venres, 17 de abril de 2015

19 de abril: Domingo 3 de Pascua (B)



Evanxeo: Lc 24,35-48


Comentario:

O Evanxeo de hoxe abunda nas experiencias das que falaba o Evanxeo da semana pasada: nun contexto de medo, de dúbidas e de sobresalto, afirmar a paz radical que nos chega de Xesús resucitado, confirmarnos na súa presenza viva no medio de nós, ofrecernos elementos para lle ver sentido ao sufrimento e mesmo á morte nun marco de fidelidade a Deus e á xente máis desvalida, e embarcarnos nunha tarefa, a súa tarefa, de reconciliación fonda de persoas, de grupos, de sociedades. De todo iso estamos chamados a ser testemuñas todos os homes e mulleres que nos dicimos crentes en Xesús resucitado. Que fermoso sería chegar a ser cada comunidade cristiá un grupo humano cheo deste dinamismo, destas conviccións, desta humilde vontade de loita e de servizo! Cada comunidade cristiá podería revisarse a si mesma, para ver que é o que a está freando e que o que a esta potenciando para a tarefa que Xesús nos encomenda.

Que nos di, que nos ofrece, que nos demanda este Xesús resucitado ás persoas crentes que neste momento estamos metidos no rebumbio social que acontece arredor de nós, en nós mesmos? Moitos de nós, homes e mulleres destes tempos, andamos, coma as primeiras persoas que seguían a Xesús, con sobresaltos, con medo, asustados, con dúbidas. As inseguridades son de tipo económico (posto de traballo, soldos, hipotecas, ...) e de garantía daquelas atencións básicas que lle dan unha confortabilidade normal á nosa existencia (saúde, ensino, servizos sociais,...); pero, por leis normais do xeito de ser das persoas e das sociedades, esas inseguridades van afondando na nosa existencia e vana convertendo nunha existencia máis fráxil, máis dependente, más dominada, menos libre, menos humana..., sempre e cando non nos situemos ante esta realidade dun xeito vivo e creativo, dun xeito, diría eu, evanxélico, resucitado e resucitador.

Que nos di, logo Xesús resucitado, que nos ofrece a cantos/as esteamos metidos na realidade complexa que hoxe boa parte da nosa sociedade vive e padece? Xesús resucitado empezaría por dicirnos que non nos fagamos os únicos, coma se o que vivimos nós nunca outros o vivisen ou non o estivesen hoxe mesmo vivindo. No seu tempo o cadro social non daba para moitos máis optimismos, máis ben para moitos menos. E nos nosos tempos, millóns e millóns de cidadáns/as do mundo están pasando desde hai moitísimo tempo por situacións bastante máis complexas das que nós estamos soportando. E que ben, se ao achegarse a crise ás nosas casas e cidades, abrimos os ollos e empezamos a decatarnos do mal alleo tamén. Mal de moitos, logo, consolo de parvos? Non, mal de moitos, maior decisión, mellor clarividencia, solidariedade máis decidida.

Xesús resucitado ofrécenos cambiar os medos por compromisos: as súas chagas en mans e pés son o sinal manifesto da súa implicación polo cambio real, a fondo, de todo o que na sociedade deprime e deshumaniza. E, curiosamente, el mesmo transmítenos o convencemento de que aí, nese sufrimento derivado do compromiso en Deus pola dignificación da vida das persoas, pode haber, hai, unha grande paz. Esa paz é a que el nos ofrece a mancheas; e non é unha paz nin covarde, nin tramposa, ben o sabemos.

Xesús recórdanos tamén que a lei do esforzo, da loita, do sufrimento, da morte incluso, é lei normal da historia humana; vivírao e anunciárao a mellor tradición relixiosa do seu pobo (Moisés, os Salmos, os Profetas), e a súa experiencia vital era o mellor testemuño do mesmo. Pois vaia panorama, dirá alguén! Pois si, vaia panorama! Non hai humanización, en ningunha situación, sen esforzo, sen loita, sen cruz; pero tampouco non hai esforzo, loita, cruz, no amor, que quede desamparado e privado de triunfo, de resurrección. O mundo está cruzado pola dor, pero estao, a niveis máis fondos e resolutivos, polo apaixonamento e o amor. E iso é o que sempre abre camiños.


Preces:

QUE O TEU AMOR ABRA O NOSO ENTENDEMENTO, XESÚS!
  • Para descubrirnos coma persoas envoltas pola forza de vida e de amor que triunfou no teu mesmo corpo entregado. Oremos.
  • Para decatarnos de quen o está pasando mal e poder ofrecer compaña e axuda. Oremos.
  • Para ser capaces de soñar cun sistema político e social máis limpo e humanizado, no que a xente débil sexa de verdade sempre a primeira. Oremos.
  • Para entender que non é perder o tempo visitar as persoas, falar con elas, alentalas, embarcalas na tarefa común, como ti mesmo adoitabas facer. Oremos.
  • Para aprender a formarnos e informarnos, de xeito que non comunguemos coas rodas de muíño coas que nos queren facer comungar os que hoxe controlan os cartos e nos queren controlar tamén a nós. Oremos.


Pregaria:

Grazas, Xesús,
por estar vivo no medio de nós,
alentando as nosas vidas, as nosas comunidades.

Grazas pola túa paz,
esa paz que a diario nos fai falla
coma auga de maio en tempo de seca.

Grazas, Xesús,
por encararte cos nosos medos, dúbidas e sobresaltos,
por comprendelos,
por acompañarnos na tarefa de superalos.

Grazas pola túa oración do Noso Pai,
na que nos pides preocuparnos polo pan de cada día,
pois entendes que o sustento é imprescindible,
aínda que non só con pan se amañe a xente.

Grazas, Xesús,
polas persoas que, hoxe máis ca nunca,
loitan polo pan de cada día,
polo posto de traballo, polo salario digno.

Grazas polas persoas que o fan solidariamente,
ancheando a tenda da súa vida, da súa loita,
para que non haxa grupos excluídos dela.

Grazas, Xesús,
por abrir coa cruz, froito do amor comprometido,
camiños novos, imprevistos,
de vida e de liberdade.

Grazas por te fiares de nós
e solicitarnos axuda para a preciosa tarefa
de humanizar esta humanidade nosa,
e a cada persoa que fai e a representa,
e sermos así as túas fieis testemuñas.


Signo:
  • Unha luz que ilumina e axuda a entender.
  • Unha cruz da que saian raios de luz.
  • Rostros de líderes, homes e mulleres, tamén mortos para dar vida.
  • Signos de vida: auga, flores, froitos, apertas...



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.