martes, 12 de maio de 2015

Festividade da Ascensión do Señor



Evanxeo: Mc 16, 15-20


Comentario:

Celebrabamos a Ascensión do Señor 40 días despois da Pascua, pero non debemos comprender estas datas como se houbese un tempo intermedio no que Xesús andase por aí dando voltas, medio de incógnito, para despedirse logo dos homes e mulleres que o acompañaran durante a súa vida e morte nesta terra, e marcharse para onda o Pai, a un lugar superior, que chamamos ceo. A nosa realidade humana, necesariamente marcada polo espazo e polo tempo, lévanos a entender desta forma as cousas de Xesús despois de morto e resucitado, pero aí non está nin moito menos o forte do que o evanxelista nos quere transmitir.
Desde o mesmo momento da súa morte Xesús descóbrese a si mesmo dunha maneira plena no espazo de Deus, entra en Deus gozosamente, e participa da súa plenitude como correspondía a quen no seu ser e no seu desenvolvemento histórico vivira sempre coma fillo querido e fiel de Deus. Se, conforme di o Concilio Vaticano II, “o misterio do ser humano non se aclara de verdade, senón no misterio do Verbo feito carne” (Gaudium et spes, 22), podemos pensar que tamén as cousas poden ser así para cada un, cada unha de nós. En Deus están as nosas raíces e en Deus está tamén a nosa redondez e plenitude.


A liturxia vai separando e invitándonos a ver e revivir cada un dos momentos desa densa experiencia (morte, resurrección, ascensión, pentecoste); esta é unha pedagoxía apropiada, para que poidamos descubrir a fondura de cada un deses momentos cruciais desa experiencia humana única. Contemplar a Ascensión, a parte de nos adiantar en promesa e esperanza o que será o noso porvir coma fillos e fillas de Deus, tamén nos supón, como lles supoñía aos primeiros seguidores e seguidoras de Xesús, ter que nos enfrontar con estas dúas realidades: non temos a Xesús fisicamente connosco, e, ademais e por iso mesmo, quédanos nas mans a tarefa de seguir desenvolvendo o proxecto persoal e social no que Xesús comprometeu a súa existencia.

De Xesús non temos a súa presenza material, corpórea, que día a día estivese ao noso lado resolvendo dúbidas, marcando camiños, tomando decisións, comprometendo a existencia diaria. Non o temos así. Pero témolo dunha maneira aínda mellor: témolo no Espírito, temos o seu Espírito, que, se o deixamos, traballa en nós, fortalécenos, capacítanos, para que día a día vaiamos asumindo a responsabilidade dunha vida cristiá, respondendo con sinxeleza e audacia a un tempo aos retos que a vida, momento a momento, nos vai propoñendo. Sen Xesús corporalmente ao lado, o Espírito pódenos levar a unha maior madurez. É a aventura humana, persoal e comunitaria, composta, para o crecemento, de dúbidas, de decisións, de erros, de certezas parciais, para a que o Espírito, co seu acompañamento fiel, ofrece garantías.

E quedamos coa tarefa de Xesús nas mans, que é anunciar a Boa Noticia de Deus a toda criatura. Para poder anunciar a Deus coma boa noticia é imprescindible vivilo primeiro coma boa noticia para cada un, cada unha de nós. Ninguén transmite o que non cre, o que non vive, o que non experimenta gozosamente. Moitas veces as persoas cristiás non vivimos a Deus coma unha Boa Noticia, que cada día nos levante o ánimo, nos dea esperanza para vivir, nos afiance no esforzo por humanizar a nosa existencia e a dos demais. Se é así, estaría ben que nos preguntásemos por que nos pasa iso; sobre todo se, por rutina ou por oficio, seguimos dicindo palabras fabulosas sobre Deus, que logo a vida contradí.

A palabra baleira cara a fóra non vale de nada. Xesús pedía acompañala de accións que poñen en claro a súa consistencia: Botar demos fóra, que pode ser eliminar todo aquilo que destrúe a unha persoa e lle impide rir e gozar coa vida; falar falas novas, que pode referirse a unha palabra consistente e tenra, coma a de Xesús, viva e alentadora, capaz de espertar firmezas e esperanzas onde todo era desencanto e temor; coller serpes coas mans, que pode querer dicir ter moita habilidade para manexarse nas situacións complexas da vida, ou ter audacia para non recuar ante o medo e as ameazas do poder; beber velenos sen risco, que pode querer dicir que no fondo non hai cousa que nos poida facer mal, porque estamos protexidos pola densa capa de amor misericordioso e fiel coa que Deus dispuxo envolver a nosa existencia; curar enfermos, que é claramente achegarse a quen padece de calquera mal para alivialo, espantarlle o sufrimento ou axudarlle a afrontalo con aires novos.

Falamos, ou polo menos oímos falar moito, de nova evanxelización. Que podemos facer cada un, cada unha, que pode facer a nosa comunidade cristiá para que a nosa palabra, a nosa vida cristiá recupere a frescura que Xesús soubo poñer --non outra— en momentos complexos e carentes de esperanza coma os nosos?


Preces:

DEUS, TI ES BOA NOTICIA!

  • Que, grazas a ti, poidamos vivirte realmente coma unha boa noticia que nos anime a vida, que esperte en nós ilusións e esperanzas. Oremos.
  • Que coa túa axuda saibamos reproducir en nós e transmitir algo do vigor, da tenrura, da valentía, do apaixonamento de Xesús. Oremos.
  • Que saibamos ser esperanza e alegría para as persoas concretas que ao noso carón o están pasando mal; que as vaiamos visitar, acompañar. Oremos.
  • Que nos dispoñamos a votar con conciencia, arrimando ao partido que non ande en cousas de corrupción, e que aposte por unha sociedade na que a xente máis débil sexa a primeira mellor atendida, e non como está pasando agora. Oremos. 
  • Que gustemos e agradezamos as pequenas satisfaccións da vida, coma un adianto da satisfacción total en Deus cando morramos. Oremos.

Pregaria:

Se ti non vés, Xesús, eu non vou.
So
non podo nada,
non vallo nada,
non chego a nada.

Contigo a carón,
co teu espírito roldándome a alma,
cos compañeiros e compañeiras de grupo,
coas veciñas e veciños,
si,
daquela si,
contigo si,
conta comigo.

Contigo, con Francisco,
onde haxa malas novas,
poña eu a túa boa nova
ou cousas que lle abran unha miguiña as portas.
Onde haxa desesperación,
poña eu esperanza miúda
ou cousas que lle sinalen o camiño.

Onde haxa desprezo aos sindicatos,
poña eu crítica e apoio para que sexan o que deben ser.
Onde haxa trampas e enganos,
falacias,
que auguran e prometen boa convivencia
sobre o a base do abuso e o atropelo,
poña eu lucidez e verdade
sobre o corpo desenganado da xente débil.

Onde haxa rancor e violencia,
poña eu, contigo, perdón e contundencia,
para que o mal non se asente na casa do abusador,
e tampouco na do abusado.
Onde haxa medo e pánico,
encollemento,
poña eu serenidade e audacia,
disposición,
para afrontar en grupo, en comunidade,
os retos do presente.

Onde haxa unha fe apagada ou morta,
fofa e palabreira,
poña eu con humildade a graza do teu nome
e a túa presenza nova e soñadora sobre o ronsel das horas.


Signo:

  • Unhas gallas secas, e, ao seu lado, outras gallas cheas de flores e froitos.
  • Un rostro apagado e outro rostro vivo, alegre.
  • Alguén construíndo un edificio, alguén labrando un campo, alguén sementando na terra.
  • Persoas illadas, de costas unhas para outras; ao lado, o grupo, conversando, debatendo, bailando.
  • Algunha asemblea do 15 M.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.