martes, 16 de xuño de 2015

21 de xuño: Domingo12 do tempo ordinario (B)



Evanxeo: Mc 4, 35-41


Comentario:

O domingo pasado Xesús, coas parábolas da semente, invitábanos a combater o desalento que podía afogarnos, paralizarnos, tanto á hora de construír a propia persoa, como á hora de construír a comunidade cristiá ou a sociedade nos diferentes factores que a compoñen. Hoxe o Evanxeo sitúanos ante outra realidade tamén paralizante que é o medo, os medos.

Xesús pasou por momentos de medo; as primeiras comunidades cristiás, tamén, e nós sen dúbida tamén. O evanxelista Marcos constrúe este relato para dar unha resposta ás situacións de medo que nos poden estar afogando, paralizando. Detrás do narrado no evanxeo probablemente haxa una experiencia real de medo nunha travesía calquera polo lago de Xenesaret, frecuentado por Xesús e os seus seguidores e seguidoras. Marcos bota man dese suceso, máis ou menos normal, para axudarnos a encarar os medos e non ceder á súa capacidade de amargarnos e anularnos a vida. A travesía en barca é a travesía da vida. A barca é a familia, é a comunidade cristiá, é cada un, cada unha de nós.

Todos, todas temos medos. E non é malo ter medos. O medo na xente é coma un aviso de que algo importante para min está en perigo; é un aviso para que me poña en garda, para que me dispoña a defender ese ben. Case poderiamos dicir que canto máis humana é unha persoa, máis e máis grandes poden ser os medos que a ameacen. Se só temos medo a quedar sen traballo ou a non dálo atopado –e vaia que é importante ese ben e ese medo!--, cando teñamos traballo, acabouse o medo. Se só pensamos no propio proveito, cando nos vemos máis ou menos satisfeitos/as, parece que desaparecen os medos. Pero se ademais de ter traballo –que, repetimos, non é nada pouco--, penso que preciso amizades, penso que necesito saber criar ben os fillos/as, penso que é ben para min coidar a miña personalidade, o meu espírito, penso que quero coidar a miña fe nunha boa comunidade cristiá, … daquela os medos poden ir a máis e tamén as ganas de superalos conseguindo esas cousas boas para min.

Se só teño medo ao que ameaza a miña persoa, atopareime cuns medos concretos, que eu irei coñecendo e afrontando. Pero, se me humanizo, se me fago persoa solidaria, se empezo a sentir coma meus os problemas, as dificultades da xente, daquela os medos irán a máis, e a máis tamén a dificultade de darlles cara. Por iso moitas veces renunciamos a ser persoas solidarias, aínda que no fondo nos gustaría selo e admiramos a quen así o fai. Os medos moitas veces marcan a medida da riqueza ou pobreza humana da nosa persoa.

Para empezar, o importante é recoñecer os nosos medos, darlles nome, identificalos. Tamén é importante ver que peso teñen, ver se realmente non estaremos obsesionándonos con cousas que en verdade pouco teñen que ver coa satisfacción fonda dunha persoa, e non pasaría nada con que carecésemos desas cousas. Por iso neste día podiamos facernos esta pregunta: que é o que neste momento da miña vida me está dando medo? Morte, enfermidades, rupturas familiares, mala crianza dos fillos/as, caciqueo dos poderosos, rebaixe dos servizos sociais básicos, carecer de traballo, empobrecemento progresivo, vernos sen fe, sen enerxías interiores, verme desprezado/a socialmente,… ou outras cousas máis de segunda orde: non poder ver aquel partido, non estrear traxe pola Primeira Comuñón da cativa, coller dous quiliños de máis…

Os medos non son malos, e poden dicirnos moito do que pasa no noso interior, no interior da nosa familia, da nosa comunidade cristiá. Pero se o medo manda en nós, daquela si que pode ser o caos: a angustia, o acelere, a agresividade, a cegueira, a paralización. Cruzarse de brazos ou sacudilos coma un tolo, sen resolver nada. Fundirnos na depresión ou berrar contra todo e contra todos, sen que nada cambie.

O Evanxeo de hoxe suxírenos cousas para afrontar os medos: a primeira, saber que non estamos sos. Normalmente temos xente ao noso redor, xente próxima, amiga, membros da mesma comunidade cristiá, dos grupos sociais e políticos nos que participamos, xente coa que poder compartir os nosos medos e as nosas loitas. E nunca estamos deixados/as da man de Deus. Na barca sempre vai Xesús, aínda que nos pareza que vaia durmindo, alleo ás nosas loitas. Está aí. E está dando o que pode dar, non unha solución milagreira ás nosas dificultades, senón a serenidade necesaria, a fe imprescindible, a confianza ilimitada que nos permite artellar maneiras de afrontar na súa raíz as causas dos nosos medos. E, no peor dos casos, nos casos de derrota, que os hai normalmente en toda existencia humana, ofrecendo sempre unha man para acompañarme, para recollerme, para recompoñerme, porque nunca as fontes da nosa felicidade se esgotan, simplemente porque non están nas nosas mans, senón nas de Deus.

A Eucaristía pódenos valer para espertar nós a esa presenza permanente do señor Xesús nas nosas vidas, para axudarnos a vivir os medos dunha maneira construtiva.


Preces:

SEÑOR XESÚS, MESTRE, QUE AFOGAMOS!
  • Pensando na xente que está sen traballo ou que está en soidade, sen agarimo e acollida na vida. Oramos.
  • Pensando nos inmigrantes africanos que se arriscan a cruzar o Mediterráneo e a afogar nas súas augas. Oramos.
  • Pensando nos produtores de leite en Galicia que se están vendo afogados por certas empresas. Oramos.
  • Pensando nas persoas cristiás que polo mundo adiante son perseguidas e asasinadas simplemente por seren cristiás. Oramos.
  • Pensando nos nenos e nenas orfas, desvalidas, que se mal crían na rúa, ameazadas por abusos de todo tipo. Oramos.


Pregaria:

Estás durmindo, Xesús,
durmindo mentres os medos invaden a tanta xente,
como é posible?

Eu tamén moitas veces durmo,
mentres o mal ameaza a abate a xente de preto ou de lonxe;
durmo, pero non é por abundancia de fe,
senón por escaseza de solidariedade.

Medos, medos, medos substanciais
a perder o traballo, o pan, o fogar,…
medo a que a guerra me pille,
a ter que fuxir do país,
a andar errante, a emigrar,
a non atopar quen me acolla con respecto.

Medos parvos tamén, paifocos, burgueses, pero medos,
a ser algo menos ca o outro,
a non poder lucir ben na voda do meu fillo,
a coller algúns quiliños de máis,
ao stress de despois das vacacións.

Medo á enfermidade, á morte,
medo a verme envolta nas teas de araña do mundo das finanzas,
medo a perder a fe ou a vivila apagadamente,
a que a miña comunidade cristiá esmoreza,
a que imperen crenzas que deshumanizan,
a que se instale entre nós a cultura política do favoritismo,
a que a xente nova se banalice máis aínda do que o estamos os maiores
(que xa non é pouco).

Medo, medo a non ser nós,
a que nos rouben o pasado, o presente e o futuro,
a quedar colgados no aire da nada,
sen ter onde facer pé,
nin onde botar as mans,
sen ter soños para soñar.

Non quero, Señor, pastillas para agochar os medos.
Quero velos de fronte, Xesús.
Quero poñerlles nome, sen ignoralos nin axigantalos
e responderlles con fe.

Que a túa forza nos acompañe
en cada hora, sempre.
Que a túa fe nos pacifique, nos vigorice,
nos permita durmir coma un cepo,
aínda sabendo que mañá a vida chamará por nós urxentemente.

Xesús, faime sitio cabo ti.
Quero tamén durmir ao teu carón.


Signo:
  • Unha barcaza con persoas subsaharianas sacudida no Mediterráneo.
  • Un rostro triste, deprimido.
  • Uns neniños, neniñas da rúa.
  • Labregos/as con gando de leite.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.