20 xaneiro, 2015

25 de xaneiro: Domingo 3 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 1,14-20


Comentario:

O prendemento de Xoán Bautista, con quen Xesús mantiña unha sólida relación de afecto e de misión, marca o momento, ao que parece, da posta en marcha do proxecto de Xesús. Volve a Galilea, a súa terra, e volve convencido dalgunhas cousas básicas que quere compartir cos seus veciños e veciñas.

O anuncio que empeza a facer Xesús resúmese na palabra "Evanxeo", é dicir, "Boa Nova". Evanxeo de Deus, Boa Nova de Deus. Pero esta Boa Nova de Deus non é algo arbitrario, desconectado do que a xente a quen Xesús lle fala está vivindo e padecendo. Esta Boa Nova de Deus anúnciaa Xesús nunha terra que coñece perfectamente, a unha xente oprimida, deprimida e derreada, á que lle custaba manter en pé día a día o lapexar da esperanza. Con esa xente se compromete solicitamente Deus --iso anuncia Xesús--, e ao lado desa xente quere estar coma Boa Nova, coma resposta ás expectativas fondas que aínda abrigaba no seu corazón. Xesús préstase a facer evidente esa solicitude de Deus.

Xesús a esa Boa Nova de Deus chámalle tamén "chegada do Reino de Deus". O Reino de Deus é un plan de vida persoal e social no que a xente poida vivir unha vida integrada, humana a fondo, sen sufrir abusos e sen causalos, en honradez fonda, en loita contra as forzas de mal que intentan roubarnos a paz e a alegría de vivir. Era, por fin, o tempo e a oportunidade de poder estrear estes soños. Este soño eterno de Deus para todos e cada un de nós, homes e mulleres de onte e de hoxe.

Xesús non é inxenuo. Ben sabe que o que impide a realización deste soño non está soamente nos grandes poderes, de onte e de hoxe, que están por riba de nós. Está tamén no noso mesmo corazón, que padece as consecuencias dunha realidade social desamañada, pero ao mesmo tempo, misteriosamente, aposta polos mesmos males que lle están amargando a vida. Poderiamos poñer mil exemplos da nosa experiencia de cada día para entender que isto é así: queixámonos da violencia, e exercémola diariamente nos espazos curtos nos que nos movemos; queixámonos do afán acaparador dos banqueiros, pero, se podemos, apuntámonos con facilidade a calquera recurso que permita aumentar os nosos ingresos; protestamos de que as cousas da economía van mal, pero igual votamos a quen máis defende modelos económicos fondamente insolidarios. Por iso Xesús acompaña a súa oferta de Boa Nova cunha chamada urxente a converterse, é dicir, a modificar modos de pensar e de actuar que contribúen a amargarnos a vida. Os soños de Deus para nós contan coa nosa implicación imprescindible. Deus confírmanos na aposta radical: isto é posible, xa.

Por iso o anuncio de Xesús conclúe con estas palabras: "crede na Boa Nova", é dicir, crede que isto é posible, que as forzas de mal, persoais e colectivas, sociais e políticas, que poden imposibilitar a realización dos soños de Deus e dos soños da xente conxuntamente non son invencibles. E crelo desde a aposta diaria por pequenas batallas, por pequenas victorias nas que se realice e anticipe xa esa expectativa última da vida humanizada e fraterna, en Deus, que Xesús levaba no seu corazón e anunciaba coa súa palabra.

O Evanxeo de hoxe, na súa segunda parte, fala de como Xesús, desde o primeiro momento, busca xente que se asocie á súa idea, á súa tarefa; xente coa que iniciar xa esa experiencia nova de relación, de convivencia, baixo a luz de Deus. A algunha xente a persoa de Xesús e a súa proposta de vida e de loita pareceulle tan estupenda, que non recearon en deixalo todo para apuntarse á aventura de Xesús, con el.

O Evanxeo de hoxe ten unha actualidade absoluta. Moita xente da nosa sociedade está experimentando a fraqueza de vivir, cousa que ata hai poucos anos nin nos imaxinabamos. Mesmo nos pode valer para comprender a realidade doutros pobos e persoas que de sempre viviron en crise. Coma nunca pode ter sentido e actualidade a persoa e a proposta de Xesús. Coma nunca é do caso propoñernos apuntarnos ao de Xesús, a soñar, a realizar diariamente os soños levados da súa man humilde, sabia e profética.


Preces:

VINDE COMIGO A GAÑAR XENTE PARA A IRMANDADE

  • No medio da crise, con xente sen o pan de cada día, vendo como se lle reducen pouco a pouco os seus dereitos humanos, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di:
  • Coñecendo e admirando a moitas persoas crentes e non crentes que dedican o seu tempo, a súa vida, a aliviar as penas de quen sofre de calquera maneira, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di:
  • Na nosa vida de cada día, na casa, cos veciños, na xunta parroquial, na reunión do sindicato ou do grupo político, cando tentamos poñer o noso gran de area para mellorar a vida de quen nos rodea, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di:
  • Sabendo que cada un/unha de nós temos as nosas calidades boas para o servizo da comunidade, sabendo tamén que moitas veces nos tenta a comodidade e atender ás propias comenencias, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di:
  • Porque fan falla comunidades cristiás vivas, que queiran sumarse con valentía á misión de Xesús de poñer en activo a forza, a novidade de Deus entre a xente, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di:


Pregaria:

Andamos, Señor, ben o ves,
cos ánimos tirados polos chan.

Eramos xente eufórica come-mundos
cando todo nos ía de marabilla,
e viviamos coma reis
ignorando a sorte dos ignorados/as,
compartindo, se cadra, algunha sobra
por aquilo de poder durmir tranquilos/as,
ou, simplemente, de aliviar a casa de cousas que ata estorbaban.

Pero agora tocounos a nós,
e estamos desarmados/as;
os nosos familiares e amigos están no paro,
ou nós mesmos;
os nosos fillos e fillas non atopan traballo,
nin hai trazas diso;
non temos calo para o aguante,
nin rabia para a protesta,
nin ilusión para os soños.
Só espera, a amarga espera,
de que alguén veña do ceo ou da terra
e nos solucione as cousas,
no nome de Deus ou do demo,
no nome do mercado oprimente
ou da caridade bondadosa.
E as cousas volvan así ao seu rego,
e poidamos seguir sendo dos privilexiados/as do mundo,
así sexa apañando as faragullas do capital.

Poderemos crer nos teus soños, Señor?
Saberemos abrir os ollos,
para non tropezar sempre na mesma pedra,
virar as nosas ideas, os nosos feitos
e poñelos ao servizo dunha sociedade nova,
onde cada home, cada muller,
todo home, toda muller,
poida pronunciar orgullosamente o seu nome
e orgullosamente tamén o nome de calquera ser humano
de preto ou de lonxe?

Ti, Señor, o berce de todos os soños!
A comunidade cristiá, Señor,
a terra fértil onde prendan e fructifiquen os teus soños!
Señor, Señor,
ben o ves, Señor,
ben me ves, Señor!


Signo:
  • Un rostro humano derreado, triste, desanimado; ao seu carón un rostro humano animado, alegre, esperanzado. Entre eses rostros as palabras de Xesús: VIDE COMIGO, FAREIVOS ANIMADORES/AS DA XENTE.
  • O mesmo, pero no canto dun rostro humano poñer un grupo humano.
  • A imaxe do papa Francisco acariñando á rapaciña que se botou a chorar na súa comunicación diante del.
  • A páxina dun xornal onde se fale dos efectos da crise dos países do primeiro mundo, pero ao lado outra páxina que fale tamén da crise máis permanente de países do terceiro mundo. Entre esas páxinas esta acomodación das palabras de Xesús: VIDE COMIGO, FAREIVOS CONSTRUTORES DUNHA NOVA HUMANIDADE.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.