martes, 13 de xaneiro de 2015

18 de xaneiro: Domingo 2 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Xn 1,35-42


Comentario:

O relato, ao contar os primeiros momentos da tarefa liberadora de Xesús, preséntao coma Año de Deus, Mestre, Mesías, títulos de verdadeiro calado humano e espiritual, aos que probablemente chegaron os primeiros grupos de cristiáns e cristiás despois de tempo de convivencia con Xesús, de experimentar ao seu carón o vigor da súa existencia totalmente aberta a Deus e totalmente entregado polo ben da xente, especialmente da xente máis deixada ao lado no seu tempo. Invítasenos, loxicamente, a facer un recorrido persoal e comunitario ao seu lado, que nos leve cordialmente, vitalmente, ás mesmas ou semellantes conclusións.

Polo demais, este pedaciño de Evanxeo preséntanos un proceso exemplar de adhesión a Xesús e á súa causa. Alguén fala del; córrese a voz da súa presenza, vaise sabendo dos seus proxectos: o que empeza a vivir e a facer, despois dunha tempada tan intensa pasada ao pé do Bautista, como aprendiz, desenvolvendo conviccións, maneiras de sentir a Deus e de situarse ante a densidade da vida. Quizabes alguén de entre nós se sente coa tarefa de falar del, contar as súas cousas, as súas paixóns, os seus soños, os seus ofrecementos.

Hai persoas que se achegan, que buscan, que o buscan. Un lema forte da súa vida é preguntarse: onde paras? Non é unha pregunta teórica, que deba recibir unha resposta teórica. É unha pregunta por unha experiencia compartida: onde paras, para poder pasar tempos contigo, para coñecer, para aprender, para amar, para compartir. Desde logo o evanxeo de hoxe invítanos a asumir esta actitude vital.

A resposta de Xesús vai polo mesmo camiño: Vide e veredes. Invítaos a tempos de xuntanza ao seu lado. Foron, viron, quedaron con el aquela tarde-noite ditosa, nunha compaña que os marcou para sempre. Estaría ben que nos preguntásemos onde poderán estar hoxe os sitios nos que Xesús para, nos que el nos invita a entrar, ver, compartir, aprender... Sabemos da teima que Xesús tiña por estar alí onde a xente sofre con calquera clase de sufrimento, onde a xente loita por liberarse e dignificar a súa vida, onde a xente verte e recibe perdóns e solidariedades, comparte palabras, ánimos e cartos; alí onde a xente festexa agradecidamente estas pequenas victorias da vida, á espera dunha victoria total da fraternidade en Deus. Cada quen pode saber moi ben en que lugares e tempos concretos pode ir e estar con este Xesús, para nutrir a súa vida, a súa esperanza.

Os homes e mulleres que daquela pasaron unhas horas con Xesús saen e cóntano, vano falando, pouco a pouco, en rede como dicimos agora; a noticia feliz de Xesús vaise estendendo, vanse multiplicando as adhesións, vai habendo xente que vén, comparte vida, experimenta, anímase, asume tarefas e responsabilidades. Pouco a pouco, baixo a guía e forza do Espírito, na compaña cálida de Xesús, algo novo nace e se ofrece. Seguro que cada un, cada unha de nós teriamos moito que contar sobre desta rolada de adhesións á que nun momento determinado da nosa vida nos unimos. E quen considere sentirse xa collido por Xesús e pola súa causa queda igualmente invitado/a a unha maior intensidade e frecuencia. O de Xesús non ten remate.

Xesús non é algo inútil para os tempos críticos que vivimos. Celebrar a adhesión á súa persoa, á súa causa, non é desentenderse de todo o que nos está vindo enriba, de todo o que lles está vindo enriba á xente máis débil da sociedade. O proxecto de Xesús si que pon no centro aos máis débiles; se non, non é o proxecto de Xesús.


Preces:

ONDE PARAS, XESÚS? QUEREMOS ESTAR CONTIGO
  • Que teñamos coma ti, Xesús, espírito buscador, e te busquemos e atopemos nas casas e nas vidas da xente máis débil. Oremos.
  • Que poidamos gozar da túa amizade, ser empuxados/as polo teu Espírito, atraídos/as pola túa causa, e nos convertamos en xente fiel e loitadora ao teu lado. Oremos.
  • Que nas nosas comunidades cristiás, na nosa Igrexa, sexamos capaces de crear espazos de vida e de convivencia, onde se contaxie a túa frescura, a túa vitalidade, a túa maneira nova de vivir e de convivir. Oremos.
  • Que os nosos veciños/as que o están pasando mal sintan o apoio da comunidade cristiá, e poidan chegar a ter pan e paz nas súas vidas aflixidas. Oremos.
  • Que os pobos pobres do mundo se poidan defender de quen os explota e esquilma, que a fe cristiá os fortaleza na busca e defensa da súa dignidade humana máis completa. Oremos.


Pregaria:

Porque ti es, meu Deus,
quen nos colmas da túa presenza,
quen nos ofreces teimudamente a túa amizade íntima
--ti es en nós, e nós somos en ti, a fondo, para sempre--,
desexo ardentemente as túas apertas fondas,
que perdoan ata as derradeiras torpezas,
que renovan as vidas máis murchadas,
que fan saltar de ledicia a quen anda canso/a e apagado/a.

Porque ti es, meu Xesús, o Cristo,
quen nos ofreces diariamente o pan da vida e da comuñón,
en casa e mesa provocadora de fraternidade simple e radical;
porque ti es quen camiñas a diario ao noso carón,
nas nosas vidas vulgares feitas de lama e de milagres,
sen romper de todo a cana crebada
nin apagar a torcida que esmorece,
suspiro pola hora de verte e estar contigo,
contigo e coa túa xente,
para aprender camiños de comunidade na paz e no servizo.

Porque es ti, Espírito bo e santo de Deus,
quen nos fas alentar e amar,
quen sostés as miúdas ilusións de cada día
relanzándoas ata o corazón mesmo de Deus,
madrugo cada mañá co afán medrado
de sentirte moito onda min en toda hora:
cando ando nos traballos toda apurada,
cando como coa familia ou coas amigas,
cando falo, canto ou río con quen amo,
cando me uno a quen se une para a vida,
e loito e sufro e soño e choro e durmo o meu cansazo.

Porque es ti, comunidade, o berce dos meus gozos,
e me sostés nas túas mans de nai sempre afanadas,
ora suaves, ora duras, degretadas,
por iso busco e peto á túa porta,
para vivirte a fondo, canto poida,
na forma da familia escollida e regalada,
ou do grupo cristián que me acolle e me constrúe;
para vivirte a fondo, comunidade,
cando coa xente como e bailo polas festas,
cando agradezo a quen morreu no seu velorio,
cando protesto con quen protesta
por tanta man inxusta que anda pola terra,
e vou aos plenos do Concello,
falando sempre do que conta quen non conta,
sabéndome feliz no grupo dos que perden,
do grupo dos que soñan ser posible o que é imposible.

Porque somos no Pai, en Xesús, no Espírito
casa, fogar, conversa, unión, comunidade,
gozo de ser e de vivir fraternalmente,
onde paras, Xesús, que quero ir,
onde vive e loita e repousa a túa xente?


Signo:
  • Unha mesa redonda, con comida e bebida, con xente ao redor: a comunidade de vida á que Xesús nos invita.
  • Un lume, un fogar, xente a carón: os espazos de solaz que nos constrúen.
  • Uns amigos, amigas, parolando: que así fixo Xesús con quen amaba, con quen o amaba (tamén con quen non o amaba)




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.