04 marzo, 2015

8 de marzo: Domingo 3 de Coresma (B)



Evanxeo: Xn 2, 13-25


Comentario:

O relato do evanxeo de hoxe presenta un feito histórico vivido por Xesús, que tamén recollen os outros tres evanxelistas, e unha prolongación simbólica do mesmo, que xa é cousa particular do evanxelista Xoán. O feito histórico narra un comportamento violento de Xesús, cando cun vergallo bota fóra do recinto do templo a vendedores de animais e aos que facilitaban o cambio de diñeiro, actividades estas que chegaran a ser necesarias para que no templo se desenvolvese o culto tal como a clase sacerdotal o fora organizando ou consentindo. A cousa chegara a converterse nun bo negocio para os responsables do templo, e Xesús non tolera que a casa do seu Pai estea convertida en casa de negocio. Protesta contra iso por unha vez dunha forma violenta.

O Evanxelista Xoán vincula ese acontecemento co da morte e resurrección de Xesús. Certamente que as autoridades relixiosas xudías provocasen a condena e morte de Xesús dependeu en boa medida desta postura de Xesús ante o que era o negocio do templo, e o que era, en consecuencia, baleirar a fe en Deus do máis sinxelo e vigoroso: a gratuidade, a oferta plural, universal, a adoración limpa, o deixamento de comenencias persoais ou de grupo. Xesús, apaixonado sempre, por Deus e polo ben que unha boa fe en Deus lle traería sen dúbida á xente –apaixonado, polo tanto, tamén pola xente nun mesmo movemento--, non pode tolerar iso, e protesta de forma contundente. Ben sabía onde se metía con ese comportamento, que Xesús non era parvo, pero a liberdade fonda que o animaba, a liberdade ante a vida e ante a morte, dáballe forza e poder para facer o que fixo.

O Coresma é un tempo especial para purificar e liberar a nosa experiencia relixiosa de aditamentos raros. O negocio, os cartos sempre foron un perigo para a relixión; unha crítica frecuente que se nos fai desde fóra, ás veces non merecida, pero moitas veces si merecida, é a de que tamén nós convertemos a relixión nun negocio, e que, en consecuencia, desvirtuamos a orixinalidade do divino, a orixinalidade de Xesús: Deus xa non é algo, alguén, gratuíto para quen queira amigar con el e beneficiarse da súa amizade, sen mediacións interesadas, senón alguén que, ao cabo, demanda cousas, cultos, que acaban levando o carto dos nosos petos aos petos dos seus representantes. Purificar a relixión do veleno dos cartos é sempre un paso primeiro, se queremos pensar en novas evanxelizacións tal como agora o estamos facendo.

Esta purificación pode ter varios camiños; un camiño pode ser o de negarnos a todo acto cultual que estea condicionado ao pago dalgunha cantidade de cartos; outra cousa é que, coma membros dunha comunidade cristiá teñamos que colaborar cos gastos que a comunidade cristiá teña para o desenvolvemento da súa vida: culto, xuntanzas, formación, etc. Outro camiño pode ser o de protestar, de forma persoal ou en grupo, de palabra ou por escrito, cando vexamos que o culto a Deus está mediado polos cartos, transmitindo a idea de que, se non pagas, non podes acceder ás bendicións de Deus. Outro camiño é vivir, fomentar e transmitir que un pode atopar e gozar a presenza liberadora de Deus en espazos non ritualizados, non controlados polo clero, libres polo tanto da tentación dos cartos e do poder. Disto deunos moitas mostras Xesús que, aínda que acudía ao templo, ensinounos a descubrir a bendición de Deus sobre todo en lugares e circunstancias que non tiñan nada que ver co templo. O corpo da xente, sobre todo da xente máis débil por calquera debilidade, é o templo especial de Deus, onde especialmente debe ser honrado.

O desapego entre cartos e relixión pode e debe realizarse tamén noutros ámbitos ademais dos cultuais. Non hai moitas vinculacións, por exemplo, entre os poderes económicos e algunhas persoas ou institucións eclesiásticas? Por outra banda, purificar a nosa experiencia relixiosa debe empezar polo desapego dos cartos, pero seguramente esixe moito máis. Hai moitas máis maneiras, por desgraza, de afogar a nosa experiencia relixiosa. Hai moitos camiños de desenvolvela e mellorala; todo o que soe a apego e solidariedade cos máis débiles é o máis certeiro.


Preces:

NON FAGAMOS DA CASA DO NOSO PAI
UNHA CASA DE NEGOCIO
  • Que nas comunidades cristiás sexamos humildes, libres e valentes como o foi Xesús, para todo. Oremos.
  • Que saibamos descubrir e denunciar os abusos, máxime cando se fan co nome de Deus por diante. Oremos.
  • Que demandemos servicios relixiosos gratuítos, pola maior honra de Deus e proveito espiritual da xente, comprometéndonos a colaborar economicamente na marcha das nosas parroquias. Oremos.
  • Que participemos nas protestas contra os actuais grandes señores dos cartos e os seus servidores, que están afogando a vida dos máis débiles. Oremos.
  • Que descubramos a Deus coma unha gran oferta gratuíta de paz, de alento e de esperanza para a vida. Oremos.


Pregaria:

Collemos o vergallo, Xesús,
si que o collemos,
collémolo moitas veces,
pero para limpar a casa allea.

E falamos de secularismos,
de relativismos, de laicismos,
e aproveitamos tempos e ocasións
para fustrigalos incansablemente
coma os grandes causantes de todos os nosos males.

Pero á casa propia non se lle toca,
e quedamos tan panchos,
satisfeitos de ter limpado a casa de Deus
de canto a anoxaba e ofendía,
de ter liberado a experiencia de Deus
de canto a velaba e impedía.

Collemos o vergallo, Xesús,
pero só ata un punto,
o punto preciso onde aparecen os nosos medos,
e intuímos prudentemente
que seguir golpeando pode traernos consecuencias desagradables,
pode afectarnos ao peto
ou á honra, o bo nome, a boa fama.

E aí paramos,
aínda que a honra de Deus estea en xogo
e estea en xogo tamén o pan dos pobres,
os dereitos da xente humilde,
a esperanza dos homes e mulleres en paro.

Coller o vergallo, Xesús,
ata para iso podemos aprender de ti,
ata para iso quero aprender de ti,
que non son doados os camiños da fe e da vida,
do pan e da liberdade.

Xesús, Xesús,
saber coller o vergallo,
no teu nome,
só no teu nome
e no nome da xente máis débil,
a túa preferida,
para a gloria de Deus
que resplandece no respiro das persoas afogadas.


Signo:
  • Un vergallo, un látego.
  • Uns utensilios de limpeza.
  • Unha presada de cartos, moedas ou billetes.
  • Un santuario.
  • A palabra Deus entre rellas ou barrotes.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.