02 xaneiro, 2015

4 de xaneiro: Domingo 2 despois do Nadal



Evanxeo: Xn 1, 1-18 ou máis breve: Xn 1, 1-5. 9-14


Comentario:

Normalmente ao redor do Nadal armamos moito rebumbio. Arma rebumbio a sociedade de consumo incitándonos ao gasto de todo tipo, rodeándonos de luces, músicas, desexándonos regalos, cantándonos felicidades. Tamén dentro das mesmas comunidades cristiás abonda o rebumbio nestas datas: panxoliñas, Beléns, felicitacións, versos, obriñas de teatro, festiñas e encontros especiais. Moitas cousas destas están moi ben; necesitamos eses empuxóns que nos manteñan na alegría, na esperanza. Pero tamén pode ser que todo quede en nada, porque pasamos por riba das cousas, por riba do “misterio” do Nadal, sen apenas asomarnos con algo de calma á ventá desde a que contemplar, admirar e agradecer o que nel se nos mostra, se nos regala.

Hai cando menos tres lugares desde os que entrar con pé firme no “misterio” do Nadal. Un é o cadro do nacemento de Xesús que nos ofrece o evanxelista Lucas; as lecturas destes días pasados fóronnolo describindo e os diferentes Beléns represéntannolo con máis ou menos graza e fermosura. Todo xira ao redor dun pai e dunha nai que se esforzan por andar en fidelidade a Deus en todo; todo xira ao redor dun neno que nace en pobreza e debilidade, do que a fe nos afirma que é a carne viva de Deus; todo xira, polo tanto, ao redor dun Deus que, por ser tal, por ser doído ata o máximo de todo home e muller, se vincula desde sempre ca xente máis débil; todo xira ao redor de persoas do pobo, humildes, humilladas, que acollen esta esperanza de Deus e persoas do poder que a discuten e intentan neutralizala. E nós aí no medio. Contemplando a escena vital, sendo invitados, invitadas, a entrar nela en corpo e alma, para que o “misterio” do Nadal se cumpra graciosamente en nós tamén.

Outra ventá desde a que asomarnos para entrar no “misterio” do Nadal é este texto do evanxeo de Xoán, un texto algo complicado e de non doada comprensión, pero que, en resume, nos di cousas moi próximas ás anunciadas no cadro anterior do evanxeo de Lucas. Dinos que Deus, o noso Deus, non é un Deus mudo, calado, illado, distante, indiferente ante a sorte dos seres humanos, os homes e mulleres que houbo, que hai e que haberá no mundo. Non, o noso Deus é un Deus que ten por costume e natureza saír de si mesmo, falar, entrar en comunicación connosco, aventurarse nunha relación amante e servidora; o noso Deus é un Deus de palabra, fala e cumpre. E como testemuña aí está o seu fillo, aí está Xesús de Nazaret, palabra de Deus que nolo conta, que nos fala do apaixonamento de Deus por cada un, cada unha de nós, por ti, por min. Deus quere envolvernos nesta súa roda de relacións amorosas, coidadoras, servidoras; iso é o del, e iso é o noso, porque nós estamos feitos a imaxe e feitura de Deus. Podemos deixarnos cativar por esta proposta gratuíta de Deus ou podemos deixala a un lado, desprezala, rirnos dela; é algo que xa o evanxelista comprobaba e é algo que tamén hoxe segue a pasar. Deus é persistente, non cansa de achegarse á nosa porta coa súa proposta, porque cre nela, porque entende que é o mellor para calquera home ou muller de todos os tempos. E neste Nadal repítenos a oferta. Pecharémoslle a porta?

E a outra ventá, a terceira, desde a que podemos contemplar, admirar e agradecer o “misterio” do Nadal é a ventá da mesturanza coa xente máis débil, para deixarnos coller pola súa demanda de afecto e de servizo limpo, intelixente. O amor é o que mellor nos permite entrar no “misterio” de Deus, coñecelo por dentro, saborealo, vivilo. O amor pequeno, miúdo, cotián das relacións de amizade, familia, pequeno grupo, e o amor grande das relacións sociais, económicas, políticas. O amor convertido en forza de solidariedade eficaz coa xente máis deixada de lado, da que todos/as coñecemos rostros e nomes. É xustamente o que Deus mesmo fixo, segundo nos recorda o Nadal. Abaixouse, mesturouse coa xente máis pequena do mundo, para restituírlle a dignidade; mesturouse coa máis pecadora tamén, para garantirlle que as cousas poden cambiar e todo se pode recompoñer, por deteriorado que estea. Por iso polo Nadal todos, todas, nos sentimos convocadas, provocadas ao amor, ao compartir, ao compromiso, á participación social e política para que as cousas cambien e a salvación de Deus tome corpo e se faga historia nas nosas vidas.

Na celebración eucarística palpamos a graza e a verdade de Deus na persoa mesma de Xesús, na súa vida, morte e resurrección por nós. En cada celebración eucarística Xesús vén aos seus; tócanos a nós recibilo como merece.


Preces:

A PALABRA FÍXOSE CARNE
E PLANTOU ENTRE NÓS A SÚA TENDA

  • Para que nós tivésemos paz e forza para a vida, e a transmitísemos ás persoas que andan ao noso redor. Por iso rezamos aclamando.
  • Para que non nos sintamos nunca desamparados, e poñamos as nosas mans, o noso corazón ao servizo de calquera persoa desamparada. Por iso rezamos aclamando.
  • Para soster e amparar a vida toda da creación, da natureza, dos animais, das persoas, e invitarnos desde dentro a coidar a terra como fogar de toda a xente, especialmente da máis débil. Por iso rezamos aclamando.
  • Para darnos ánimos, alentos, e facernos a nós alento tamén para as persoas e familias máis desalentadas. Por iso rezamos aclamando.
  • Para ter amizade e convivencia connosco e aprendernos a facer e gozar a convivencia coa xente amiga e veciña. Por iso rezamos aclamando.

Pregaria:

Faise Deus para nós carne,
carne de paz farturenta.

Faise Deus bico e aperta,
faise pan, compango, mesa,
faise amizade e conversa,
faise encontro, risa, festa.

Faise Deus palabra amena,
faise Deus palabra recia,
faise indignación, protesta,
faise berro, rabia, queixa.

Faise Deus a man que aperta,
o brazo que abraza e terma,
agarimo que arrequenta
e alento que nos alenta.

Faise Deus mar, faise terra,
faise casal e facenda,
faise froitos, faise herba,
faise auga, faise rega

Faise Deus traballo, empresa,
faise loita viva, acesa,
faise xornada que pesa
e a paga que se desexa.

Faise Deus amor que apreixa,
que vincula e que libera,
faise sexo en horas ledas,
familia en gozos e penas.

Faise Deus soño, mantenza
da pobre que soña esperta,
que agarda que a luz se acenda.
Faise Deus luz, xogo e prenda.

Faise Deus para nós carne,
carne de paz farturenta.


Signo:

  • Un portal de Belén.
  • Mans apertándose en xesto de axuda e amizade.
  • Imaxes de realidades normais das nosas vidas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.