04 xuño, 2015

7 de xuño: Festa do Corpo e do Sangue de Cristo.



Evanxeo: Mc 14, 12-16. 22-26


Comentario:

Esta festa do Corpo e do Sangue de Xesús non deixa de ser unha reprodución ou repetición da festa do Xoves Santo, na que conmemoramos a derradeira cea ou cea de despedida de Xesús cos seus discípulos e discípulas, ao abeiro da cea pascual que naquel mesmo día ou ao día seguinte celebraba o pobo xudeu. Esta festa empezou a celebrarse na Igrexa no século XIII, espallouse xenerosamente por moitos países, e en España tivo e ten aínda unha importancia considerable. O acento característico da festa do Corpo e do Sangue de Xesús consiste en resaltar a presenza real de Xesús Cristo no pan e no viño da celebración eucarística, e en fomentar a devoción e adoración a esta presenza.

Recoñecer, adorar e agradecer a presenza de Xesús entregado no símbolo sacramental do pan e no viño é unha cousa ben fermosa e proveitosa. Aínda que moitas das formas ostentosas de celebrar esta festa no interior dos templos ou polas rúas das cidades quizabes non respondan moito ao sentido inicial que Xesús mesmo lle quixo dar a aquela comuñón no seu corpo e no seu sangue no marco dunha cea densa de festa, en memoria de liberdades xa ganadas con traballos e de liberdades aínda por conquistar a prezo de loita, sufrimento e morte. A prezo de don e de regalo tamén.

Xesús mesmo, co signo profético de partir e entregar o pan e tamén o viño, ceando cos seus discípulos e discípulas, soñando co cumprimento do reinado de Deus, implícanos e convócanos a todos, a todas, cara á súa realización cotiá, histórica, e embárcanos nunha fe confiada na poderosa forza de Deus, no Espírito, para que entendamos que ese soño é un soño con sentido, realizable, aínda que a súa realización, tamén para nós, pase por horas de tensión e sufrimentos, de bágoas e desalentos, como a el mesmo lle pasaba naquela mesma hora en que o pan e o viño se lle ían das mans, cheos da súa presenza apaixonada, cara o corpo e as vidas dos seus seguidores e seguidoras.

Qué ben que en cada Eucaristía que celebramos poidamos encontrarnos coma familia, coma comunidade, ao redor do Pan e do Viño de Xesús, ao redor do seu Corpo e do seu Sangue, ao redor do que foi a súa existencia histórica concreta, do seu estilo de vida e de convivencia, ao redor da vida, da vitalidade, da enerxía que a el o fixo poderosamente humilde para empeñarse con Deus e coa xente ata o máis fondo, sen reservarse nada, a forza de tanto amor, de tanta paixón! Que ben poder participar do calor da súa compaña, do vigor da súa enerxía, e saír da celebración con humildade e viveza dispostos, dispostas, ao gozo e á loita da vida, sen medos, sen chulerías, sabéndonos persoas de lama e po, sostidas por un amor maior que nunca nos fallará!

Xesús mandoulles a algúns dos seus discípulos que preparasen aquela primeira Eucaristía, aquela primeira celebración do amor apaixonado no seu nome. Era tan importante o que alí ía acontecer, que cumpría preparación, boa disposición dos espazos, das cousas, dos corazóns, das vidas. Xesús pídenos tamén hoxe que preparemos a celebración eucarística sempre e cando a celebremos, para non facer dela un rito máis, baleiro, espido de vida e de paixón, que deixe as nosas vidas no mesmo plano de indiferencia no que quizabes estamos vivindo. Cando Xesús nos pedía que fixésemos iso de partir e compartir o pan e o viño en memoria del, pedíanos algo máis ca ir á Misa todos ou algúns domingos; pedíanos que comprendésemos a fondo o sentido da súa entrega, que a agradecésemos e que entrásemos, ao ritmo da nosa propia debilidade recuperada por el, nesa mesma maneira de entender a vida, a realización, o éxito da mesma.

E a cantos ou cantas o Espírito nos empuxa cara á adoración agradecida do Corpo e do Sangue do Señor, ese mesmo Espírito, sen privarnos de tal devoción, quérenos recordar que son o corpo e o sangue da xente pobre, pecadora, marxinal, ninguneada, máis que aquel anaquiño de pan branco sen levedar, por moito que estea consagrado, os que mellor nos ofrecen a figura viva de Xesús, e os que con máis garantía de verdade e de acerto nos encamiñan pola senda liberadora do servizo. Que a Eucaristía, o Corpo e o Sangue de Xesús entregados, non é senón unha forma densa, vital, comunitaria, de dicir e de vivir que ao final o que importa é servir, o servizo que sanda e que libera.


Preces:

TOMADE, ISTO É O MEU CORPO
  • Grazas, Xesús, polo moito que nos amaches, polo moito que nos serviches. Que as túas palabras nos enchan de agradecemento. Oremos.
  • Grazas, Xesús, por todas as persoas que se sentiron confortadas e renovadas ao teu paso. Os teus feitos énchennos de alento e de esperanza. Oremos.
  • Grazas, Xesús, polas comunidades coas que tantas veces celebramos a túa memoria. Que coma ti sexamos xente de comunidade en todo. Oremos.
  • Grazas, Xesús, por seguires sempre connosco, na brancura inocente do pan consagrado e nas corpos abusados dos teus irmáns e irmás máis desprotexidas. Que saibamos adorarte no corpo da xente pobre. Oremos.
  • Grazas, Xesús, por todo o que sabe a unión, a comunidade, a encontro, a facernos uns, unhas, coas penas e alegrías dos outros ou outras. Que sexamos, coma ti, algo máis entregados/as cada día. Oremos.
  • Grazas, Xesús, pola túa creatividade para facernos ver o corazón de Deus e o teu propio corazón, sen trampas nin enganos. Que sexamos, coma ti, algo máis apaixonados/as cada día. Oremos.


Pregaria:

Polo teu pan, polo teu viño,
grazas, Xesús.

Polo teu corpo, polo teu sangue,
grazas, Xesús.

Pola túa vida xenerosa, entregada,
grazas, Xesús.

Pola túa firmeza e persistencia,
grazas, Xesús.

Por te deixares coller a tope por Deus,
grazas, Xesús.

Por te deixares coller a tope pola xente máis débil,
grazas, Xesús.

Por te deixares coller por cada un, cada unha de nós,
grazas, Xesús.

Por ofrecernos con limpeza o rostro de Deus,
grazas, Xesús.

Por ensinarnos a adoralo e coidalo en todo canto é débil,
grazas, Xesús.

Polo meu corpo, por todos os corpos,
grazas, Xesús.

Polo noso sangue, polo nosa alento, pola nosa vida,
grazas, Xesús.

Polos animais, polas plantas, pola materia toda,
grazas, Xesús.

Porque todo zumega Deus,
grazas, Xesús.

Porque ti, no teu corpo, no teu sangue,
en todo canto dixeches e fixeches,
zumegaches Deus,
grazas, Xesús.


Signo:
  • Un pan, unha xerra con viño.
  • Unha mesa, unha familia.
  • Un cadro da derradeira cea de despedida.
  • Corpos de xente pobre, marxinal, expostos para a adoración e o coidado.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.