26 maio, 2015

Quinto encontro do curso 2014-2015



Símbolo: 
Ramiño de caraveles bermellos, dedicados a Oscar Arnulfo Romero, mártir, beatificado hoxe.

HONOR E GLORIA AOS HOMES E MULLERES MÁRTIRES

  • Honor e gloria ás persoas que morren por coherencia, por honestidade, por apaixonamento.
  • Honor e gloria a quen hoxe morre simplemente por ser persoas cristiás.
  • Honor e gloria ás persoas afogadas no Mediterráneo, mártires da inxustiza humana.
  • Honor e gloria ás persoas máis pobres que soportan o peso inhumano do capital.
  • Honor e gloria a quen se repón e denuncia, arriscando o seu honor, a súa vida.
  • Honor e gloria a Xesús de Nazaré, fonte e vigor de todo martirio.


Cantiga:

PORQUE ES GRANDE, NOSO DEUS, / E VÉN DE TI CANTO É BO,
DESDE ESTA NOSA TERRIÑA / DÁMOSCHE GRAZAS, SEÑOR.


Pregaria

O teu Espírito, Xesús,
canto precisamos o teu Espírito!
Coma o pan de cada día,
coma o aire que respiramos,
coma a auga que bebemos,
canto precisamos o teu Espírito!

MANDAS O TEU ESPÍRITO (3)
E RENOVAS O ROSTRO DA TERRA.

Espírito de ánimo e esperanza, Xesús,
nestas horas de amencer,
cando na sociedade e na Igrexa
vai habendo cousas, persoas, vidas
que nos invitan á ilusión,
a erguer os brazos con alento,
e non deixar que os acontecementos nos esmaguen 
e esmaguen a xente máis débil da sociedade.
Canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de indignación e de loita,
para protestar contra todo o que anula o ser humano
e o fai escravo das cavilacións dos poderosos;
para crear redes de información solidaria.
para construír vínculos de condolencia real,
para votar nas eleccións de mañá
pensando na xente e nos pobos máis fráxiles.
Canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de misericordia entrañable,
que nos amoleza os corazóns
e nos abra as carteiras,
para que ninguén se sinta só ou soa,
esmagada/o polas súas penas e cavilacións.
Canto precisamos o teu Espírito!

Espírito de perdón,
dado e recibido,
para que o mal non estenda sobre nós as súas redes,
para sermos libres a fondo,
para nacer coma criatura nova
para un mundo novo,
para unha Igrexa tamén nova.
Canto precisamos o teu Espírito!

O teu Espírito, Xesús,
o Espírito de Deus,
que nos axude a sentirnos en Deus en todo momento,
amados/as por El, perdoadas/os por El,
recuperados/as por El,
na súa intimidade, na súa aperta, no seu colo,
na aperta e colo da comunidade.
Canto precisamos o teu Espírito, Xesús!

Imposición das mans para transmitirnos o Espírito.

Ecos do Espírito en nós.

Noso Pai.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.