17 marzo, 2015

22 de marzo: Domingo 5 de Coresma (B)



Evanxeo: Xn 12, 20-33


Comentario:

Seguimos estando ante as primeiras comunidades cristiás que seguen afectadas pola morte de Xesús, o xusto condenado inxustamente, e intentan buscarlle un sentido a ese acontecemento. A morte inxusta de Xesús prolóngase no tempo nos miles e millóns de mortes inocentes inxustamente provocadas pola xente que detecta o poder social ou relixioso, ou por quen pensa que a violencia segue a ser camiño para resolver conflitos e inxustizas, ou por quen ve e contempla todo isto e consente e cala. Non é doado liberarse da tentación de matar, de aniquilar ou de menosprezar o contrario, o diferente; non é doado vivir de forma rotunda na non violencia, no pacifismo activo, como fixo Xesús. Non é doado entender a morte de quen é vitima da violencia persoal ou institucional. Se transiximos tranquilamente con que a diario haxa centos de miles de mortos de fame ou de enfermidades curables, non temos o Espírito de Xesús, e a violencia feita ou consentida ten espazos fondos no noso corazón, na nosa vida.

Para entender a morte de Xesús, as primeiras comunidades cristiás remitíronse sempre a determinadas palabras de Xesús, que recollen tanto os tres evanxeos sinópticos (Mateu, Marcos e Lucas) coma Xoán. Que estean nos catro evanxelistas proba que son palabras fondas, densas, que se espallaron polas primeiras comunidades dando explicación moi seria da vida e da morte de Xesús. Cando o Fillo do Home, o Ser Humano, atopa a súa glorificación? Cando se salva, cando se constrúe a fondo unha persoa? Xesús teno moi claro e propono tamén con moita claridade ás persoas que queiran ser seguidoras del: non hai éxito en quen medra, engorda, se ama sen máis, e se constrúe ao marxe do amor, do servizo, da consideración cara ás persoas que o rodean. En cambio, pode haber éxito, haino e garantido en quen se entende coma gran de trigo que morre para dar froito; hai éxito en quen mesmo aborrece a “súa” vida, como algo particular, privilexiado, central, e entende que ser persoa a fondo soamente se é cando un vive coma membro dunha totalidade (familia, comunidade, sociedade...) á que se debe por agradecemento e por coherencia, coma quen é servido/a pola comunidade e coma quen á comunidade serve. Esta é a proposta que Xesús nos fai. Proposta de vida, de morte, de glorificación. Descentrados/as, para servir e gozar no comunitario, no total, no único, no Un. Non é doado vivir así, nunca. As persoas e as comunidades, as Igrexas, fuximos disto coma do lume. A proposta de Xesús segue sendo un reto para nós todos/as nos tempos de hoxe.

O evanxelista Xoán non nos fala da oración de Xesús en Xetsemaní, pero no evanxeo de hoxe tráenos palabras e sentimentos de Xesús que enganchan totalmente coa oración de Xetsemaní narrada polos sinópticos: Espírito turbado, medo, ganas de librarse do sufrimento, vontade firme de ser fiel a Deus, á xente, á xente débil maiormente. O plan de vida como servizo que Xesús presentaba antes, leva consigo frecuentemente unha experiencia de dor, de medo, de ganas de fuxir; o corpo e a alma séntense entre a espada e a parede; a espada do amor e do servizo, e a parede do pobo, de Deus. Hai aquí grande fondura, grande misterio: no máis fondo da dor prende e xermola a máis limpa alegría. E isto tócanos vivilo día a día en mil e unha ocasións. Xesús foi mestre nesta experiencia vital: sen querer o sufrimento, gustando verse libre del, aceptouno convencido cando o sufrimento se lle presentou coma consecuencia dunha fidelidade coa que quixo envolver a súa vida. E ofrécesenos para acompañarnos por estes camiños.

A voz do ceo, un trono ou un anxo, son formas simbólicas de falar, para nos confirmar que esta maneira de vivir, de morrer, de ser glorificado responde ao proxecto de Deus que é todo amor, paixón, entrega. Xesús viviu, morreu, glorificouse ao xeito de Deus, coma Deus. O seu camiño é un camiño limpo e fondo de humanización, que se nos ofrece tamén para estes tempos convulsos que estamos vivindo. Tócanos a cada un, a cada unha, mirar como cada día somos, podemos ser, granciño de trigo que morre para que o froito medre abondoso na casa, na comunidade, no mundo.


Preces:

QUEREMOS VER A XESÚS
  • Queremos deixarnos coller pola maneira orixinal, fonda que Xesús tiña de ver e de vivir a vida. Por iso oramos.
  • Queremos ser grans de trigo que cae na terra da comunidade e morre para chegar a dar froito abondoso. Por iso oramos.
  • Coma persoas, coma comunidade, coma Igrexa, queremos estar no medio da nosa sociedade coma quen serve e atopa en servir o sentido e o gozo de vivir. Por iso oramos.
  • Queremos sentirnos consolados/as e confortados/as nas horas de sufrimento e de medo, cando nos sentimos tentados/as de deixalo todo, de fuxir, de atender só ao noso. Por iso oramos.
  • Queremos ter forza, humor e amor para acompañar a quen peor o estea pasando nestes tempos de paro, de angustia, de desesperanza, de enganos, de perda de dereitos. Por iso oramos.
  • Queremos berrar con quen saia de folga: non ao abuso e á acumulación do capital, si ao pan e ao traballo digno para todas e todos. Por iso oramos.


Pregaria:

Señor Xesús,
que sexa sabio, sabia, para a vida
coma ti o fuches.

Que me descubra na miña identidade fonda,
centrada, centrado no corazón de Deus,
no corazón da comunidade,
coma ti, Xesús.

Que saiba servir sen amargura,
porque me sae de dentro,
desa fonte inesgotable de amor comunitario
que ten en Deus a súa orixe e alimento diario.

Que saiba morrer a min mesmo cada día,
nas cousas pequenas e humildes de cada día,
nos servizos sinxelos ás persoas sinxelas que me acompañan,
sabendo, sentindo, vivindo, gozando
que é así como me fago feliz.

Que saiba servir nestas horas escuras da sociedade,
cando o débil se debe pregar ás esixencias do forte coma nunca;
que saiba nesta hora servir con intelixencia e paixón,
dando a cara, unindo vontades,
reflexionando, rezando,
defendendo dereitos, socializando a amor e os servizos.

Que acerte, Xesús, a seguirte no servizo,
a honrar o Pai-Nai co meu servizo,
a construír comunidade ao teu carón.

E nas horas turbas da vida,
cando a carga me pese abondo
e estea tentada/do de pousar e abandonar,
que te sinta ao meu lado termando pacientemente da miña debilidade.


Signo:
  • Uns grans de trigo.
  • O desenvolvemento dunha planta nacendo e desenvolvéndose: o xermolo primeiro, o talo, a espiga madura e logo gran, moito gran.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.