundo rural galego, tan fermoso, tan maltratado, tan esquecido. Represento a xente dedicada á produción de leite, que está cobrando o leite a prezos que non nos garanten o traballo, a vida. Non sei que futuro teremos. Represento, moi ao meu pesar, esa maneira mercantilista de tratar a natureza, de producir, de comercializar, que explota os animais, que destrúe a natureza, con afán de ter e ter sen medida.

Pero tamén represento, e con moito gusto, a quen loita polo modo tradicional de producir (que queren vender coma un invento moderno, mira ti!), respectuoso cos animais, respectuoso coa terra, coas sementes, na procura de alimentos sans para todos. Represento a quen loita pola soberanía alimentaria: cada pobo capaz de producir o que lle fai falla para se manter ben.

Estou aquí porque mo pediu Deus, que é un Deus de vida: de pan, de teito, de traballo, de fogar, de convivencia.
Silencio. Invitación a que quen queira lle poña nomes a esta vaca e ás realidades que representa. Neste momento colócase a vaca ao pé do burro a carón do berce.

Lectura de Lc 13, 10-17

“Un sábado estaba Xesús ensinando nunha das sinagogas. Había alí unha muller eivada por causa dun espírito: había dezaoito anos que estaba dobrada sen se poder endereitar. Xesús, ao vela, chamouna e díxolle:
--Muller, quedas ceiba da túa enfermidade.
E impúxolle as mans. Ela ficou curada no momento e empezou a loar a Deus.”
De novo silencio, antes de cantar
Cantiga

HEICHE CANTAR, SEÑOR,
PORQUE ME LIBRACHES.


3.- Tempo terceiro: Xosé, o home de María

Entrada de Xosé
Unha persoa trae a figura de Xosé e ponse con ela nas mans diante da xente. Un lector le o texto seguinte.
Eu son Xosé, o home de María. Coñecémonos desde nenos, namoramos e casamos hai pouco tempo. Querémonos moito. Sempre quixemos estar á espreita de Deus. Eu son calado, María é máis barulleira. Deus é un misterio que me envolve, que me revolve, que me desconcerta ás veces, que me pacifica tamén, aínda nos momentos máis severos. Fun aprendendo a ter fe en Deus, a confiar, a confiarlle a miña vida e a da miña muller, e a do fillo ou filla que nos vai vir. Poida que teña cara de preocupación, pero estou fondamente contento. Deus é así.

Represento a xente traballadora, anónima, de poucos recursos, que, sen embargo, son o sustento das parroquias, vilas e cidades, o sustento do país. Represento as persoas que buscan andar en fidelidade a Deus, ás persoas, á vida. Represento as persoas que saben calar, escoitar, acoller, discernir, implicarse nos planes de Deus. Represento os homes que respectan e agradecen a autonomía e o don propio da muller. Non sei vivir sen María, quérolle moito, pero respecto e admiro a fondo o misterio de Deus que nela se fai presente, como tamén se fai presente en cada un, cada unha de nós.

Estou aquí, porque teño que estar, porque é o meu sitio. E estou moi a gusto.
Colócase a figura onda as demais. Silencio. Invitación a acoller a figura e a mensaxe de Xosé. Se queremos facernos eco del, podémolo facer brevemente.

Lectura de Mt 1, 18-21.24-25

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
--Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo a súa prometida; e sen que a tocase, ela deu a luz un fillo. E el púxolle de nome Xesús.
De novo silencio antes de cantar.
Cantiga

QUERO ESTAR AO TEU LADO, SEÑOR (3)


4.- Tempo cuarto: María

Entrada de María
Unha persoa trae a figura de María, sostena nas mans diante da xente. Unha lectora le o seguinte.
Eu son María, María de Nazaret, da que tanto se ten dito e falado, con acerto e sen el. Como vedes, son muller labrega, sen títulos. Afeita, coma a xente pobre, a traballar desde nena, afeita a coidar as cousas, os animais, as persoas. Afeita a apreciar e a amar. Afeita a poñer a miña vida ao amparo de Deus. Quérolle moito, confío moito nel, nunca lle pechei o corazón nin a vida a ningunha das súas suxestións.

Casei, como sabedes. Namoreime de Xosé e casamos. Querémonos moito. Imos ter un fillo. Pero isto é un misterio que nin xuntos nin por separado damos aclarado. Pero confiamos. Sabemos que o Espírito de Deus nunca nos abandonará. Que el faga o que teña que facer.

Represento a quen confía en Deus ata o extremo. Represento as mulleres embarazadas, e as que non o están. Represento as fontes da vida. Represento as mulleres ignoradas, criticadas, ridiculizadas, abusadas, violadas, matadas. Represento as mulleres que dan a luz, e tamén ás que recean facelo. Represento as prostitutas, represento as mulleres casadas e tamén as célibes. Represento a quen se rebela contra calquera marxinación, por razón de pobreza, de sexo, de procedencia.

Estou aquí porque mo pediu Deus, quíxome facer –mira para aí, quen son eu!—a peza principal de todo isto. Eu, unha muller, unha muller pobre! Unha muller, as mulleres, no medio e medio do misterio da vida, do misterio de Deus, como ten que ser; ben ao lado de Xosé. Aquí estou. Aquí estamos.
Silencio. Colócase a figura onda as demais. Acollemos a persoa e o misterio de Deus en María. Se queremos, facémonos eco de todo isto dalgunha maneira sinxela, curta.
Lectura de Lc 1, 35-38

O anxo díxolle a María:
--O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
María contestou:
--Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches.
E o anxo marcho de onda ela.
Silencio de novo antes de cantar

Cantiga

MARÍA, A NOSA TERRA QUERE UNHA MAN
PRA ERGUERSE DUN ASOBALLO DE MOITOS ANOS;
MARÍA, SE OS POBRES DE HOXE NOS LIBERAMOS,
MARÍA, QUE MÁIS QUEREMOS QUE O TEU CANTAR.

AVE MARIA, BEN AGRACIADA,
SEMPRE O SEÑOR CONTIGO ESTARÁ.
BENIA A TI ENTRE AS MULLERES,
BENIA O FROITO DO TEU VENTRE.



Con todas as figuras xa no seu sitio, co Belén composto, invitamos ao silencio, á adoración, a deixarse afectar polo que cada unha das figuras nos foi dicindo de si mesma, pola Palabra mesma de Deus que fomos lendo.Podemos ir completando esta figuración do Belén co que cada un, cada unha de nós poñeríamos alí de boa gana. Podémolo ir dicindo. Invítase á xente a que o faga. De cando en vez cantamos a cantiga


AI, CANTO AMOR,
AI CANTO AMOR,
NUNHAS POBRES PALLAS
NACEU O SEÑOR.

E remátase todo invitando a darse un abrazo de felicitación do Nadal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.