xoves, 28 de maio de 2015

31 de maio: Domingo da Santísima Trindade



Evanxeo: Mt 28, 16-20


Comentario:

Despois de pechar o tempo pascual coa festa de Pentecoste, poñémoslle coma un broche de ouro coa festa da Trindade. É unha maneira sinxela de dicir que todo canto de fondo e marabilloso estivemos vivindo, seguindo os pasos da vida, da paixón, da morte e da resurrección de Xesús de Nazaré, ten sentido nese marco simple e inabarcable, próximo e misterioso, que é o marco da Trindade: o Pai, o Fillo, o Espírito Santo.
A Trindade máis ca unha teoría sobre Deus é unha práctica posible en Deus, desde Deus. Que Deus sexa trinitario, como afirmamos no noso credo, quere dicir cousas substanciais, fondas: que o noso Deus é Deus, que o noso Deus é Deus en relación, que sae de si permanentemente e se vincula con toda a creación, con todos e cada un dos homes e mulleres que xeración tras xeración fomos e imos compoñendo a humanidade; que se vincula con toda a creación, e con todos e cada un dos seres que a compoñemos, non desde unha simple aparencia ou dunha distancia prudente, senón desde unha case identificación, desde unha case unidade, que nos permite sermos en Deus, e que lle permite a Deus ser El mesmo en nós.

Deus é sempre, polo tanto, un Deus feito carne, feito mundo, feito historia, antes e despois de que contundentemente realizase isto na persoa do seu fillo Xesús. Xesús, encarnación de Deus, é o que nos abre os ollos para que nos decatemos de cal é a realidade máis fonda e determinante de cada un de nós: somos tamén encarnación de Deus, e estamos chamados a desenvolver o mesmo dinamismo de presenza do divino en nós que Xesús viviu. De nada nos valería crer na encarnación de Deus en Xesús, se non cremos nesa mesma encarnación de Deus en cada un, en cada unha de nós, e se non lle deixamos a Deus ser Deus nas nosas vidas miúdas.

Todo isto son redes fondas de identidade humana, crente, de identidade social e cósmica, que se tecen e se desenvolven no Espírito, o cal non quere dicir que sexan algo caprichoso, algo sen fundamento. O Espírito é este vínculo fondo, creador, dinamizador que nos permite andar en rede, andar vinculados, andar en comunidade, andar en solidariedade ao redor desde foco de luz, de amor e de solidariedade que é Deus.

En Deus, pois, somos todos, todas, persoas trinitarias tamén. A Trindade non é algo alleo a nós, é a nosa mesma condición de vida: somos encarnación de Deus no Espírito. Somos fillos, fillas, no Fillo, no Espírito. E isto vívese, realízase, fortalécese, experiméntase sempre que deixamos que as nosas vidas se tezan con fíos de comuñón, de solidariedade, de dependencia positiva, de interdependencia, superando egoísmos, superando obsesións por considerarnos a cada un, cada unha de nós, coma o centro de non sabemos qué, rompendo coa praxe do ‘sálvese quen poida’, e abríndonos a todo o que cree vínculos e nos descubra e potencie coma membros dun todo común, dun todo único, que é ese Alguén, a quen, sen saber moito o que dicimos, chamamos Deus.

A Trindade non se entende desde unha mesa de estudo, senón desde a práctica da vida. Non se sabe lendo libros, senón tratando persoas, tratando a Deus. Non se percibe desde o illamento, senón desde a construción de vínculos, de pontes, de relacións. Sempre é tempo para vivir en trindade, pero os tempos que vivimos sono moi especialmente. Reeditar o trinitario, descubrindo as redes fondísimas que nos unen, e pensando e actuando en comunitario. O paro do veciño ou veciña é o meu paro; a súa angustia é a miña, os seus temores son os meus. O cancro da Luísa é o meu cancro. Pero tamén é miña a ledicia de quen atopa traballo, e a ledicia de quen se ve ben atendido na casa polos seus, e a ledicia de quen se soubo considerada, aínda sendo pobre e non estudada, etc. Un mundo marabilloso, un mar de tenrura a base de pequenas pingotas de gozo ou de dor que tamén poden saír dos nosos ollos humanizados, divinizados.


Preces:

EU ESTAREI CONVOSCO ATA A FIN DO MUNDO

  • Porque precisamos de ti para saír de nós mesmos/as e interesarnos por calquera dor ou gozo que estean vivindo os nosos veciños/as. Acollemos a túa promesa, Xesús.
  • Porque precisamos de ti para descubrir a Deus nas nosas vidas, e deixarlle construír en nós o ser humano comunitario, solidario, que El quere. Acollemos a túa promesa.
  • Porque precisamos de ti para poder ilusionar a outras persoas coa fe que ti nos deches, coa vida comunitaria que nós coidamos no teu nome. Acollemos a túa promesa.
  • Porque precisamos de ti para soñar e construír sociedade nova, agora que estamos vendo que a vella sociedade capitalista dá de si tantas desigualdades e corrupcións. Acollemos a túa promesa.
  • Porque precisamos de ti para vivir o día a día con paz, con ilusión, con alegría, gozando das cousas que temos, gozando cos irmáns e irmás que nos rodean. Acollemos a túa promesa.

Pregaria:

Escóitame, mírame, ábreme,
estou á túa porta,
con todo canto son,
con todo canto teño,
disposto a regalar, a compartir,
a encher o teu baleiro coa miña presenza,
a iluminar os teus ollos cansos,
a erguer o teu corpo abatido.
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido!

Tráioche un obsequio grande,
o máis grande que atopei no meu corazón:
tráioche o rostro de cada ser humano
como cousa miña, túa, de todos/as;
e con cada rostro un pan debaixo do brazo:
a forza do Espírito
para que non vexas nunca a ninguén
coma alleo e menos coma inimigo,
para que o vexas e sintas coma irmá e compañeira.
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido!

Ábreme a porta, amiga/o,
comamos xuntos, bebamos xuntos,
enredémonos xuntos,
soñemos xuntos,
convertamos xuntos este mundo de illotes decadentes
nun espazo familiar denso
onde abunde o pan e reine a ledicia,
onde a dita de vivir
se espalle coma unha onda de esperanza
polos rostros angustiados dos meus fillos/as máis pisados/as.
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido!

Ábreme, que somos un,
que sen ti nin podo nin sei vivir!
Que te levo escrito/a na palma da man,
debuxada/o no meu corazón con trazos de tenrura,
á espera da hora ditosa do amor
cando o mundo estoupe en luces de mil cores
a forza de tanto mirar un pola outra!
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido,
que vou, meu amor, dentro de ti,
que vas, meu amor, dentro de min!


Signo:

  • Calquera cousa que signifique comuñón, totalidade compartida: lazos, redes, grupos, conxunto de cores, arco da vella, ...
  • Calquera cousa que desde o pequeno integrado faga soñar no grande: gran, area, pinga, folla, corazón solto...
  • Calquera cousa que suxira soño, inmensidade, plenitude...



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.