21 abril, 2015

26 de abril: Domingo 4 de Pascua (B)



Evanxeo: Xn 10,11-18


Comentario:

O Evanxeo de hoxe recolle parte dunha reflexión do evanxelista Xoán sobre a identidade de Xesús, que ocupa a metade do capítulo 10 do seu Evanxeo. Esa identidade coméntaa Xoán a partir da imaxe do pastor, imaxe á que se recorría xa no Antigo Testamento cando se quería falar de Deus mesmo, ou dos seus representantes máis considerados. No apartado deste domingo a reflexión versa sobre a realidade e o sentido da morte de Xesús, cousa que conmocionou moito aos primeiros seguidores e seguidoras de Xesús; para entendela e asumila tiveron que pararse, pensar, orar, meditar en vivencias próximas aparecidas xa no Antigo Testamento, e, sobre todo, tiveron que deixarse envolver pola realidade mesma de Xesús, que desbordaba todos os anuncios e promesas.

Xoán xoga coa imaxe do pastor amo e do pastor asalariado, contrapoñendo figuras e funcións, intereses e apaixonamentos. Ao pastor amo as ovellas interésanlle; ao asalariado interésalle o salario. Como ao pastor amo lle interesan as ovellas, por iso mesmo é capaz de dar a vida por elas, se fixer falla. E iso é o que fixo Xesús. Interesoulle a tope o pobo pobre, desnortado, deprimido, asoballado por poderes políticos e relixiosos, asoballado tamén pola propia inconsistencia e pecado, e levou as cousas ata o extremo, ata o fondo, ata a morte. A súa tarefa esténdea sobre todos e cada un, cada unha de nós. É ben gratificante e animador saberse obxecto da paixón de Xesús.

Xoán esténdese noutra condición típica do pastor apaixonado: é coñecedor das súas ovellas, establece con elas unha relación de coñecemento e intimidade, comparable coa que poden ter entre si os dous membros dunha parella. Xesús ofrécenos esta intimidade e invítanos a ela; intimidade que non é senón un reflexo da intimidade mesma que el ten establecida con Deus Pai/Nai.

Xesús non fixo de todo isto un xogo espiritualista, como moitas veces adoitamos facer nós; sabémolo ben polo estilo de vida que el levou, polos compromisos concretos coas persoas nos que el sempre se embarcaba. O seu era coñecer a xente, entendela, acompañala, entregarse a ela, ofrecerlle todo o que era e tiña, así, día a día, persoa a persoa, ata o acabamento final, que foi o estoupido desmedido de amor en Deus e pola xente. A morte de Xesús convértese así na referencia dos nosos servizos, dos nosos amores: gratificados/as por ela, obsequiados/as con ela, urxidos/as por ela, comprometidos/as nela.

Xesús abre a tenda do seu amor, da súa vida en tempos e espazos ilimitados; nada, ninguén queda ao marxe das súas ansias: o soño eterno dunha humanidade reconciliada, vinculada á experiencia diaria do amor e do servizo, desde o minúsculo detalle agachado no recanto máis retirado dunha vivenda, ata a acción máis solemne e pública coa que queiramos proclamar a prioridade dos máis débiles no ensarillado social.

O de Xesús foi así: andar coa vida nas mans e no corazón, dando libremente, con esa liberdade fonda, fondísima, que só é capaz de criarse ao abeiro do amor, da paixón polos demais, polas demais, enredada en Deus día a día, hora a hora.

Imaxinámonos a Xesús deste xeito vivindo os tempos de hoxe, duros, complexos, angustiosos para moitos/moitas, abertos por iso mesmo á sorpresa, ao inaudito de Deus? O Evanxeo de hoxe invítanos a asolagarnos na persoa, no estilo de Xesús, a enchouparnos del, e a recrear no Espírito a súa presenza nesta hora, coa humildade de quen se sabe aprendiz, coa ousadía de quen se descubre amado e acompañado diariamente por un mestre sabio e experimentado en loitas curtidas.


Preces

GRAZAS, XESÚS, BO PASTOR
  • Porque nos ensinas a mirar polas persoas, sobre todo polas que están en perigo de sufrir calquera tipo de abuso ou atropelo. Rezamos.
  • Porque coa túa vida nos ensinaches a amar con verdade, sen trampas, sen falsas aparencias. Rezamos.
  • Porque nos chamas a intimar contigo, con Deus, e a intimar coa xente que nos rodea, sen contentarnos con relacións baleiras e inútiles. Rezamos.
  • Porque fuches libre para amar, para servir, para protestar, para plantarte diante dos poderosos políticos e eclesiásticos. Rezamos.
  • Porque o teu corazón non ten barreiras, e queres a toda a xente unida en Deus na dignidade dunha vida recoñecida e auténtica. Rezamos.


Pregaria:

Que marabilloso resulta, Xesús,
vivir ao abeiro da túa persoa,
da túa vida,
dos teus plans e proxectos,
dos teus soños!
Que marabilloso es, Xesús!

Que alentador descubrirte
coñecendo e amando de verdade a xente,
a toda a xente,
aínda que preferentemente a máis débil da túa contorna!
Sempre a xente débil a meniña dos teus ollos!

Que consolador, polo tanto,
ver que me coñeces e que me estimas,
que non reparas nas miñas maldades
para vincularte comigo,
para acompañarme na densa tarefa cotiá
de ser home ou muller,
de ser irmán ou irmá!
Grazas pola amizade íntima que me ofreces!

Que animador erguerse cada mañá,
e verte ao noso lado
axudándonos a abrir os ollos
e descubrir os novos lobos modernos
que rapinan e dispersan as ovellas;
os mercados e os seus levadores
que esquilman o pobo,
que o debilitan e someten,
que o converten en mantenza dos seus intereses!

Que esixente tamén, Xesús,
pretender acompañarte paso a paso,
sen facer do amor un enredo baleiro,
sen facer do servizo unha palabra lixeira!
Grazas polas persoas concretas que me impiden perderme en vaguidades
polas organizacións que me abren ao social e comunitario!

Que fonda e grande e limpa
a túa liberdade, Xesús!
Empeñada día a día
en gañar tamén a miña!


Signos:
  • Algo que simbolice os mercados caendo sobre a xente e esmagándoa.
  • Unha man freando aos mesmos mercados.
  • Fronte a fronte persoal con Xesús.
  • Fronte a fronte persoal coa xente débil que mellor o representa.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.