12 febreiro, 2015

15 de febreiro: Domingo 6 do tempo ordinario (B)



Evanxeo: Mc 1, 40-45

Comentario:

Este relato pecha esa xornada completa de Xesús, que o evanxeo de Marcos sitúa case ao comezo do seu escrito, para ofrecernos o contido e as formas de actuación de Xesús na súa tarefa evanxelizadora.

O cadro que describe ten unha intensidade especial, pois Xesús co seu poder de ben e de rehabilitación, persoal e social, sitúase ante a circunstancia extrema dun cidadán daquela época: un leproso. Por ser tal, era unha persoa que soportaba as dores físicas propias da súa condición, pero ademais e sobre todo, era unha persoa que padecía a exclusión social e relixiosa máis fonda: non podía vivir coa xente nas aldeas ou vilas, non podía ser tocado, un impuro que, como tal ser impuro, non podía acceder a nada que o puidese situar ao amparo de Deus e da súa tenrura. Tamén era un excluído de Deus.

E vai Xesús e tócao. Quebranta a lei que prohibía tocar a un leproso, e incorre el mesmo na mesma condición do leproso, por iso despois Xesús, como ben di o Evanxeo, tampouco podía entrar nas vilas e aldeas e, coma os leprosos, tiña que se quedar ás aforas, nos arredores apartados.. O que Xesús fai é algo realmente sorprendente: de entrada identifícase a fondo co leproso, ata se facer un con el, asumindo as consecuencias todas de tal feito. Enfróntase ás prohibicións sociais e relixiosas, rompendo o valado de exclusión que todo o mundo levantara, para protexerse, ante a existencia dun leproso. Unha vez máis Xesús actúa en liña con aquela convicción súa de que a lei, por moi sagrada que sexa, está sempre ao servizo do ser humano, e non este ao servizo da lei

No relato ten, pois, unha importancia especial o momento en que Xesús, estremecido, conmovido a fondo, estende a man e toca ao leproso. Canta importancia ten o xesto cotián de tocar, de tocar algo, de tocar a alguén con tenrura, desde a conmoción interior, transmitíndolle á persoa tocada toda a forza de apego, de solidariedade, de compromiso coa súa realidade concreta. De cantos milagres, pequenos pero importante milagres, somos capaces deste xeito no noso día a día. Seguro que todos e todas temos experiencias desta densidade do tocar con tenrura e compromiso e tamén do ser tocados coa mesma tenrura e compromiso. Xesús afonda ata o extremo esta experiencia humana liberadora.

Pero o tocar de Xesús ten por beneficiaria a unha persoa que sufría gravísima marxinación social. É inevitable que nos paremos a pensar que persoas entre nós sofren marxinación social. Se cadra eu mesmo, eu mesma? E é inevitable tamén que nos preguntemos cal é o noso tipo de relación con esas persoas marxinadas pola sociedade e mesmo polas institucións relixiosas que temos: Prostitutas, proxenetas, persoas drogodependentes, borrachas, a típica persoa rara, extravagante, con enormes dificultades de integración social, os homes e mulleres homosexuais, os homes e mulleres presidiarias ou ex-presidiarias, a xente de cor, a xente xitana, a xente do sur, ... Vémonos en relación con algunhas destas persoas? Non temos relación con elas porque as evitamos, porque para nada me aproximo a elas, ao seu mundo, aos espazos que elas habitan, porque me fago inaccesible ás súas seguras demandas? Como nos situamos ante esas persoas?

Xesús sae de si, da súa casa, anda os camiños da vida, por forza tense que atopar e atópase con xente de todo tipo, loxicamente é chamado, é requirido por esas persoas, escóitaas nas súas demandas, conmóvese a fondo ante esas e o que elas viven e solicitan, estende a man, achégase, tócaas, dálles a calor e a tenrura do seu corpo e do seu vigor interior, dáse no que sabe e no que pode, que é moito, implícase na existencia da outra persoa, como dixemos, saltándose leis e normas, e acábase convertendo nunha forza de curación, de liberdade, de reintegración persoal e social. E Deus é plenamente recoñecido e honrado neste tipo de acontecementos. A vida relixiosa acada o seu cumio cando estas cousas suceden na nosa vida.


Preces:

SE QUERES, SEÑOR, PÓDESME LIMPAR.
  • Da nosa indiferencia ante as persoas que teñen poucas calidades, que están lonxe de ser a flor da sociedade. Confiados no teu poder, oramos.
  • Da noso falar e falar, co que frecuentemente tocamos o tema da marxinación, sen dar pasos á fronte para arrimarnos á existencia de quen a padece. Confiadas no teu poder, oramos.
  • Da pretensión que moitas veces temos a xente de Igrexa de excluír do agarimo de Deus a persoas que non encaixan cos nosos valores e comportamentos. Confiados no teu poder, oramos.
  • Do noso afán tolo pola seguridade e por arredar de nós a calquera persoa que nos descoloque nas ideas, na economía, no noso uso do tempo, na organización da nosa vida. Confiadas no teu poder, oramos.
  • Da covardía de non confiar, de non poñer toda a carne no asador para axudar a curar as persoas das súas pobrezas e marxinacións. Confiados no teu poder, oramos.


Pregaria:

Señor, Señor,
que a túa querencia me reanime,
que o teu poder me cure,
que as túas entrañas conmovidas por min me reconforten,
que a túa man me toque,
que a túa tenrura me pacifique,
que a túa palabra de aposta por min me restaure,
que o meu corpo quede limpo
e o meu ánimo recuperado,
que a túa atención me gratifique,
e me faga agradecido/a,
que a túa aperta me inclúa entre os irmáns e irmás,
que a túa man me leve ao abrazo de Deus,
que o que fas comigo me converta,
que os teus ollos me ensinen a ver doutra maneira,
a verte a ti doutra maneira,
a ver a Deus doutra maneira,
a verme a min mesmo/a doutra maneira,
a ver as persoas tidas por menos doutra maneira!

Señor, Señor,
se me tocas,
só con que me toques,
o meu mundo terá outra cor,
o mundo todo terá outra cor para min.

E escoito a túa voz conmovida:
Pois quero,
claro que quero,
como non vou querer!
Pois quero,
queda limpa,
queda limpo.


Signo:
  • A foto dalgunha persoa excluída.
  • Unha man de novo, tocando a alguén.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.