martes, 27 de xaneiro de 2015

1 de febreiro: Domingo 4 do tempo ordinario (B)


Evanxeo: Mc 1,21-28


Comentario:

O Evanxeo que hoxe lemos narra o comezo dunha xornada de traballo de Xesús dentro desa súa tarefa de anunciar o Reino e loitar pola dignificación da vida dos seus concidadáns. Resulta ben interesante seguirlle os pasos a Xesús, pero non como observador desde fóra, senón como admirador e acompañante desde dentro. A isto estamos invitados todos, todas.

Xesús, home relixiosamente cumpridor, como era normal no seu tempo, acude á sinagoga para compartir cos seus veciños e veciñas a súa fe en Deus, orar e alimentar a súa esperanza nas promesas de Deus. Aproveita o momento para ensinar na sinagoga, non sabemos qué, supoñemos que cousas que tiñan que ver co anuncio do que falamos o domingo pasado: Deus está á porta co seu plan de vida para a xente toda, sobre todo para a máis débil e marxinal, crédeo e apuntádevos ao don e á tarefa. Sabemos de certo que falaba con autoridade, esa autoridade que non nace do poder, senón que aparece cando unha persoa fala con convencemento, desde a experiencia, comprometendo a súa vida toda en cada palabra que ía dicindo, falando e actuando de acordo co que falaba. Que bendición é atopar con persoas así na vida; seguro que temos algunha experiencia diso! Que fermosa e necesaria é a palabra, cando leva consigo autenticidade e firmeza! Como está sendo a nosa palabra de crentes nos medios nos que vivimos? Falamos desde a experiencia, desde o convencemento, desenvolvendo a vida en conformidade co que dicimos, co que cremos?

A parte de falar sobre o Reinado de Deus que traería bendición e liberdade para a xente toda que de tales cousas precisaba, Xesús tamén actúa nesa liña, e por iso se compromete coa saúde total, corporal, psíquica, espiritual, da xente que o rodea. Foi esta unha aposta das principais de Xesús, a que máis veces aparece nos evanxeos. No Evanxeo de hoxe vemos un caso concreto desta batalla permanente de Xesús contra todo o que diminuía o benestar, a liberdade, a paz da xente. Máis aló de que creamos ou non creamos en demos, o que ninguén dubidará é que hai espíritos malos, forzas de mal que nos poden coller e levar por camiños de desventura, de illamento, de tristura, de inxustiza, de maledicencia, ..., desfacéndonos a nós mesmos e converténdonos en persoas que contribúen á desgraza doutras persoas. Podemos pensar que espíritos malos nos están tentando ou arrastrando neste momento da nosa sociedade. Coa crise quedaron en evidencia moitos malos espíritos de dominio, de desigualdade, de desprezo polos máis pequenos, ... Que facemos con eles?

O Evanxeo dinos que Xesús é forte, más forte que todos eses espíritos de mal que tamén andan roldando pola nosa persoa, pola nosa comunidade, pola nosa aldea, pola nosa sociedade. En Xesús temos unha forza nova que nos fai potentes para combater os espíritos que queren apagar a vida das persoas, e arruinar unha convivencia fraterna. Estámonos deixando coller e protexer pola forza de Xesús nas nosas comunidades cristiás? Damos testemuño a xente cristiá deste poderío de Deus contra os malos espíritos? Somos recoñecidos coma xente loitadora que por onde andamos nos apuntamos sempre a todo o que traia unión, organización, preocupación polo comunitario, alegría e festexo popular, saúde, paz? Somos xente animadora, que tiramos sempre para adiante, ou preferimos queixarnos de todo sen mover nada para que as cousas cambien para ben? Participamos activamente, con empeño e ética cristiá, nos sindicatos, nos partidos políticos, nas asociacións?

A xente admiraba a Xesús polo que dicía e facía. Nós participamos tamén desa admiración. Ademais, no que sabemos e podemos, querémonos apuntar con Xesús a esa experiencia humilde e magnífica de usar a palabra e os feitos para contribuír a que a xente sexa máis feliz, goce vivindo e convivindo en comunidade, e loe a Deus coa súa vida de cada día. El seguro que está tolo de contento de nos poder recibir no seu grupo.


Preces:

BENDITO ES TI, XESÚS, O SANTO DE DEUS!
  • Que escoitemos ben e obedezamos a túa palabra, a que cada día pronuncias para nós desde o que na vida nos vai pasando. Oremos.
  • Que poñamos coma ti a nosa palabra e os nosos feitos ao servizo de quen precise de nós para ter vida sa, digna e feliz. Oremos.
  • Que loitemos duro contra o mal espírito de abatemento e de desesperanza que nestes tempos difíciles nos pode derrotar. Oremos.
  • Que nos sumemos a todo o que se faga entre nós para mellorar a vida da xente máis débil da sociedade. Oremos.
  • Que nos deixemos agrazar pola santidade e pola forza coa que Deus nos quere fortalecer. Oremos.


Pregaria:

Quen dixo que non,
que non hai nada que facer,
que todo está pechado e sentenciado,
que a sorte da xente débil está botada;
que os ricos serán máis ricos cada día
e máis pobres os pobres nas súas casas;
que Deus acouga plácido e tranquilo
arrolado entre cantigas e loanzas?

Quen dixo que non,
que non hai palabras doces e fortes,
para poder alentar a quen naufraga;
para defender o pan da xente pobre
e termar de quen perde as esperanzas;
para levar o sosego e a quentura
e devolverlle o sorriso a toda cara;
palabras doces e fortes, palabras
que acompañen na loita e máis na calma?

Quen dixo que non,
que non podemos alongar a man,
a quen camiña coas forzas esgotadas;
ou aliviar a pobreza dos máis pobres
coas nosas carteiras solidarias;
ou xuntar mans e corazóns, ideas
para que da sociedade non se vaian
pola porta de atrás, ás agachadas,
os dereitos conquistados entre bágoas?

Quen dixo que non,
xustamente nestas horas,
nas que o sistema amosa as súas entrañas
e convértense en mentiras ilusorias
as súas promesas de mañá comunitaria,
e fan falla coma nunca voces novas
con feitos de xustiza conxugadas,
que anuncien dunha vez que chega a hora,
o amencer da humanidade humanizada.

Non dixo máis Xesús na sinagoga,
e, despois de pronunciar estas palabras,
comprometeuse coa saúde daquel home
que sufría coa súa vida maltratada.


Signo:
  • Unha persoa falando, arengando, motivando.
  • Alguén dándolle a man a outra persoa para sostelo ou alivialo.
  • Algunha manifestación de xente que defende os seus dereitos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.