luns, 16 de febreiro de 2015

22 de febreiro: Domingo 1 de Coresma (B)



Evanxeo: Mc 1, 12-15

Comentario:

Válenos de algo andar ás voltas outra vez coa Coresma? Tal como andan as cousas, coa chea de problemas que envolven a toda a xente, sobre todo á xente máis débil, ten sentido dedicarlle algún tempo a isto da Coresma? A fe, a relixión, Deus, Xesús, o Evanxeo pode significar algo para o home ou a muller que están no paro, ou que están collidos polo medo a que mañá poden perder o traballo, ou que ven como día a día as posibilidades de vivir con dignidade, aínda que sexa na pobreza, son menores? Non podemos desvencellar a Coresma de todo isto que a día de hoxe estamos vivindo. Deus, Xesús, non quere tampouco desvencellar a súa presenza de todo isto que a diario nos preocupa. Ao contrario, nisto que é a nosa vida quere acompañarnos solidariamente.

Os tempos que lle tocou a Xesús non eran máis doados do que os nosos; a xente máis débil non estaba menos desamparada do que o está hoxe entre nós; as crenzas relixiosas, aínda que as había e moi grandes, non eran menos baleiras do que poden ser hoxe as nosas. O panorama non era mellor. O futuro estaba ben pechado para a gran maioría da poboación, o sometemento era grande; os abusos, moitos. E Deus parecía que tamén calaba e consentía. Pero Xesús deulle cara ao que pasaba no seu pobo. Do que fixo e do que viviu, de como o fixo e de como o viviu, podemos aprender nós moito. Na Coresma poñémonos especialmente á espreita de Xesús e dos seus pasos. Queremos aprender del a maneira de se encarar coas dificultades da vida. Cambiando o que necesariamente debamos cambiar, Xesús pódenos valer moito, moitísimo. Diso alomenos estamos convencidos as persoas que o seguimos.

E o primeiro que nos di o Evanxeo de Marcos é que hai un Espírito, unha forza de ben que quere estar ao noso lado, como guía, como sustento, como fortalecemento. Un Espírito máis poderoso co poder dos máis poderosos deste mundo. Xesús deixouse levar sempre por ese Espírito. Fiouse del. Entregouse a El. Posiblemente non nos resulte doado deixarnos levar nós tamén por ese mesmo Espírito, pero ese podería ser o gran reto dunha boa Coresma: non lle poñer traba ningunha ao Espírito de Deus.

O Espírito daquela levou a Xesús ao deserto. A onde nos quererá levar a nós? Non o sabemos. Será cuestión de que lle deixemos a iniciativa. Quizabes ao deserto? Quizabes. Deserto quere dicir soidade, tentación, tempo de pensar, para que outros non nos pechen os ollos e nos fagan ver branco o que é mouro, e nos queiran colar por progreso e garantía o que non é máis ca esquilmo e volta aos tempos vellos; quere dicir ocasión para a romper coa instalación nas cousas materiais, no pensamento, nos ánimos, nos proxectos; deserto quere dicir tamén, por iso mesmo, pobreza e liberdade a un tempo. O Espírito que leva ao deserto e que nace do deserto é un Espírito moi fecundo.

Pero, a máis diso, o Espírito pódenos levar tamén ao encontro coa xente, a saír das nosas casas, das nosas propias vidas, a falar coa xente, a escoitala, a comprendela nos seus problemas pequenos ou grandes, a coñecer o que outra xente crente ou non crente está facendo para defender a dignidade humana na enxurrada de recortes á que nos están sometendo; a abrir os ollos cara a outros pobos que sempre andaron en crise e nós pouco por eles miramos; a animarse mutuamente, a fortalecerse mutuamente, a enrabiarse mutuamente, a consolarse mutuamente, a celebrar mutuamente as parcelas de vida e de dignidade que aínda posuímos ou que pouco a pouco imos conquistando.

Xesús, di Marcos moi secamente, vivía entre as feras, pero era servido polos anxos. É unha maneira de falar por comparanzas. Certamente Xesús estivo, como estamos nós, en tempos de loita, de dificultades, de tentción; as feras representan esas dificultades e tentacións. O Satanás tamén. Non nos enganemos, Xesús non nos priva de dificultades e malas tentacións. Pero garántenos que quen se deixe levar polo Espírito verá como o consolo de Deus o acompaña cada día. Falar de anxos é falar desa compaña certa dun Deus que nunca nos deixa da man. Por iso a loita da Coresma apunta con seguridade cara ao triunfo da Pascua.


Preces:

QUE O ESPÍRITO SANTO ILUMINE OS NOSOS PASOS
  • Para abrir os ollos e non deixarnos embobar por quen nos quere enganar con promesas fofas. Oremos.
  • Para fiarnos de Deus, de Xesús, e comprometernos no seu seguimento. Oremos.
  • Para escoitar o clamor das persoas e dos pobos que máis sofren os abusos dos poderosos e dispoñernos a axudar. Oremos.
  • Para ollar a fondo o noso corazón, a nosa vida, e limpala ben de calquera escravitude do mal. Oremos.
  • Para establecer lazos de unión e de solidariedade e facernos así fortes ante os problemas. Oremos.
  • Para amar e defender a natureza, o rural, a soberanía alimentaria de todos os pobos. Oremos.


Pregaria:

Que o Espírito, Señor,
que o teu mesmo Espírito,
me traia e me leve para onde ben queira,
e que eu non lle poña traba ningunha.

Se deserto e sequidade,
pois deserto e sequidade, Señor.
Se loita e desamparo,
pois loita e desamparo tamén.

Se é hora de romper cadeas
para unha maior liberdade,
que eu as vexa, Señor,
e fóra cadeas no teu nome,
e viva a liberdade que ti prometes!

Se son tempos de espera e resistencia,
de confusión e aínda de negrura,
que non me falte a túa luz na noite,
o teu abeiro, o teu amparo, a túa aperta.

Se son tempos de vivir con feras,
de andar coma años entre lobos,
que non nos falte no teu nome
nin a sinxeleza das pombas,
nin a astucia das serpes.

Que os teus anxos me sirvan, Señor,
que me ofrezan o teu consolo,
o consolo de irmáns e irmás,
e así me curta para a tarefa
de ser servidor/a de boas novas
ao teu lado a cada hora.

Que o deserto, Señor, me faga irmán, irmá,
que o deserto, Señor, me faga persoa de comuñón,
que o Espírito que a ti che ensinou os camiños da vida,
da loita e da festa,
me ensine a recrear hoxe os teus camiños
con alegría e firmeza,
con humildade e intelixencia.
No teu nome, Señor,
no nome dos teus fillos máis desherdados,
das túas fillas máis desherdadas que tanto queres.


Signo:
  • Unhas cadeas rotas.
  • Un deserto.
  • Unha persoa sola e ao fondo un grupo grande de xente, o pobo, o noso pobo.
  • Unha persoa en oración.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.