01 febreiro, 2015

Terceiro encontro do curso 2014-2015



Signo: Aldraba, petador. Xesús peta á túa porta anunciando boas novas, peta para invitarte a acompañalo na mesma tarefa.


Evanxeo: Mc 1, 14-20


Cantiga:

ÍA DICINDO POLOS CAMIÑOS
AMIGO SON, SON AMIGO


E despois dos meses con Xoán Bautista,
buscando o mellor de Deus para ti,
o mellor de ti para Deus e para o pobo,
volviches para Galilea, a túa terra,
cos pés dispostos para as camiñadas,
coa mente aberta ás sorpresas de Deus,
co corazón cheo dunha paixón solidaria.

E ías petando de porta en porta,
de vida en vida,
anunciando cousas boas de parte de Deus,
cousas que sabían a pan e liberdade,
que recendían a respecto e dignidade,
que confirmaban soños e esperanzas,

É o tempo de Deus, dicías sen descanso,
está preto, moi preto, a súa hora,
erguede os ánimos, respirade con alivio,
sobre todo quen levades ao lombo
o peso amargo das pobrezas inxustas,
e gustades a acedume da malicia,
a que nace en vós e vos apaga,
a que dos grandes vén e vos esmaga.

E non cansas, Xesús, segues na mesma,
Galicia é hoxe a túa Galilea,
Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra,
sen lindes, sen fronteiras,
calquera pobo é a túa terra,
e cada un, cada unha de nós, eu mesma,
razón dos teus gozos e promesas.

Coñécesme como só Deus me coñece,
no fondo dos meus gozos e fracturas,
a familia, o pobo, a comunidade,
as nosas horas brandas,as nosas horas duras,
o noso paso lento,
que lento, Deus, que lento!,
as nosas claridades e espesuras,

E aínda así, Xesús, aínda con esas,
vés e petas á miña porta,
chámasme polo nome,
o meu nome, o da miña comunidade,
o do meu grupo, o do meu pobo,
e disme: ven, fasme falta, conto contigo.

Conto contigo, disme,
como con Simón e Andrés,
como con Santiago e Xoán,
para contaxiar esperanza,
para devolver forzas e alegrías,
para limpar corazóns e olladas,
para acalar as voces de mando e señorío,
para facer irmandade diaria,
ao redor do pan de cada día
gañado en igualdade,
servido en igualdade,
comido en igualdade.

Conta comigo, Xesús, conta comigo,
no que sei, podo e vallo,
conta comigo;
no que sabemos, podemos e valemos,
conta connosco, Xesús,
conta comigo.


Preces: A quen, con Xesús, lle queremos levar a Boa Nova de Deus?








Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.